As Letras da cultura tradicional

As homenaxes a Antonio Fraguas transfórmanse en recoñecementos ao noso patrimonio inmaterial

As homenaxes a Antonio Fraguas transfórmanse en recoñecementos ao noso patrimonio inmaterial
Antonio Fraguas. Foto: Museo do Pobo Galego.
A celebración do Día das Letras deste 2019 está a ser aquela na que a figura do homenaxeado está a ficar máis diluída nos últimos anos. Os actos que conmemoran a Antonio Fraguas están centrados, nunha moi alta porcentaxe dos casos, nos temas aos que este etnógrafo dedicou a maior parte do seu traballo. A cultura tradicional na forma de contos, cantigas e festividades tomou a celebración por asalto, e dentro dela, está a ser a tradición oral un dos elementos máis celebrados.

Outro autor recente
A seguir o ronsel da última década, tamén este ano o Día das Letras conmemora un persoeiro vivo na memoria da sociedade. Tal e como lembra Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, contar cun homenaxeado que viviu hai pouco tempo "axuda porque moitos de nós aínda falamos e convivimos con Fraguas. Sabemos da súa bonhomía, do seu encanto persoal e do seu carácter conciliador, e isto axuda a humanizar esta figura, como tamén aconteceu con María Victoria Moreno ou Carlos Casares. Por outra banda, cómpre certa distancia para ver con perspectiva a contribución que fai unha persoa á lingua e á cultura galega, por iso a Academia establece o prazo de dez anos logo da morte dunha persoa para que se poida candidatar" ás Letras.

Un lugar no rural
O concello de Cerdedo-Cotobade, lugar de orixe do homenaxeado, concentra grande parte das actividades. Malia a que a vida de Fraguas transcorreu por diferentes cidades do noso país, como Pontevedra, Lugo ou, especialmente, Compostela, o lugar onde pasou a infancia conta cun especial peso nas conmemoracións. Así, se en 2018 a cidade de Pontevedra protagonizou os actos e nos anos anteriores foron Vigo, Ourense ou A Coruña algunhas das urbes que máis peso tiveron na lembranza de Casares ou de Manuel María, desta volta é o concello máis novo do país, nado da unión dos dous que lle dan nome, o que centraliza os actos oficiais. A elección axéitase ademais coa perspectiva que está a centrar a celebración, ao se facer tamén unha reivindicación do rural como espazo de cultura e como lugar de transmisión do saber tradicional. O propio pleno da RAG ten previsto celebrarse na carballeira de Famelga, onda a escola "na que Fraguas descubriu o mundo da man dun mestre que tamén se chamaba Antonio", lembra Víctor Freixanes. Neste sentido, xa promovidas polo propio concello como pola Deputación, asociacións ou outras entidades, este territorio está a coller un bo feixe de propostas. Desde a Pasarela do traxe galego ata actuacións folclóricas, representacións de teatro amador, rutas por áreas vencelladas á biografía do homenaxeado, un certame de artesanía ou obradoiros dedicados ao entroido tradicional, a conmemoración está a protagonizar a axenda cultural local. Malia ao peso de Cotobade, tamén Compostela está a se presentar este ano como un foco destacado das letras, en particular ao abeiro doutras dúas vertentes de Fraguas, o seu labor como museólogo e o seu traballo educativo.

A cultura popular da man do etnógrafo
Dun xeito ou doutro, unha grande parte das propostas que están a conmemorar o Día das Letras desde diferentes ángulos céntranse no que foi o obxecto de estudo da vida de Fraguas, a cultura tradicional. Segundo lembra Freixanes, "todos os anos chega á Academia unha chea de propostas, desde os propios académicos pero tamén de concellos, asociacións, particulares ou mesmo empresas. Entón faise unha reflexión e valórase en primeiro lugar que a biografía da persoa á que se lle dedica o Día das Letras teña algo de representativo e de exemplar no servizo á lingua e á cultura. Nese sentido Fraguas supón unha viaxe polo galeguismo do século XX, desde os momentos ilusionantes das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos galegos á catástrofe da guerra, o devalo do franquismo e a recuperación da democracia", explica. Outro aspecto que considera Academia é o feito de o homenaxeado contar "cunha obra consistente, que permita sabermos de que estamos a falar. Neste caso Fraguas representa o traballo de toda unha xeración que se centrou no estudo e na recuperación da memoria da cultura popular do país". Deste xeito, a homenaxe a este patrimonio común aparece como parte fundamental da conmemoración deste ano. "Hai que pensar que hoxe somos o que somos e falamos galego porque a xente común do país mantivo durante séculos a súa identidade e a lealdade co idioma, coa súa cultura e cos xeitos de construír, de traballar o territorio, de bailar ou de enterrar os mortos. E todo isto está representado nos traballos de Antonio Fraguas", contínua. "Con el reivindicamos todo este universo, que son as toneladas de xeo que están baixo a superficie. Hoxe vemos un iceberg pero debaixo hai séculos de historia, de tradicións, de memoria e de patrimonio material e inmaterial que o sosteñen ". Pola súa banda, Malores Villanueva, biógrafa do homenaxeado, apunta que o peso desta faceta nas celebracións ten a ver con que "pode ser o que máis empata coa sociedade. Fala desa Galicia que todos recoñecemos nos nosos pais ou avós e que a todo o mundo lle move algo. Todos escoitamos falar da Compaña, dos xogos dos nosos avós ou de como era o Entroido. Son temas que chegan con facilidade á sociedade e que resultan doados de levar ás escolas. Esa cultura está aínda viva no país, aínda que ás veces semella que fica algo lonxe. O que fai a figura de Fraguas é poñela ao día, e quizais por iso é o aspecto que acada maior repercusión".

O docente
Canda a isto, a homenaxe a Fraguas continúa, como no pasado ano con María Victoria Moreno, a lembrar a importancia do labor docente na configuración da nosa cultura. "A súa condición de mestre é importante", lembra Freixanes. "Pon en valor o labor do maxisterio como sementador de futuro e formador de cidadáns. É moi importante reivindicar este traballo e o seu papel á hora de conectar xeracións. A mocidade agora está instalada nas novas tecnoloxías e habita un mundo no que non hai distancias, entón con esta celebración tamén reclamamos a importancia de conectar co mundo dos avós, de dialogar co que fomos, non para facer arqueoloxía, senón para saber que existe e que supón unha riqueza de cara a facer un futuro moderno. E aí os mestres e os profesores teñen un papel importante". A conmemorar esta liña, os IES Rosalía de Castro e o Antonio Fraguas de Compostela están a desenvolver unha programación específica mentres o Lucus Augusti de Lugo xa conmemorou o tempo no que o homenaxeado foi profesor na Cidade da Muralla.

Os mundos por descubrir
Se ben a conmemoración dun autor que centrou a súa obra no ensaio pode dificultar a popularización da festa deste ano, Freixanes ten claro que "depende moito de como se presente. Eu de traballar no ensino non abordaría o mundo de Fraguas a partir dun texto ou doutro, senón que animaría o alumnado a traballar na descuberta do mundo rural ou periurbano. Reivindicar a estima dos contos, das lendas, de lugares como os muíños. Poríao a falar cos avós para ver como era o mundo de antes e o de agora, para xerar un diálogo a ver o que había de positivo e o que que non se debería perder neses mundos ". Canda a isto, e a salientar aspectos menos coñecidos da súa traxectoria como o de locutor radiofónico, o presidente da RAG salienta que arredor da figura de Fraguas "hai mundos para estudar e avanzar, que é do que se trata. O como se faga depende moito do profesorados ou dos investigadores".

As propostas institucionais
Polo flanco institucional, como xa está a ser case norma, a celebración conta cunha entidade que vela pola memoria e a obra do homenaxeado. Desta volta son a Fundación Antonio Fraguas, integrada co Museo do Pobo Galego, e mais este centro os grandes coprotagonistas do evento canda a RAG, a Xunta e o Consello da Cultura. Deste xeito, para o Museo abriu o pasado 14 de maio a exposición Antonio Fraguas Fraguas Letras Galegas 2019 e prevé múltiples actividades de dinamización. Ademais participa da coordinación do grande simposio previsto para novembro, no que, canda a RAG, está tamén presente o Consello da Cultura. Desde a Xunta está xa en marcha, e dispoñible na rede, a exposición Antonio Fraguas, Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma que percorrerá doce concellos promovida pola Xunta a repasar a vida e a obra do homenaxeado. O Goberno Galego anunciou tamén a participación das empresas Vegalsa-Eroski, Deleite e Feriaco en diferentes campañas de promoción da data, ás que é de agardar que se sumen outras como é Gadisa, habitual nesta conmemoración. Renfe colabora tamén incluíndo referencias nos repousacabezas a Antonio Fraguas nos vagóns de pasaxeiros e exhibindo nos espazos informativos das estacións unha das mostras gañadoras do concurso-exposición Letras Galegas 2019.

Escrita con foco no persoeiro
Dentro das conmemoracións, os libros están a ser os produtos culturais que máis teñen o foco posto na propia figura de Fraguas. As edicións con ocasión da data están polo momento protagonizadas pola Editorial Galaxia. Os seus lanzamentos inclúen polo momento a biografía Antonio Fraguas. Mestre da memoria de Malores Villanueva, a biografía novelada para público xuvenil As vidas de… Antonio Fraguas, asinado por Xosé Antonio Neira Cruz e as reedicións das obras Romarías e Santuarios e máis Do tempo e dos astros. A estas súmase o relanzamento do Cantigueiro de Cotobade que ve a luz nesta editora en colaboración co concello natal do autor na forma dun libro-disco no que a parte musical corre a cargo de Oraladalou. Tamén está previsto o lanzamento Notas compostelás, obra coeditada co Consorcio de Santiago. Da banda de Xerais viu a luz Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo tamén para o público xuvenil, de Héctor Cajaraville, mentres a Universidade de Santiago fixo a súa xa habitual publicación conmemorativa, desta volta titulada Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida. O volume recolle artigos de diferentes investigadores e investigadoras sobre a figura e os temas abordados polo homenaxeado. Tamén apostou polos artigos o Consello da Cultura, que compilou en edición facsimilar catro textos que Fraguas escribiu entre 1930 e 1932, nos tempos da súa pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, acompañadas dunha introdución de Clodio González Pérez, compañeiro do homenaxeado na antiga Ponencia de Antropoloxía Cultural do CCG. A editora Polo correo do vento, á súa vez, continúa a serie da Detective Peregrina con A detective peregrina e o insólito caso Antón Fraguas, libro ilustrado que achega a figura ao público máis novo cunha orixinal perspectiva e que ademais se completa con obradoiros de ilustración e contacontos.

Oralidade
A tradición que tanto traballou Fraguas resulta terreo aboado para o labor de narradores e narradoras orais do noso país, e xa o Festival Atlántica lembrou o etnógrafo na súa última edición. Non é de estrañar entón que nesta ocasión abonden as propostas deste este ámbito para conmemorar a súa figura, en particular con propostas para o público infantil. Dentro das propostas de contacontos máis puras, ou apoiadas con cancións ou outros soportes, a listaxe inclúe nomes como Soledad Felloza, Ramiro Neira, Caxoto, Maris Irímia, Manuel Solla, Iseo a Moura, Bea Campos, Susana Villar, Lsísistrata, Raquel Queizás ou Pedro Brandariz con propostas deste tipo. A estes súmanse obradoiros sobre a tradición a cargo de Xandobela ou Xeitura. Pola contra, pode resultar rechamante as escaseza de propostas noutros formatos escénicos, máis presentes en anteriores xeiras. Larraitz Urruzola, que aborda o mundo dos títeres tradicionais e da importancia da cultura popular no seu Antón Fraguas e a festa dos monicrequeres e Juste Kamishibai, que aposta por esta forma parateatral xaponesa para achegar as lendas do país ao abeiro da figura do homenaxeado son das poucas montaxes escénicas presentes na celebración.

A música das letras
A Asociación de Gaiteiros Galegos xa anunciou a súa propia homenaxe a Fraguas a recoñecer o seu traballo na recollida de cantigas tradicionais. E é que o seu labor neste campo protagoniza en boa medidas as homenaxes que chegan desde o ámbito musical. Entre estes, destaca o grande espectáculo promovido por Queiman e Pousa, no que participan un cento de intérpretes pertencentes a corais, bandas e grupos de música e danza tradicionais. Co título de Amantes da Terra a montaxe mestura recitados, cantigas populares e temas orixinais combinados para lembrar a Fraguas e mais a súa obra. Nunha liña similar, o grupo folclórico Os de algures tamén prepara un espectáculo músico-teatral no que abordará o o patrimonio cultural de Cotobade. Tampouco faltan propostas sonoras orientadas ao público infantil.



Deste xeito, Xoán Curiel abriu o fogo discográfico con Canta, miña pedra, canta, unha colaboración coa contadora Charo Pita na un libro-disco recolle temas orixinais canda a versións de cancións populares recollidas por Fraguas. Como espectáculo, integrado no programa FalaRedes, mestura música e historias e inclúe a antoloxía de narracións tradicionais de Galicia O fillo do rei e outros contos populares escolmada por Quique Harquindey e Maruxa Barrio. Tamén Servando Barreiro co seu concerto As cantigas da miña avoa homenaxea a música tradicional a través de Fraguas cunha selección de cantares do ciclo anual. A estas propostas súmanse algunhas ben curiosas como a canción a celebrar a dedicatoria do Día das Letras que Samuel Soto publicou en Youtube.



Roteiros, xogos e arte
A seguir unha liña que se incorporou de xeito recente á celebración, este ano están a proliferar os roteiros literarios arredor do homenaxeado. Compostela presentaba a pasada semana a súa proposta neste campo, ao que se suman diferentes iniciativas desde Cotobade ou o Consello da Cultura Galega. Mesmo unha empresa como Volta Montana aproveitou para organizar un roteiro etno-astronómico polas terras de Cotobade. Pola súa banda, Hércules de Ediciones apostou tamén polos camiños como formato para a súa propia publicación polo Día das Letras. Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios propón as visitas a espazos destacados da vida do homenaxeado como xeito de se achegar á súa figura. Non fican aí as iniciativas de celebración. Dentro das máis orixinais está a convocatoria de Mail Art que realizou o Instituto que leva o nome Fraguas en Compostela. Ou a Escape Room da Escola Secundária Carlos Amarante de Braga, que, para máis orixinalidade, presentase en inglés.


Nunha liña similar, tamén o Museo do Pobo inclúe dentro das súas propostas o xogo de pistas Fraguando datos sobre D. Antonio. Desde a Cidade da Cultura, pola súa banda, anuncian un obradoiro no que aprender a construír e deconstruír un carro tradicional a escala. Orixinalidade que non falte.

Audiovisuais
Canda aos libros, son os produtos audiovisuais os que están a pór máis o foco na figura e na biografía do homenaxeado. Co apoio da Consellería de Cultura e Turismo desenvolveuse o documental Revisitando a Antonio Fraguas, dirixido por Gonzalo Veloso co apoio da que será parte da exposición desenvolvida Museo do Pobo. O filme pretende dar a coñecer a figura, a obra e a vida de Fraguas e conta con colaboracións de Justo Beramendi, Clodio González, María Xosé Fernández ou Víctor F. Freixanes. Para alén do documental que fai parte do proxecto de Queiman e Pousa e do xa habitual telexornal das Letras do CPI Os Dices están anunciados contidos específicos na TVG, que inclúen especiais dos programas Vivir Aquí, ZigZag e a novidade Galegofalante VIP, "dedicado a galegas e galegos triunfadores nos seus ámbitos que teñen o galego como lingua materna".







A celebración social
A grande aposta colectiva por conmemorar esta festa, que se mantén ano a ano, conta cun claro respaldo desde a Academia. Así, segundo o presidente da entidade, "para nós é máis do que un só día, ao igual que para todo o país. O que comezou sendo unha xornada reivindicativa agora desenvólvese ao longo de todo un ano e cun nivel de participación moi alto. Isto é así porque hai un movemento social que está a apoialo. É un feito histórico e resulta do máis emocionante esa reivindicación colectiva arredor dunha celebración como esta da man de colexiós, asociacións, empresas ou particulares que participan dun xeito ou doutro". Neste panorama, a institución que preside Freixanes "fai parte dunha chea de actividades, pero de xeito moi meditado procuramos non ocupar o espazo protagonista. Colaboramos cun lote de entidades, desde institucións oficiais como deputacións, concellos ou Xunta a inicitivas de base, sobre todo con colexios e asociacións culturais. A través de webs como Primavera das Letras e ou o Portal das Palabras achegamos material didáctico e formativo a estas iniciativas, e todos os días hai académicos a participar en diferentes propostas". O presidente recoñece que "hai unha actividade ao longo do ano que nos desborda un pouco. Os recursos da RAG son limitados e entón tentamos colaborar ou estas presentes, desde certames literarios ou mesas redondas" arredor das Letras ata "simplemente acompañar outras institucións que promoven actos". Deste xeito, da man de múltiplos axentes a tecer redes, a festa está servida.
Programación do Ano Antonio Fraguas.
Ligazóns