Triacastela acolle unhas xornadas sobre o noroeste peninsular durante a época pelolítica. A temática das conferencias centrarase na transición entre Paleolítico medio/superior e a comparativa entre o modo de vida dos Neandertais e dos Homo Sapiens, así como na arte rupestre cantábrica, "con especial fincapé na das últimas sociedades do Paleolítico, nas que se insiren as manifestacións gráficas da cova Eiros", sinalan desde a Universidade de Santiago. A dirección da xornada corre a cargo de Ramón Fábregas Valcarce, Xosé Pedro Rodríguez Álvarez e Arturo de Lombera Hermida. Con esta nova intervención dáse continuidade aos estudos realizados no bienio 2015/16, que contaron co apoio do departamento de Cultura da Xunta de Galicia e foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona. Na inauguración da xornada, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciou que impulsará unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no xacemento cunha achega económica de 30.000 euros que servirá para financiar todos os traballos conveniados.