A danza en Galicia vive tempos convulsos. A xa longa parálise do Centro Coreográfico galego contrasta cun vizoso panorama creativo e de festivais. Nos últimos meses, as demandas do sector para ser tido en conta nas políticas públicas están a cobrar forza. No medio desta complexa situación, a xornada O estado da danza en Galicia do Consello da Cultura Galega, apareceu este mes de xaneiro como un espazo de diálogo entre os axentes implicados. Agora, fanse públicas as conclusións e os vídeos daquel encontro, como novos materiais para continuar a análise colectiva deste panorama.
Segundo explica Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega e coordinadora do encontro, a idea de lle dedicar unha xornada ao sector naceu "na Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais a partir dunha petición expresa da Comisión Executiva" desta institución. "Había na mesma unha vontade moi sinalada e intensa de facer algo no eido da danza. Tiñamos a percepción de este era un ámbito ao que o Consello non prestara demasiada atención, e que o mesmo acontecía cos medios de comunicación e coas institucións. Parecíanos un exercicio de responsabilidade, nun tempo no que o a profesión comezaba a se notar moi reivindicativa e que semella que está a marcar un punto de inflexión. Era un bo momento para parar, facer unha análise, convocar a todos os axentes e falar entre todos dos problemas actuais, dos desafíos e dos camiños posibles para a danza". Natalia Balseiro, a outra coordinadora da xornada e tamén parte da sección, ademais de antiga directora do Centro Coreográfico Galego, apunta á súa vez que este encontro saíu "porque hai problemas, cunha falta de orzamento grave para a danza e co Centro Coreográfico nun momento moi delicado, a se cuestionar que continúe como estrutura autónoma. En xuntanzas previas co sector vimos que era necesaria unha diagnose global porque todos os ámbitos están vinculados, desde o educativo ata a programación, a difusión ou o arquivo. Entón, este formato quería servir para esta valoración". Ao longo do día 21 de xaneiro diferentes mesas e encontro serviron para pór en común as diferentes perspectivas arredor da cuestión.
Todos os vídeos da xornada O estado da danza en Galicia
Reclamacións á Agadic
As dúas responsables do encontro asinaron tamén as conclusións que agora publica o Consello da Cultura Galega. No texto, que recolle as cuestións que foron aparecendo ao longo da xonrada, queda claro que o groso das reivindicacións da danza en Galicia están centradas no ámbito profesional, e en particular na acción pública da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) sobre o campo. A reclamación de que o Centro Coreográfico, integrado nesta, deba "recuperar e potenciar o seu papel de núcleo de referencia e promoción da danza", o mantemento deste organismo "con recursos suficientes para o cumprimento dos estatutos da Agadic" ou o desenvolvemento dun Plan Integral en diálogo co sector son algúns dos puntos que se recollen no texto. No mesmo tamén se reclama que estatutos da Axencia, en proceso de reforma, garantan o "mantemento do posto de Dirección do Centro Coreográfico Galego coas competencias suficientes para poder desenvolver as políticas de estímulo". Axudas específicas, equilibrio nos orzamentos entre as diferentes disciplinas ás que atende a Agadic, liñas de apoio específicas que garantan a continuidade de proxectos creativos de danza ou o desenvolvemento de iniciativas de mediación e relación co territorio a partir desta arte son algunhas das propostas máis directamente vencelladas ás políticas culturais do país. O encontro contribuíu tamén a potenciar a Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, entidade que reúne 158 profesionais, compañías e entidades do ámbito, que se reclama neste texto como "colectivo interlocutor á hora de abordar o proceso de deseño do Plan Integral para a Danza" coa administración.
Outros ámbitos
Para alén da administración autonómica, as queixas do sector van tamén cara a "programadores e responsables públicos da cultura" a quen se lles reclama o "recoñecemento da diversidade existente no mundo da danza". As propostas abranguen tamén o ámbito educativo, coa reivindicación dun conservatorio superior para estas disciplinas e da xeneralización de conservatorios de grado medio nas cidades do país. Garantir a presenza das artes do movemento nos currículos escolares dos diferentes niveis e espazos educativos, tanto formais como informais, é outra das cuestións que se recollen nestas conclusións. Consegue unha sección particular no texto a danza tradicional, que Quique Peón defendeu durante o encontro como especialmente necesitada de impulso. As peculiaridades desta forma, que conta cunha ampla práctica social, leva a demandas específicas como a aposta pola declaración desta arte como Ben de Interse Cultural de cara á súa declaración como Patrimonio Inmaterial pola UNESCO. Fomentar a profesionalización, procurar a integración con outros estilos desta arte ou promover un maior recoñecemento desta tradición entre a sociedade fan parte das reclamacións deste este ámbito.
O debate
A avaliar o evento, Natalia Balseiro califica a xornada como "moi positiva. Trasladouse moitísima información, deuse un debate de moi alto nivel. En xeral a xente da danza está moi informada, sabe ben o que pasa e ten conexións coa Agadic. Coñécense mutuamente os posicionamentos de cada parte e iso viuse" ao longo do encontro. A secretaria do Consello da Cultura, pola súa banda, lembra que "o debate foi moi intenso pero pareceume moi sincero por parte de todo o mundo e desenvolveuse desde o respecto. Houbo xente do público que chegou con certo escepticismo e marchou moi contenta porque tivo ocasión de se manifestar con claridade, e así mo fixeron saber. Houbo quen viña cunha axenda reivindicativa clara e conseguiu facela pública. Ao tempo, penso que os responsables institucionais tiveron a oportunidade de atopar co sector, e quero que conste un agradecemento explícito a eles por dar a cara e participar no debate". E é que a tensión foi evidente en diferentes momentos da xornada. A incorporación espontánea á mesa de debate mesa dun membro do sector, que ficou sentado en silencio a fitar a Jacobo Sutil nunha caste de performance reivindicativa mentres este interviña, foi a imaxe máis evidente dos enfrontamentos que se desenvolveron ao longo de toda a xornada. Á desconfianza contra as institucións e os seus representantes sumáronse tensións arredor de modelos de xestión e de contratación, en particular no posto de dirección do festival Escenas do Cambio, e mesmo entre danza tradicional e danza contemporánea, a debater cal das dúas estaba en peor situación na consideración da Xunta.
O potencial da danza
A raíz do encontro, Vilavedra sinala que a súa percepción sobre este espazo cultural "é que resulta un sector necesitado de atención institucional. A nivel persoal paréceme un ámbito no que, pola súa dimensión, non moi grande, a aplicación de algunhas medidas ben planificadas e ben pensadas serían moi rendibles e altamente visibles". Tamén Balseiro destaca que "tanto a danza tradicional como a contemporánea teñen moitos adeptos e contan con conservatorios e escolas privadas e públicas. A nivel artístico e profesional hai un grande potencial e moita capacidade para crear proxectos, mesmo en contextos internacionais. O problema non é o sector en si mesmo, senón que non conta con medios e non se destinan recursos a apoiar esta actividade", conclúe. No mesmo sentido, Balseiro destaca que "o estudo de Alfonso Becerra amosa que nos momentos en que se apoia este ámbito hai unha produción moito máis alta. En canto unha institución achega uns recursos de, por exemplo, un millón de euros, a danza está en auxe e pode desenvolverse, tanto no territorio como a nivel internacional. Aí vese que o soporte institucional é fundamental para o desenvolvemento do aspecto produtivo".
Outras cuestións relevantes
"As xornadas serviron para amosar que hai cousas que non son opinión dunha parte, senón que existen propostas unánimes como é solicitar conservatorios, que a escolas superiores de danza entren no Sistema Universitario ou outros pasos pendentes", destaca Balseiro. Das conclusións "valoro moito ter un listado de accións que supón unha folla de ruta clara sobre que se debe apoiar para desenvolver o sector", sinala. Pola súa banda do falado neste encontro, Vilavedra destaca "non como algo sorprendente, pero si gratificante, constatar o potencial da danza tradicional. Temos aí un patrimonio humano, inmaterial e cultural moi rico que, se sabemos empregar ben, pode dar resultados moi rápidos. Contamos cun bo material e con bos profesionais, existen moitas estruturas creadas e con iso habilitar unha canle para explotar isto no ensino tanto regrado como no regrado, debería ser sinxelo. Penso que isto daría un estupendo resultado, cunha pouca implicación a zumba podería ser substituída por propostas de danza tradicional".
Arredor da xornada
Logo de varios anos sen actividade, a dimisión de Mercedes Suárez como directora do Centro Coreográfico en outubro de 2019 foi un dos factores que desencadearon a vaga de protestas do ámbito da danza nos últimos meses. A isto sumouse redución da partida orzamentaria para este departamento e o anuncio da vindeira eliminación do posto de dirección do mesmo. Unha das demandas repetidas na xornada, a elaboración un Plan Integral da Danza en Galicia, semella ter conseguido eco na administración e no 18 deste mes de febreiro comezaron os contactos da Agadic co sector para elaborar conxuntamente este documento. Diego Meizoso por Escena Galega, Cristina Vilariño e Ania González pola Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, Quique Peón por Xacarandaina, Pedro Fresneda por Teatro Ensalle, Marta Alonso polo festival Corpo(á)Terra e Paulo Rodríguez polo Teatro Rosalía Castro da Coruña foron as persoas que participaron no primeiro encontro neste sentido. No entanto, a Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico denunciou inmediatamente despois da xuntanza a falta de compromiso da institución neste sentido, ao non atender as súas demandas. En particular, esta entidade reclama que que as artes do movemento manteñan unha sección propia na reformada Agadic e considera que os criterios de selección de representantes do sector neste proceso non son axeitados. Ademais, segundo denuncia este colectivo, a Axencia négase a negociar medidas que afecten ao seus futuros estatutos.
O papel do Consello
De cara ao futuro, a secretaria do Consello da Cultura sinala que "nesta situación pensamos que a función do Consello debe ser estritamente mediadora e visibilizadora. A iniciativa correspóndelles a todos os actores implicados, non só á profesión e aos responsables políticos, senón tamén ao ensino, onde hai moita marxe de traballo, ao sector privado ou ao ámbito amador. Na dinámica actual hai que ir acompañando as iniciativas do sector, un pouco por detrás, sen caer en excesos proteccionistas e con receptividade ao que propoñan", subliña. Encol da situación actual do proceso de diálogo, Vilavedra apunta que "non podemos esquecer que estabamos nun momento preelectoral no que se deu certa pausa. Isto sumado á epidemia de coronavirus dá unha sensación de ralentización de todo". "Agardo que se cumpran os compromisos que adquiriu a Xunta de abrir un proceso participativo para un Plan de Danza", adianta Balseiro. Coa pausa forzada en todos os ámbitos culturais pola actual epidemia, continúa pendente o diálogo futuro das artes do movemento no país.