Lugares onde rodar a correr

Nos últimos cinco anos proliferan as propostas que convidan a realizar curtametraxes en tempo récord

Nos últimos cinco anos proliferan as propostas que convidan a realizar curtametraxes en tempo récord
Rodaxe da curta Ti Tamén. Fotografía do LAV de Vedra 2019.
Desde hai pouco máis dun lustro, está a abrollar por todo o país un novo formato de cita arredor do audiovisual. A integrar creación e aprendizaxe, multiplícanse os encontros nos que se gravan pezas audiovisuais nun tempo limitado e en ocasións con regras específicas. Desde o pioneiro Chanfaina Lab ata propostas como o Kino Galicia, que está a se desenvolver este mes de febreiro en Compostela, repasamos as iniciativas deste tipo que están en activo.

Desde o pasado luns 10 de febreiro, un cento de persoas de vinte nacionalidades diferentes afánanse en desenvolver as súas curtametraxes contra o reloxo en Compostela. Como premio, unicamente a satisfacción do traballo feito. A segunda edición de Kino Galicia aparece como un dos últimos exemplos de propostas que animan á creación audiovisual realizada a toda velocidade. Media ducia de citas no país chaman, en diferentes formatos, a persoas que aman o audiovisual e o traballo baixo presión.

A orixe
A orixe deste formato no país pódese rastrexar ata a celebración na Coruña, en abril de 2013, de The 48 Hour Film Project. Esta iniciativa europea chamaba a desenvolver en dous días un filme completo, que ademais debía incluír un personaxe, un obxecto e unha liña de diálogo predeterminadas. Unha proxección posterior servía para escoller os traballos gañadores, que naquela xeira foron Mestizaxe Producciones coa súa curtametraxe Moc.



No seguinte ano repetiuse a experiencia co filme Los Soprimos de Mastín Burton Productions como proxecto vencedor, sen que desde entón se celebrasen novas xeiras.



Actualizado o 6 de marzo de 2020
A toda mecha
De xeito previo, este formato desenvolvera a súa posta de longo da man de Mr Misto Films. O FestivalOn de Ribadeo acolleu entre 2006 e 2010 cinco edicións do proxecto A toda mecha. Este certame daba 75 horas de prazo para desenvolver unha produción que optaba a un galardón de 3.000 euros. A iniciativa, que deu na súa primeira edición seis filmes, acabou na quinta con 14 participantes.



Chanfaina Lab
Este 2014 marcou tamén a posta en marcha do Chanfaina Lab. Esta iniciativa, nada ao abeiro da experiencia "Fálame de San Sadurniño" apostou pola posta en valor cinematográfica do territorio, ao convidar ás persoas participantes a gravar en localizacións do concello e a tomar como protagonistas este espazo e mais "as súas xentes e historias". A proposta mestura profesionais con recoñecida experiencia no audiovisual, nomes que comezan no sector e simples afeccionados con interese por contar algo. O modelo está a dar nunha importante participación local que na edición de 2019 chegou a case a metade das inscricións. Co tempo, esta cita consolidouse como un referente do que sen dúbida tomaron nota outras propostas similares. Como normas xerais, establécese que as pezas elaboradas non teñan máis de 5 minutos, unha total liberdade creativa e a xa mencionada atención ao local. A organización achega facilidades de aloxamento e desprazamento para participantes de fóra do concello e xestiona un sistema de voluntariado coa colaboración de diferentes asociacións locais que achega apoio "na localización de escenarios, botándolle un cabo na produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das súas historias", segundo adianta o Concello. A cita complétase cada ano con obradoiros e actividades formativas a cargo de profesionais do sector. Logo dos dous días de gravación, as persoas que participan no evento dispoñen duns meses para a edición e postprodución dos seus traballos, que se estrean no mes de febreiro e logo vanse publicando na rede cada fin de semana. Precisamente este sábado 15 de febreiro preséntanse nun maratón na Casa da Cultura de San Sadurdiño a trintena que traballos que se completaron entre os días sete e oito de setembro, durante a última edición do evento.



Olloboi en Boiro
Centrado no ámbito educativo, o proxecto audiovisual escolar Olloboi tamén integra unha proposta deste tipo no seu encontro anual. Para alén de proxectar as pezas as pezas que se desenvolven ao longo do curso no marco deste certame escolar, desde 2018 celébrase neste evento na localidade de Boiro a iniciativa Muchachada Matiné (Muchachada 4x4 a partir deste 2020). Esta proposta consiste "nunha actividade exprés de creación fílmica colectiva para grupos de alumnado de toda Galicia, coa axuda de profesionais galegos do cine e cómplices cidadáns de Boiro". Unha media de 150 alumnos e alumnas participan en cada xeira e compiten coas súas producións por un galardón aos mellor filme realizado en só seis horas.



A iniciativa apostou en diferentes anos por pór en relevo o papel das mulleres na vila ou dos traballos vencellados ao mar, a recoller testemuños e gravar persoas da zona propostas pola propia organización. Na edición de 2018 foron galardoadas neste certame as obras O paseo, centrado na figura de Bríxida Muñiz, concelleira socialista represaliada na Guerra Civil, ... e punto, sobre a importancia do sector téxtil na vila. En 2019 impúxose no Prohibido coger cabeza, unha reflexión sobre o traballo nas conserveiras da zona.







A fume de carozo en Vedra
A gravación ao vivo foi tamén a fórmula pola que apostou o LAV de Vedra na súa reformulación. Desde 2018 esta veterana cita de formación combina obradoiros e encontros co certame de curtas exprés A fume de carozo. Desta volta, chámase á participación en grupos e a organización revela ao comezo da actividade unha serie de requisitos específicos que deberán cumprir as pezas. Despois, o máximo de quince equipos participantes contan con 48 horas para desenvolver por completo as súas pezas "con total liberdade sobre o xénero (ficción, documental, experimental, videodanza...) ou a técnica, sempre e cando a curtametraxe cumpra as condicións establecidas e teña unha duración máxima de 5 minutos (créditos incluídos)", segundo explican as bases. O equipo técnico corre por conta das persoas participantes que contan co asesoramento da man de tres profesionais do audiovisual para as diferentes fases das producións. A produción gañadora recibe mil euros de premio.

Fas Muvis en Ourense
O Festival Internacional de Cine de Ourense sumouse tamén a esta tendencia 2018 coa posta en marcha do seu concurso Fas Muvis, límite 48 h. O proxecto propón a creación dunha peza audiovisual con dous días de gravación e outros tantos de montaxe, que se ampliaron a 3 días na edición de 2019. Na mesma tamén se creou unha categoría escolar para participantes de entre 16 e 22 anos. En cada unha destas categorías, cinco equipos dun máximo de cinco persoas deben gravar pezas relacionadas coa Cidade das Burgas "a destacar os valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais do Ourense e a súa contorna" con duracións de entre tres e dez minutos. Nas condicións establécese tamén que un 40% de cada obra deberá ser rodada nos exteriores da cidade e estar en galego. Un primeiro premio de 600 euros e un segundo 200 recompensan os mellores traballos. Aínda que son os membros dos equipos os responsables de conseguir o material técnico necesario, as bases do certame establecen un orzamento de 500€ para elaborar as pezas que achega a organización.







O Kino en Compostela
Desde este luns 10 de febreiro e ata o vindeiro día 18, un total de cen persoas de vinte países diferentes participan da segunda edición do Kino Galicia. Esta proposta, que importa ao noso país un exitoso formato internacional nado en Montreal, busca fomentar a creatividade e o encontro a promover equipos de colaboración entre xente que non se coñece previamente. O obxectivo, como non, crear unha curtametraxe nun tempo establecido, aínda que desta volta cóntase cun guión previo. A participación pode se facer de múltiples formas, desde quen envía un guión ata quen exerce tarefas de dirección, sonido, maquillaxe ou actuación. O traballo desenvólvese ao longo de dous bloques, cada un de catro días, que rematan cunha "noite branca" dedicada á rodaxe e cunha proxección do material obtido, sexa cal sexa o seu estado de desenvolvemento. "A miúdo fican cousas por acabar, ou o que se proxecta non é a versión definitiva do filme", apunta Miguel Moreda, un dos promotores da iniciativa. Este sistema facilita que cada unha das persoas inscritas poida participar nos dous bloques, mesmo a mudar de tarefa. "Pode estar nunha produción do primeiro bloque a actuar e noutra do segundo a dirixir", explica Moreda.

Desta volta, as producións tiveron que se axustar a un dos tres eixes propostos desde a organización: cinema social, o Camiño de Santiago ou a temática libre. Ao igual que outras citas deste tipo, a organización do Kino proporciona apoio en tarefas de produción e achega propostas formativas como complemento ás actividades de rodaxe. Ademais, grazas ao apoio de patrocinadores internacionais como Sony ou Fuji e de empresas galegas, as persoas participantes contan con material para iluminación ou son, aínda que o máis básico, como cámaras ou computadores para a edición, deben achegalo elas mesmas. "Nós somos facilitadores, non unha produtora. Tentamos por en contacto as persoas e o que nos interesa é que o talento se poida interconectar", explican desde a organización. Das curtas que saen do encontro, unha grande parte pasa ao circuíto de festivais, polo que de momento a actividade non conta cun repositorio onde se podian visualizar estes traballos.



Unha semana en Valdeorras
Na comarca de Valdeorras a fórmula deu mesmo para desenvolver todo un evento cinematográfico. Valdeorras denominación de cine celebrou neste 2019 a súa primeira edición. O reto nesta xeira era desenvolver completamente unha curtametraxe de ficción, documental ou publicitaria durante cinco días. Para alén do límite temporal, a organización determinaba tamén unha frase e un obxecto que se tiña que incluír na peza, así como unha localización concreta a escoller entre un listado. O certame conta con 12 galardóns en diferentes categorías que suman un total de 5.000 euros. Aínda que os equipos participantes deben achegar o seu propio material, a organización apoia a nivel loxístico, na selección de actores e actrices ou na localización de exteriores e achega salas para montaxe e todo tipo de apoio. Os traballos realizados proxéctanse ao final da actividade como parte dun programa que inclúe concertos, proxeccións, conferencias e outras actividades a mesturar ocio e formación.




Do que non cabe dúbida é que, na actualidade, este tipo de propostas está en plena expansión no país. En vindeiras pezas abordaremos máis polo miúdo as posibilidades, vantaxes e problemas que supoñen estes formatos para organización e participantes.
Ligazóns