Beatriz Corbacho gaña o premio de investigación Ferro Couselo

A investigadora presentou un ensaio sobre o sector agrario dos séculos XVIII e XIX

31/7/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: SociedadeHistoria
38 lecturas | Compartido 0 veces

Un traballo sobre o sector agrario na Galicia dos séculos XVIII e XIX proclamouse gañador do XX Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo que convoca o Concello de Valga (Pontevedra). Beatriz Corbacho (Pontevedra, 1985) acadou o recoñecemento do xurado coa súa obra Labrando nutrientes. Intensificación agraria e manexo da fertilidade do solo nunha agricultura atlántica: Galicia, séculos XVIII e XIX. Corbacho é licenciada en Historia, doutora en Historia Contemporánea e membro do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC. Dúas obras presentáronse na modalidade de ensaio, como gañadora do Premio recibirá 4.000 euros e a súa obra será publicada polo Concello. No referido á segunda modalidade do certame, na que se outorga unha bolsa de estudos de 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu nesta ocasión declarar deserto o premio debido á “inadecuación dos proxectos presentados aos obxectivos marcados nas bases e a deficiente metodoloxía proposta”. O xurado estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.


Ligazóns externas

Do mesmo ámbito