Pasos en colectivo

Os grupos de danza desempeñan un papel fundamental na configuración do panorama galego desta arte

Os grupos de danza desempeñan un papel fundamental na configuración do panorama galego desta arte
Imaxe do Maratón Jastas Pista de RPM
Nun panorama de precariedade, o traballo de diferentes colectivos está a se revelar fundamental para manter o facho da danza contemporánea en Galicia. A transcender o papel de produción, propostas como Sólodos, RPM ou Traspédiante organizan, dinamizan e transmiten esta arte, a xerar espazos e oportunidades para o sector.

O colectivo RPM, radicado na Coruña, reúne destacados nomes desta arte, con anos de experiencia ás costas. Félix Fernández, Andrea Quintana, Rut Balbís, que mantén a compañía Pisando Ovos, e mais Alexis Fernández Maca e Caterina Varela codirectores da compañía La Macana, fan parte desta proposta que presentan como unha "ferramenta que tenta visibilizar dun modo máis unido as nosas vontades para co territorio no que vivimos". Segundo explican "somos un conxunto de artistas que traballamos dentro do paraugas da creación contemporánea. Cada unha de nós ven desenvolvendo a súa propia obra dende fai anos cunha notable proxección internacional". Como vínculo fundamental "compartimos o desexo e a necesidade de xerar dinámicas que afecten ó contexto dende a creación contemporánea vencellada ao corpo e atopamos en RPM a ferramenta para poder desenvolver estes desexos-proxectos". Para alén das necesidades específicas do panorama das artes do movemento, os membros de RPM apostan polo traballo común como unha parte fundamental do seu labor. "A día de hoxe xa non podemos ver a creación contemporánea como unha obra-produto que imos a ver ó teatro e coa que non nos relacionamos mais aló de esa experiencia". Para eles "xorden cada vez máis "artistas xeradoras de contexto" ou "artistas-etcétera" ou "artistas expandidas", artistas desdobradas entre a práctica artística propia e a preocupación de afectar o seu contexto e de formar parte de el. Artistas que responden á aridez dos seus contextos con proxectos para o común", uns proxectos que moitas veces, recoñecen, xorden "a falta de iniciativas dende a institución". Nese contexto "a necesidade de xerar políticas culturais máis acordes á realidade que vivimos pode ser unha comuñón máis que interesante na que xerar un campo de posibles onde con-vivir, co-deseñar, co-construír políticas culturais entendendo a comunidade artística como cómplices dos equipamentos culturais e como cómplices na súa construción", sinalan.

Sólodos
Entre Ourense e Costa Rica, Maruxa Salas e Erik Jiménez conforman Sólodos, un grupo que aborda a práctica totalidade dos aspectos da danza e que botou a andar hai xa case vinte anos. "Nace cando decidimos crear un espazo de traballo que nos permite xestionar as nosas propias iniciativas e idea, un proxecto común para desenvolver e potenciar a danza nas súas múltiples facetas" explica o dúo. Desde aquela, e logo de ter participado na posta en marcha do Centro Coreográfico Galego, múltiples recoñecementos e moitos proxectos con colaboracións con diferentes artistas, o colectivo "traballou no seu propio desenvolvemento como plataforma cultural, como creadores escénicos, xestores, mediadores, programadores, mestres...". Entre as súas actividades está o Festival Sólodos en Danza, que se reparte entre Costa Rica e Ourense. Tamén na Cidade das Burgas organizan Danza no Claustro, un "proxecto de investigación e rescate do patrimonio da cidade" a través das artes do movemento e que acaba de finalizar a súa sexta xeira. A estes súmase En escena, un proxecto educativo que está en marcha desde 2012 coas escolas da cidade, e aínda o espazo de creación e investigación escénica Sólodos CR. "Trátase dun espazo para realizar residencias de investigación e de creación para artistas de todo o mundo. Conta cun aula de danza e un espazo de residencia para os artistas" sinalan desde este colectivo. Canda a isto, a produción dos propios espectáculos, a creación de coreografías para outros grupos, a realización de obradoiros de danza e mesmo un proxecto que une medio ambiente e cultura en Costa Rica completan a frenética actividade do grupo. Un importante labor de coordinación e o apoio de múltiplos colaboradores revélase como imprescindible para manter o ritmo de traballo.

As residencias
RPM coordina, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais, o programa Residencias Paraíso. Este proxecto apoia desde hai dous anos unha serie de estadías para a creación de danza contemporánea e supón a día de hoxe un dos principais apoios públicos a este escena. Segundo explican desde o colectivo "as Paraíso nacen tras varias reunións mantidas co director de Agadic fai agora non máis de un ano. Naqueles encontros, promovidos nun primeiro momento por Escena Galega, algunhas de nós transmitímoslle a urxencia de por fin á situación límite que as artistas que traballamos ao redor da danza e ás artes do movemento estabamos a sufrir" explican os membros de RPM. "Foi así como se presentan diferentes liñas de acción urxente para a danza, unha delas un programa de apoio á creación e investigación" que tomou esta forma. Na súa segunda edición, celebrada este 2018, presentáronse ao programa máis de oitenta propostas, o que supón un terzo máis que na anterior xeira. "Neste breve tempo de vida que teñen as Residencias Paraíso estamos vendo nacer e crecer 17 proxectos de artistas do territorio e de fóra do territorio que nutren o noso contexto que ademais, se relacionan e se abren á comunidade a través de programacións expandidas" explican os membros de RPM. "O Programa Paraíso da espazo a moitos tipos de proxectos con linguaxes artísticas periféricas, proxectos transdisciplinares, todos eles cunha altura artística e solidez froito das distintas e marabillosas identidades propias de cada artista".

Mesmo a considerar un éxito o programa, sinalan que cómpre " escoitar e reformular a cada paso" o seu funcionamento e "seguir a aprender" do mesmo. "Creemos que Residencias Paraíso teñen unha gran potencia que é a interinstitucionalidade. Nós que somos unha entidade privada traballamos e coordinamos un proxecto con diferentes entidades e institucións públicas como Agadic (Xunta de Galicia), Concellos, Deputación da Coruña e Universidade de Vigo, un total de nove espazos de diversas tipoloxías que colaboran dentro do programa". Nesa liña, o proxecto ampliarase no vindeiro 15 de setembro coa programación, no marco do programa TRCDanza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña de De Oasis Paraíso. Este será "un programa triplo composto por distintos traballos que se iniciaron durante o programa de Residencias Paraiso 2017" o que apontoará a visibilidade da danza e das propostas que fan parte deste programa.

Danza por riba do Océano
O festival Sólodos en Danza, cunha sede en Costa Rica (con seis edicións) e Ourense, onde leva tres, marca a proxección pública deste colectivo. Os eventos inclúen un certame de creación e dúos e solos en danza contemporánea. "Desenvólvense en contextos moi diferentes, pero a experiencia de cada un é importante para o outro. É moi difícil de explicar e máis para a administración pública, é un tipo de proxecto que escapa da xestión tradicional dun festival e as opcións a axudas públicas son escasas". No mesmo sentido advirten de que "a organización dos festivais é complexa porque traballan en conxunto institucións, outros festivais, colaboradores e artistas, e a día de hoxe non obtemos as axudas suficientes para desenvolver o proxecto axeitadamente, o que implica grandes esforzos persoais e profesionais" como pode ser vivir a metade do ano en cada localización. "Precisamos máis de seis anos para construír unha plataforma que poida dar soporte profesional aos artistas". O interese dos propios creadores foi o factor fundamental que os levou a ampliar a proposta orixinal a esta banda do Atlántico. Así o evento ourensán xurdiu "pola grande demanda que tiñamos dos artistas de España para poder participar no proxecto. Esta solicitude foi importante para o comezar a celebrar aquí". Nese sentido, "o festival en Galicia é parte dese proceso, era necesario construír unha plataforma profesional en América para dos soporte aos artistas europeos para Galicia", resumen a conexión entre os eventos.

Creatividade e precariedade
Desde a perspectiva creativa, RPM ten claro o potencial das artes de movemento que se desenvolven no noso país. "vemos Galicia como unha terra fértil, cunha biodiversidade de artistas e potencias creativas incribles, con ganas de crear e de xerar contexto que, aínda sen ter a favor unhas políticas culturais que as acompañen non cesan no seu labor artístico". Segundo destacan, "moitas das compañías e artistas galegas teñen un peso importante a nivel nacional e moitas son coñecidas internacionalmente, facendo que exista un fluxo interesante de entradas e saídas artísticas. Aínda así, queda moito que facer. Moito para que as futuras xeracións poidan desenvolver os seus proxectos artísticos en boas condicións". De xeito similar, Sólodos apunta que a danza galega está "moi ben no aspecto creativo. Vemos como artistas novos consolidan as súas ideas e traballan nos seus respectivos proxectos dentro e fóra de Galicia. A nivel interpretativo moitos artistas galegos están crecendo e desenvolvendo, a ocupar un lugar na escena internacional". Entre os problemas do sector, o grupo ourensán sinala que "para a danza sempre será necesario máis espazo, unha programación que sexa máis aberta e menos convencional, máis axudas e máis visibilidade". En RPM pola súa banda denuncian a ausencia de programación deste tipo de propostas en redes como a de Teatros e Auditorios, "a imposibilidade de acceder ás liñas de subvención á creación ou as dificultades que estaban a ter as novas creadoras para sacar adiante novos proxectos, sumado á inexistente actividade do Centro Coreográfico".

As funcións dos festivais
A carencia de programacións estables provoca un peso importante dos festivais á hora de artellar esta escena no país. En Sólodos sinalan que "para as cidades é un grande investimento contar con festivais, é importante todo o aspecto social que se desenvolve con axuda da danza, o corpo transforma contextos e é necesario que todos nos demos conta do potencial que isto ten". No entanto advirten que "os festivais están ben pero é importante definir os obxectivos de toda actividade e do seu contexto, un festival non pode responder ás necesidade de toda unha poboación ou cidade. Pode canalizar algunhas necesidade, converterse nun catalizador ou solventar e dar respostas a problemas sociais ou de comunicación. A danza e o festival transforman a cidade", explican. Do mesmo xeito, advirten que "cómpre programar danza con responsabilidade, pensar a longo prazo, e neste exercicio que responsabilidade os concellos teñen que traballar, porque un festival ou unha programación non é abondo para as necesidades socioculturais das cidades".

A maiores desde RPM sinalan que "hoxe en día son os festivais os que cobren unha programación en danza que non están cubrindo os teatros públicos. Está moi ben que haxa festivais e que a danza este na rúa, pero han de ser sostibles. Ás veces parece que un festival soluciona a programación de danza dun concello, pero os festivais, en concreto os de danza de rúa (que son maioritariamente os que programan danza en Galicia) non resolven o problema que temos coa programación de danza no noso territorio", explican desde RPM. Nese sentido advirten que "os festivais de danza en Galiza están nunha situación moi precaria, carentes de apoio, de recursos, de acompañamento", unha reclamación á que se suman desde Sólodos. Os retrasos nos cobros ou a alta dose de traballo voluntario na organización son algúns dos aspectos que sinalan. Así, se RPM apunta que "non se trata de menos festivais ou de máis programacións estables. O que se precisa é inverter en recursos ben pensados para a danza". Sólodos sinala que "non cómpre máis programación feita nestas condicións. Cómpre outro modelo con outra calidade, no que o investimento ou os custos se poidan compartir. O problema non é se hai programación estable ou máis festivais, a situación actual é moi mala". A ese respecto, o colectivo coruñés reivindica que "a danza, que as artes vivas estean nos teatros, con continuidade, con liñas de programación que aposten polo corpo, pola danza, pola creación contemporánea e as súas linguaxes. Teatros que entendan as potencias de cada artista e da gran fonte de recursos que poden ser estas artistas para a comunidade. Teatros cun traballo de programación expandida e non só para que a xente vaia o teatro, senón para que tamén o teatro vaia á xente".

Os lugares da danza
Sobre o peso que na actualidade a Coruña ten no panorama galego da danza, RPM sinala que "facendo un pouco de memoria a cidade sempre estivo vencellada dun xeito ou outro á danza. O Rei de Viana tiña a súa base na cidade, temos tamén un conservatorio de danza clásica dende fai moitos anos, no seu momento a sede do Centro Coreográfico Galego que, no período de Natalia Balseiro puxo no mapa da creación en artes vivas á Cidade e tamén á nosa comunidade, facendo que moitas artistas voltaran a Galicia... Sen embargo, pensamos que é mais unha cuestión de azar que tantas compañías ou artistas esteamos nesta cidade xa que non é que existan políticas específicas que nos axuden a desenvolver o noso traballo aquí". De xeito similar, a efervescencia que vive Ourense ao respecto, co festival Corpo(a)Terra e toda a actividade que desenvolve a compañía Traspédiante, responde, segundo sinalan desde Sólodos "á casualidade. Coincide que moitas creadoras artistas das danza galega son ourensás. Iso é un grande potencial e cadra con que desenvolvan estes proxectos na cidade".

De cara ao futuro inmediato, os colectivos apostan por afortalar a súa actividade actual. "Actualmente estamos traballando nas Residencias Paraíso 2018 e preparando a seguinte convocatoria. Tamén con ganas de moitos proxectos e ideas que temos na cabeza e no corpo, e tentando atopar as vías adecuadas para que poidan materializarse", adiantan desde RPM. Tamén Sólodos adianta a súa intención de "consolidar o que estamos a facer e podernos manter, precisamos máis axuda para iso. Hai algunhas ideas en camiño, imos a modo coa idea de crear, aprender e crecer".