"A peor fenda dixital é a socio-económica"

Falamos con Sergio Lago sobre os efectos e os retos do 'acelerón dixital' forzado polo confinamento

Falamos con Sergio Lago sobre os efectos e os retos do 'acelerón dixital' forzado polo confinamento
Sergio Lago Foto: T. Navarro /CCG
Sergio Lago, para quen non o coñeza, é xestor cultural e coordinador de proxectos, especializado no ámbito dixital. Leva desde 2003 vencellado ao sector cultural de diversos xeitos, inicialmente coa discográfica e estudo de deseño Falcatruada e posteriormente pasou por varias iniciativas nas que o factor dixital sempre estivo moi presente. Foi director da feira Culturgal de Industrias Culturais e deseñou e puxo en marcha o programa Coruña Dixital promovido pola Concellería de Educación e Cultura do Concello da Coruña, co fin de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas desde as redes dixitais. Actualmente forma parte de BenCuriosa (bencuriosa.gal), un equipo de profesionais centrado na consulta cultural, a formación especializada e o deseño de programas e eventos. Ademais imparte formación no Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC. Con estes vimbios acudimos a el para expoñerlle as dúbidas sobre os efectos e resultados que conleva o masivo uso das tecnoloxías dixitais e das redes ao que o confinamento nos forzou como sociedade e para entender un pouco mellor como foi a nosa resposta como sociedade e cales son os retos que temos por diante.

¿En que nivel de dixitalización nos colleu a Galicia o Estado de alarma e a paralización da actividade presencial co confinamento obrigado?

A dixitalización é un termo moi amplo. En realidade é unha dimensión xa tan transversal nas nosas vidas e que afecta a tantos ámbitos, que poderiamos pasarnos horas debullando como estamos a nivel cultural, educativo, industrial, de hábitos de consumo, de acceso a servizos básicos…

Falando en xeral, é evidente que o grao de implantación da tecnoloxía e o acceso á Rede facilitou sobrelevar unha situación tan atípica como o confinamento, especialmente para comunicarnos, socializar, teletraballar e poder acceder a información dun xeito que fai un par de décadas sería impensable.

¿Visualizouse unha fenda dixital en áreas concretas da vida persoal e colectiva? ¿Na cultura en particular como o percibes?

Esta situación creo que permitiu visibilizar que hai moitas fendas dixitais diferentes. Ata agora parecía que se asociaba sobre todo a unha cuestión xeracional, de persoas maiores que non se saben manexar con ferramentas tecnolóxicas.

Pero en realidade as necesidades básicas para este colectivo, que xa se ven na oferta e demanda de cursos de alfabetización dixital, son as de comunicarse, combater a soidade e non verse desconectados de determinadas esferas sociais. E durante o confinamento, entre o apoio familiar, algunha iniciativa institucional ou comunitaria e a necesidade viuse como se xeneralizou moito o uso das ferramentas básicas para isto. O acceso a un teléfono móbil básico e aprender a empregar aplicacións de mensaxería ou vídeo-chamadas non é un reto especialmente difícil de solucionar.


Outra fenda que é a dos problemas de conexión en determinados territorios, como no rural, é algo que é real e está aí. Pero se vas aos datos de implantación de alta velocidade e 4G, e eu revisei os datos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia que está desenvolvendo AMTEGA, eles falan de que hai un 98% da poboación que dispón de banda ancha, tanto en redes fixas coma sen fíos e que o outro 2% o fai a través de satélite. Segundo iso o 100% da poboación galega pode acceder a unha conexión de polo menos 30 Megas.

A peor fenda, inter-xeracional, é a socio-económica. Familias que non poden permitirse equipos dixitais e pagar unha conexión de calidade. E isto tamén arrastra a un déficit na alfabetización dixital… Un claro exemplo é a desigualdade que se fixo evidente na contorna educativa. Rapazada que por estas tres cuestións víronse desconectados dos intentos de manter un apoio educativo.

"PREOCÚPAME QUE SE TEÑA EN CONTA TODO ISTO PARA ENTENDER A QUEN CHEGAMOS E A QUEN RENUNCIAMOS CANDO TRABALLAMOS EN CONTORNAS DIXITAIS"



¿Como valoras o nivel de reacción á transformación dixital sobrevida nos niveis privado, das administracións públicas?

A transformación dixital é un reto a medio-longo prazo e con características diferentes para cada sector. O que vimos nestas semanas, na miña opinión, é improvisación con moi boa vontade para sobrelevar esta situación o mellor posible, cos recursos e competencias que cada un tiña a man. Pero unha transformación require planificación. Agardo que polo menos esta "experimentación á forza" servira para que especialmente as entidades de todo tipo, públicas e privadas, puideran reflexionar sobre as súas carencias, posibilidades de mellora e as oportunidades do ámbito dixital.

Houbo administracións locais e incluso creo que a Xunta que subvencionaron ou trasladaron equipos para familias con dificultades, que non tiñan equipamento na casa para que puideran seguir as aulas. Diso déronse conta aos 15 días ou un mes de comezar a situación. Despois a seguinte foi que non sempre desde a casa aínda que poñas un equipo había facilidades para conectalo, aínda que algúns viñan con conexión 4G, pero se cadra non facía falta chegar a esta situación para darse conta que toda a educación que pasa por unha contorna dixital incrementa desigualdades, ¿non?.

Outro dos mitos que permitiu poñer sobre a mesa o confinamento e esta educación dixital forzada, é o dos supostos "nativos dixitais". Fíxose evidente que as novas xeracións non veñen por defecto coa capacidade dun uso crítico das tecnoloxías e da información. Podes saber utilizar unha aplicación de móbil que está deseñada para que en catro pulsacións poidas facer determinadas cousas pero iso non significa que poidas desenvolver un uso completo e crítico da tecnoloxía. Cando falo de completo e crítico refírome a non só usar ferramentas senón dotalo dun uso creativo, funcional ou incluso sabes administrar a información que chega por esas canles. É importante reforzar as competencias dixitais para que poidan desenvolver unha cidadanía dixital plena.

¿E como viches a reacción das empresas e profesionais da cultura?

Neste caso non me preocupa tanto o que poida implicar as dificultades de parte do sector para producir contidos e estar presentes neste ámbito senón que se teña en conta todo isto para entender a quen chegamos e a quen renunciamos cando traballamos en contornas dixitais.

É importante ser conscientes de que hai unha cuestión de desigualdade no acceso e que non é puramente xeracional. Non é que renunciemos a chegar á xente maior ou que "hai que estar en redes porque é como se chega á chavalada", nin unha cousa nin outra. A cultura dixital tamén, se aposta fose ese o único camiño , que está claro que non o é, pois tamén crearía desigualdades ou as faría máis evidentes.

Para ter un impacto positivo nisto, a xente que traballamos desde un enfoque máis sociocultural temos aí as posibilidades de facer cousas moi interesantes para ter un impacto moi positivo para diminuír este tipo de fendas. Eu creo que as iniciativas que traballan a través da memoria, patrimonio inmaterial, fomentar creatividade... Eu sempre poño como exemplo o Fálame de San Sadurniño, que son iniciativas de alfabetización dixital pero que traballan a través da xeración de estas cuestións con persoas maiores, a maioría mulleres que acceden a toda esta contorna a través do traballo sociocultural. Eu creo que ai hai a posibilidade de ter un papel activo e non só ter un papel pasivo de espectadores de toda esta situación.

Din que ninguén se transforma ao dixital por gusto, senón por necesidade ¿A transformación dixital pode volver a situación anterior se pasa a emerxencia?

O concepto transformación a veces interprétase como "traslado" dun sitio a outro, pero a día de hoxe realmente o que está producíndose é unha fusión entre as dimensións físicas e dixitais nas nosas vidas tan forte (e tan inevitable), que non é posible manterse á marxe. Aínda que simplemente sexa para "protexerse" en cuestións como a privacidade.. O que temos é que aprender a convivir, xestionalo e coñecer as oportunidades e posibles perigos neste eido. Hai un reto das institucións para protexer os dereitos das persoas a unha plena cidadanía dixital. Sobre todo cando cada vez máis trámites se trasladan obrigatoriamente a esta contorna.

"ESTASE PRODUCINDO UNHA PARTICIPACIÓN CULTURAL MOI IMPORTANTE A TRAVÉS DAS REDES E A NIVEL DE SECTOR RESULTA PREOCUPANTE QUE SE TRATE CON DESDÉN TODO ISTO PORQUE NON SE SABE SACARLLE PROVEITO ECONÓMICO"



O consumo e uso de produtos culturais viuse limitado ao virtual e dixital, as cifras dalgúns eventos en directo foron grandes e seguro que as dalgunhas plataformas tamén, en todo caso a posta a disposición por parte dos creadores foi enorme e houbo interese por parte do público, que non tiña moito máis onde elixir ¿Cres que o hábito novo do público ao virtual chega para quedarse e normalizarse ou é circunstancial?

Non teño nada claro o impacto desta situación tan atípica. Salvo excepcións moi coidadas, o que puidemos atopar en redes foi sobre todo un intento de suplir unha oferta cultural concibida para ser experiencias ao vivo, sobre todo en prácticas artísticas que non podían continuar a súa actividade, como as artes escénicas e sobre todo a música. O resultado só poden ser sucedáneos e sempre nos van a deixar a sensación de que lle “falta algo”. Ademais, tecnicamente resulta complexo e caro chegar aos estándares de calidade que temos asumidos ao consumir produtos audiovisuais sobre contidos musicais ou escénicos. E sen falar xa da ausencia dun modelo para viabilizar economicamente esta actividade alternativa a medio prazo.

Producir contidos dixitais require pensar en propostas para as lóxicas desta contorna. Un terreo no que non se está a apostar dende o sector privado galego, pola falta de modelos claros para rendibilizalo. E tamén por falta dunha política cultural pública neste terreo. É un ámbito de traballo totalmente distinto e no que o preocupante é a posición de dominio dunhas poucas plataformas que homoxenizan a oferta.

Faría falta unha política de desenvolvemento "industrial" nos contidos dixitais, onde todo o sector cultural e creativo podería ter un papel importante. Pode ser algo anecdótico, pero ningunha administración está a traballar en cuestións como a imposibilidade de monetizar contidos en YouTube se se fan en galego ou que non existan subtítulos e dobraxe en moitas das plataformas audiovisuais, especialmente doloroso no caso das de orixe estatal.

Por outra parte a cultura non se limita só aos produtos artísticos que oferta un sector profesional. Eu destas semanas case diría que me interesa máis como a xente anónima se apropiou de ferramentas dixitais, perdeu o medo a experimentar con elas e compartiu en círculos privados ou en redes sociais. Esta cultura popular contemporánea que nutre as redes, onde a calidade do produto final non é sempre o máis relevante. Facer cultura tamén é toda esa creación que xurdiu.

Aquí entrariamos no debate clave que quedou algo apagado polas emerxencias da supervivencia dos sectores profesionais organizados: para que facemos cultura? e para quen?

A cultura non son só os produtos empaquetados listos para consumir, nin tampouco desde o ámbito institucional construír infraestruturas ou ofrecer programacións. O dereito a poder participar na vida cultural é o paradigma principal no que estamos e o que debera interesarnos aos axentes culturais.
Estase producindo unha participación cultural moi importante a través das redes e a nivel de sector resulta preocupante que se trate con desdén todo isto porque non se sabe como sacarlle proveito económico, pero estamos nun mundo no que a competencia é tamén pola economía da atención se cadra debera preocuparnos tamén por que alguén prefire pasar tempo consumindo contidos amadores ou producíndoos en vez de estar consumindo produtos súper profesionais. É unha dimensión que está aí, é moi relevante.

"O DIXITAL NON VAI SER A SALVACIÓN DUN MODELO DE EMPRESA CULTURAL BASEADA NA PRODUCIÓN ARTÍSTICA DE PRODUTOS PENSADOS PARA O PRESENCIAL"



O mercado laboral e profesional na actividade cultural van pasar durante un tempo por unha situación moi difícil ¿Cres que as habilidades e coñecementos para traballar co dixital e coas redes sociais pasan a ser un factor máis determinante neste momento?

O dixital non vai a ser a salvación dun modelo de empresa cultural baseada na produción artística de produtos pensados para o presencial. O problema é que non podes reconfigurar en tan pouco tempo a túa empresa nin hai modelos de negocio claros. Montar unha empresa de contidos dixitais é outra cousa.

Os retos para a maioría do sector cultural galego seguirán a ser os mesmos que ata febreiro de 2020: os da visibilidade da súa oferta. Se non sabes manexarte e proxectar o que ofreces dentro das lóxicas das redes resultarache máis difícil que a xente se interese polo que fas, sexan libros, música, obras de teatro, apps ou videoxogos...


En termos xerais ¿Cales son as debilidades e fortalezas que podes apuntar do noso sistema cultural para afrontar este momento?

A principal debilidade estrutural que sempre se lle bota en cara ao sector, a pequena escala, pode ser a fortaleza nun momento onde a proximidade e os pequenos formatos deberan primar por riba de todo.