Co ollar nos pasos

O Consello da Cultura achégase ás artes do movemento co proxecto O que pode a danza

O Consello da Cultura achégase ás artes do movemento co proxecto <i>O que pode a danza</i>
"Oito pezas audiovisuais que nos achegan outras tantas experiencias singulares que amosan as conexións do mundo da danza coa sustentabilidade, co territorio ou coa empresa". Así presenta o Consello da Cultura Galega O que pode a danza, o proxecto que publicou na rede este mes de decembro e que quere achegar á sociedade iniciativas destacadas da disciplina.

"Non son só proxectos escénicos, senón que son experiencias cunha certa singularidade que indagan no que a danza e as persoas que conforman o seu ecosistema están a producir no contexto cultural e social galego actual". Así presenta o Consello da Cultura Galega o proxecto O que pode a danza, que produciu Miramemira sobre unha idea de Natalia Balseiro. Segundo explica a institución "a través de oito capítulos percíbese que a danza é unha das artes que máis se adianta aos tempos, tanto nas propias producións artísticas como na súa linguaxe, e tamén na hibridación con outras prácticas e sectores, co seu poder de transformación social".

"Buscamos recoller experiencias de persoas vinculadas á danza, desde a xestión ou desde o ámbito creativo, que permitan ver como están a traballar co territorio, co traballo demográfico e en contextos rurais", explica Balseiro. "Son procesos que están tamén en proceso, que amosan, desde traballos de investigación, iniciativas no rural que conforman un intercambio moi potentes" sinala.
Cada un dos oito vídeos que chegaron á rede o 4 de decembro achégase a unha proposta diferente, a atender desde propostas localizadas ata iniciativas que promoven a difusión destas artes polo territorio galego.

Experiencias
Entre as primeiras atópanse o espazo A Casa Vella, en Amiadoso (Allariz), protagoniza a primeira entrega da serie. Este espazo pioneiro combina residencias artísticas no rural con formación e actividades orientadas á conexión coa natureza e co benestar social. De xeito similar, o proxecto Sacra Experience propón dinamizar desde Pincelo a súa comarca mediante formación para adultos e residencias artísticas, a procurar a interacción entre artistas de veciñanza.

En Ourense SóLODOS danza consolidouse como un foco fundamental desta arte. A peza que se presenta aborda a conexión da compañía coa moda mediante a súa colaboración coa industria da moda ao crear coreografías para desfile de Adolfo Domínguez. Tamén se aborda na serie a montaxe Emigrantas, no que Kirenia Danza desenvolveu unha peza sobre emigración feminina amosa o potencial das coreografías para tratar cuestións sociais de actualidades. Dentro destas experiencias a compañía VACAburra amosa a confluencia de linguaxes arredor da danza e a conexión entre o académico e a escena, a transformar unha investigación en movemento.

Programacións
A nivel de programacións, a serie recolle experiencias como TRC Danza, que cada ano achega á Coruña unha mestura de diferentes estilos de danza. O proxecto conta cun apartado de mediación cultural que procura atraer novos públicos e sensibilizar sobre as artes do movemento. Pola súa banda, Residencias Paraíso supón un dos principais programas orientados á creación no campo das artes do movemento en Galicia, a apoiar cada ano entre oito e dez novos proxectos por todo o país. O proxecto Cara a unha escena plural, á súa vez, supón un circuíto que achega a danza e as artes vivas a diferentes localidades do país acompañadas con actividades paralelas de mediación co público.



O que pode a danza é un proxecto da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega. A serie contou con guións de Alba López Álvarez e Maria Yáñez.