Os encantos da velocidade fílmica (2)

Diferentes entidades apostan polas rodaxes rápidas como un xeito de dinamización ou promoción local

Diferentes entidades apostan polas rodaxes rápidas como un xeito de dinamización ou promoción local
Unha das rodaxes de A fume de carozo 2019. Fonte: Facebook da Asociación Senunpeso
Para alén do interese que esperta entre a xente do mundo audiovisual, o formato de rodaxes contra o reloxo acada unha grande aceptación entre responsables de programacións culturais. Asociacións ou concellos apostan por este tipo de iniciativas para dar a coñecer un lugar concreto, coa intención de empregar o audiovisual como un xeito de dinamización local ou con outros obxectivos. Repasamos o interese e os retos que supoñen este tipo de citas para esas entidades.

O audiovisual como promoción dun lugar
Un risco que comparten varias das iniciativas deste tipo é o aproveitamento do potencial do audiovisual para dar a coñecer unha zona. Esta é a intención confesa de Valdeorras, denominación de cine, que ten como requisito para as curtametraxes a concurso que estas recollan como mínimo unha localización emblemática da zona seleccionada entre quince que achega organización. Ademais, o certame, dunha semana de duración, conta cunha categoría de curtas publicitarias "onde o obxectivo é dar valor a Valdeorras e a súa comarca" segundo explica o web do proxecto. De xeito similar, o concurso Fasmuvis do Festival de Cinema de Ourense establece nas súas bases a necesidade de empregar localizacións da cidade e apunta ademais que as pezas participantes deben "destacar os valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais do Ourense e a súa contorna". Nas condicións para participantes indícase ademais que cada produción "deberá ser rodada integramente en Ourense e o 40% deberá gravarse nos exteriores da cidade ou na súa contorna". A falar do Chanfaina Lab en 2015, Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura de San Sadurniño naquel momento, apuntaba a Culturagalega.gal que "para alén de servirnos como promoción turística, ao amosar as localizacións e paisaxes do concello, o contacto dos cineastas coa xente supón tamén un importante labor de empoderamento. O feito de que un director poña a túa historia ou a da túa familia nun filme, e que se proxecte e se vexa en festivais, é importante a nivel de autoestima".

Rodaxes para implicar a comunidade
E é que neste proxecto o convite para que dez persoas de fóra do concello participen no encontro aparece como un complemento e un xeito de chamar á participación local na iniciativa. "O noso obxectivo é a creación de cineastas locais. Que a xente do lugar vexa que se pode construír un discurso audiovisual do mesmo xeito que se pode crear coas palabras. Facemos posible que a xente sen empodere e vexa que é factible facer cinema", explica Manolo González desde a organización do evento. O incremento gradual de cineastas do propio concello nas sucesivas edicións do Chanfaina Lab amosa o éxito desta liña de traballo. "Na última xeira eran vinte participantes locais e dez convidados de fóra. Iso é un 70%, ou sexa que temos o obxectivo acadado", sinala. Para alén do aspecto máis creativo, González salienta o factor social deste evento. "As persoas que participan comen e cean xuntas, e aí xéranse unhas relacións incribles. Óliver Laxe conta sempre o ben que o pasou rodeado polas señoras de Teño unha horta en San Sadurniño cando veu". De xeito similar, o concurso A fume de carozo de Vedra procura a implicación local nas producións. "Apetecíanos contar cun formato máis dinámico e unha maior conexión coa comunidade de Vedra", lembra Esmeralda López desde a organización do evento. A explicar a mudanza no formato que levou a incluír este certame na programación do LAV, sinala que "cos cursos chegou un momento no que viña moita xente, pero iso non reportaba moito á veciñanza. Deste xeito integramos nesta actividade unha serie de puntos de colaboración que implican as asociacións de teatro locais. Por exemplo á hora de contarmos cun catálogo de actores e actrices para a xente que vén rodar. Tamén se fai unha formación previa, na fin de semana anterior ao certame, para a xente de Vedra que poida ter interese en participar no concurso". Tamén Ana Moreiras a falar da aposta do certame Olloboi pon integrar unha proposta nesta liña en 2017 lembrábanos que "é como un cine de guerrilla, facer unha peza no propio evento e a involucrar o tecido local, que nos parece un modelo bonito".

Formación de públicos
Para alén da implicación derivada das rodaxes, as proxeccións que acompañan estas iniciativas teñen tamén o seu peso no na formación de público entre a poboación local. No caso do Chanfaina Lab, González lembra que de cada edición saen "cousas de vangarda e cousas de cinema popular que poden estar feitas por señoras do rural. É unha festa da tolerancia na que todas as producións comparten espazo e se tratan por igual". Isto dá lugar a mesturas como "xente maior, que vai a misa cada domingo, a ver un filme de Alberte Pagán, por poñer un exemplo". O promotor da iniciativa salienta o éxito que supón cada ano a sesión na que se presentan as curtas da correspondente edición. "Ninguén marcha durante as catro horas que duran as proxeccións", cun aforo a rebentar o espazo dispoñible. No programa "mesturamos moito, se só poñemos cinema de vangarda bótannos a paos" recoñece González, "pero xogamos coa pluralidade, coa idea de diferentes puntos de vista, e o discurso vai calando, vaise educando o público e conséguese que sexan tolerantes. Lembro comentar con Alberte Pagán o atopar unhas señoras de oitenta anos a ollar o seu filme sobre a zona do Forgoselo. A curta céntrase nas texturas da pedra que hai alí, con imaxes que van ocupando a pantalla ata que todo se fai pedra. Preguntámoslles qué lles parecera e dixeron `entender non o entendemos, pero o Forgoselo é así´, e Pagán quedou alucinado. Non chegaron a entender a peza pero comprenderon o seu sentido. Cando traballas conceptualmente e de xeito moi elaborado unha paisaxe que para elas é de sempre, recoñécena e chegan a entendelo aínda que non comprendan o envoltorio".



Producións como rexistro
En Vedra viron tamén o potencial das rodaxes rápidas como un xeito de conseguir un rexistro do traballo que se desenvolve cada ano nas actividades formativas. "Nas súas orixes o LAV tiña unha parte práctica na que se facían traballos audiovisuais no concello, e iso foise perdendo. Coa creación do certame vimos un xeito de recuperar iso, de xeito que quedase un rexistro audiovisual do que se facía en cada edición, porque doutro xeito non se vía o resultado dos cursos". De xeito Similar, no Chanfaina Lab teñen apuntado o carácter de rexistro histórico que adquiren estas pezas audiovisuais. "A experiencia das rodaxes é algo que se vai incorporar á memoria colectiva para a que quedarán estas pezas" lembraba Manolo González a falar en 2015 sobre a cita con Culturagalega.gal.

A complexidade de xestionar rodaxes rápidas
Como unha das dificultades comúns que teñen comentado as persoas responsables destas iniciativas está o grande traballo de coordinación que supoñen. Cómpre pensar que un proxecto deste tipo esixe polo xeral xestión de aloxamento e manutención para participantes, cuestións que se suman a toda a complexidade de permisos, apoio técnico e obtención de recursos propios da produción cinematográfica. Aínda que este tipo de axuda se desenvolve en moitos casos coa fórmula do voluntariado, esta implica tamén un importante esforzo de coordinación e de formación. Desde a produtora Sintelobos, que organiza "Valdeorras. Denominación de cine" lembran que "tentamos facilitar ao máximo espazos de rodaxe, colaboracións, figuración ou actores e actrices. Cedemos salas para facer montaxe e contamos con voluntariado para facer un proxecto colaborativo". No entanto, o volume de traballo necesario para unha proposta como esta, dunha semana de duración, supón unha importante dificultade para a organización. Logo de dúas xeiras, a organización de Kino Galicia resume como o principal desafío para a vindeira edición "que queiramos voltar a facelo. O máis difícil é a continuidade, isto é unha loucura", recoñecen. Mentres, para a Asociación Senunpeso, "o máis difícil é chegar á xente, cústanos un pouco dar a coñecer a iniciativa e gustaríanos que houbese máis participación. Estamos a ter unha media de oito equipos pero gustaríanos que fosen máis", apunta López. Aínda que contentos co nivel de participación, no Kino Galicia comparten o problema, "unha das cousas máis difíciles é dar a coñecer a idea, en particular no sector audiovisual" lembra Rosa Vázquez desde este encontro.

O crecemento
Na organización de Valdeorras, denominación de cine están a ver formulas para a súa segunda xeira. "Estamos a traballar para tentar facer a vindeira edición, pero resulta complicado. É difícil facer medrar este tipo de propostas. Queremos incrementar os patrocinios privados e conseguir que ano a ano sexa algo máis grande. Se non o conseguimos estaremos condenados a repetir a fórmula ou a non facer o evento de xeito anual", apuntan. Pola contra, desde Chanfaina Lab, González amósase partidario de manter a escala desa cita. "Non queremos facernos nada que non sexamos. Para moitos manter este modelo sen medrar é antinatural, pero a nós resúltanos lóxico. Poderíamos ter aquí un lote de xente a traballar cada ano, pero perderíamos esta familiaridade. Ser pequenos implica pouco orzamento e dános máis liberdade, sen depender de vaivéns políticos".


Xéneros e estilos


A aposta polas rodaxes rápidas determina en certa medida o tipo de producións que xorden estas citas. Para alén das dificultades técnicas, as limitacións cronolóxicas supoñen unha pexa importante para desenvolver traballos en campos como a animación, que esixen tempos demorados de produción, ou pode complicar o labor en xéneros como o documental, aínda que sempre depende do formato concreto de cada cita. Así, desde Kino Galicia Miguel Moreda apunta que "en xeral case todas as pezas son de ficción", mentres Rosa Vázquez lembra que na primeira edición “houbo unha rapaza que apostou por facer un documental, foi a unha aldea de Pontevedra e gravou alí, púxose este reto", no que é unha excepción nesta cita.

Pola contra, no Chanfaina Lab si son habituais propostas de cinema deste tipo nas diferentes edicións. "As persoas participantes teñen varios meses para pensar o que queren facer e ademais poden acceder a todo o arquivo audiovisual do proxecto Fálame de San Sadurniño, que son máis de mil historias publicadas" con gravacións da veciñanza do concello, explica Manolo González. Iso permite un primeiro contacto co territorio e coas súas xentes e facilita unha idea previa de por onde traballar. Así, se ben no encontro hai unha variedade importante de xéneros, "o eixe é a ollada sobre o territorio, e de aí sae moita videocreación, videoensaios ou propostas documentais máis clásicas" como xéneros máis habituais. "Hai xente que fala da paisaxe e da estrañeza do cineasta ante ela, hai propostas sobre memoria, traballos sobre poder e conflito social, retratos de lugares e de experiencias singulares... Na última edición María Yáñez abordou a experiencia do certame Cantareliña na zona, mentres Luís Avilés centrouse no único habitante de cor de San Sadurniño. Hai unha pluralidade enorme de temas e de estilos".

No LAV de vedra pola súa banda "semella que priman un pouco máis os xéneros experimentais que se apoian sobre todo na imaxe e menos na narrativa", lembra Esmeralda López. En xeral, a organización observa que "os resultados son pezas de calidade, sobre todo para as condicións en que se fan e cos recursos con que se conta". Recoñecen, no entanto que non todos os xéneros conseguen a mesma aceptación por parte dos participantes. "O primeiro ano propuxemos un concurso de videoclips que non acadou quórum abondo para se desenvolver, pareceunos orixinal pero non conseguiu aceptación e deixámolo aparcado".