Monumenta: Dos concertos ao camiñar

O ciclo de divulgación do patrimonio reorientouse cara ao formato das andainas na súa última edición

O ciclo de divulgación do patrimonio reorientouse cara ao formato das andainas na súa última edición
Imaxe da edición 2016 de Monumenta
Andar con arte é o lema que define desde 2016 o ciclo Monumenta. O que comezou como un programa co eixe nos concertos e nas visitas guiadas a espazos monumentais restaurados transformouse na súa última edición. Agora este programa preséntase como un ciclo que ten as andainas como a base desde a que explorar o patrimonio material e inmaterial co apoio de propostas artísticas. Julio Gómez, coordinador da iniciativa explícanos as vantaxes e os problemas deste formato e adiántanos algunha pista sobre a vindeira edición.

Cando naceu en 2014, Monumenta presentábase como un programa de divulgación do patrimonio no que as visitas a espazos rehabilitados se mesturaban con música. Nado da man da Consellaría de Cultura e coordinado por Sinsalaudio, o proxecto apostou desde o comezo por traballar a participación tanto do público como dos habitantes das áreas nas que actuaba. Como unha máis das propostas, desde o comezo houbo actividades que colleron a forma de roteiros. Xa na primeira edición a xornada dedicada ao Santuario da Angustia de Betanzos converteuse nun paseo no que se homenaxeou as cigarreiras da fábrica da Coruña. Julio Gómez, coordinador de Monumenta, lembraba o pasado mes de novembro esta xeira durante a súa intervención no Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural que o Consello da Cultura Galega lle dedicou a Monumenta. "A investigar o lugar descubrimos que estas traballadoras ían unha vez ao ano en peregrinación á igrexa e que se facía unha romaría. Entón recuperamos o percorrido, baixamos do tren na estación da Infesta e fixemos o camiño acompañados dun gaiteiro e coas explicacións de Alfredo Erias, que é un especialista nesta historia, nas diferentes paradas. Acabamos cun faladoiro entre todos os participantes e cun concerto".



As vantaxes
A partir desta experiencia, e da que foron acumulando nas sucesivas sesións do ciclo, os organizadores foron desenvolvendo ideas. "Vimos que o público responde de xeito diferente nas actividades que se desenvolven no interior fronte ás que se realizan fóra. No interior adopta unha actitude máis pasiva, mentres no exterior créase un ambiente máis lúdico e informal, e a xente síntese máis libre e máis integrada. Non se establece unha barreira directa como nun auditorio e parécenos que este camiño de relación co territorio ten máis posibilidades para a promoción e a divulgación", lembraba Gómez na xornada do Consello da Cultura. Entre as vantaxes de apostar por actividades en movemento pódense listar a maior conexión co territorio, a posibilidade de desenvolver contidos específicos para diferentes espazos, un ambiente máis participativo e festivo ou mesmo un contorno dinámico que facilita a interacción entre os participantes.

Camiños precedentes
O colectivo Sinsalaudio contaba neste ámbito con experiencia previa en iniciativas como as Barriografías que acolleu A Coruña no marco do proxecto Música en Branco e os Paseos Sonoros que se desenvolveron en Vigo dentro da iniciativa Patrimonio Acústico Europeo. "Estas propostas sintetizan ben algunhas das ideas que se aplicaron en Monumenta, como o traballar cara a cara con veciños e persoas implicadas na divulgación do patrimonio. A diferenza de estar nunha mesa, uns a falar e outros a escoitar, esta fórmula establece unha maior complicidade entre quen narra e quen escoita, e sempre hai persoas do público que participan", explica Gómez. Este sistema deu tamén sorpresas agradables aos artistas que participaron no ciclo de andinas patrimoniais. "Todos ficamos sorprendidos pola grande aceptación que tiña este formato de pequenas actuacións en paradas. Para moitos artistas foi algo moi intenso, e mesmo repercutiu positivamente na venda directa dos discos que eles mesmos levaban".

A transformación
Foi en 2016 cando o Monumenta mudou a súa orientación, transformou o seu lema en Andar con arte e centrou a totalidade da súa programación no formato de camiñadas. Para alén das vantaxes comprobadas dun formato dinámico, detrás da transformación de Monumenta están varios factores. Por unha banda, recortes orzamentarios foron complicando manter a fórmula inicial e levaran a reducir a só catro citas o programa de 2015. Pola outra, a organización de concertos convencionais con montaxes de son levaba unha parte excesiva dos fondos de cada xeira, a chegar ao 75% do total. "Logo de 2015 vimos que estabamos nun momento no que, ou o ciclo acababa, ou lle dabamos un cambio de 180 grados. Había unha experiencia narrativa consolidada pero a parte musical era un grande lastre", explica Gómez. A eliminación da amplificación eléctrica e a aposta polo que Gómez chama "formato trobador" acústico para os músicos permitiu duplicar o número de convocatorias para a edición de 2016. "A partir deste momento, o ciclo conseguiu personalidade propia, xa non se parece a ningunha outra cousa", apunta, a recoñecer que o formato previo entraba en contradición con outras actividades promovidas desde a propia Consellaría de Cultura como o ciclo Espazos Sonoros ou o programa Vai de Camiño.

Requirimentos
No entanto, non todo son vantaxes, e a fórmula supón tamén un esforzo particular. "Esixe planificación. Hai un problema físico, tes que prever que un camiño non é igual nas diferentes estacións, pensar itinerarios seguros e que sexan para todas as idades e ir controlando os tempos e os lugares ", asegura Gómez. "Cómpre que permitan paradas para descansar e onde se poidan introducir representacións complementarias como música ou un faladoiro". Ademais, hai que estar pendente do tempo, "que vaia calor ou que chova pódese prever e combater" explica. Canda a estas, no seu caso atoparon tamén ocasionais pexas polo formato da actividade. "Sempre traballamos sen amplificación e hai músicos que non teñen esa relación case espida co público. É como tocar no salón da casa para os achegados. Entón a algúns artistas pódelles xerar sensacións de pánico, pero polo xeral sálvano perfectamente. Son cousas que na práctica non resultan tan sinxelas de desenvolver como semellaban na teoría". Segundo explicaba na súa intervención no Consello da Cultura, "nunha andaina o único límite que tes é a seguridade das persoas. A partir de aí, podes contar de todo, recuperar o concepto de historia sensorial sen necesidade de saír do patrimonio material ou inmaterial".

Integrar patrimonios
Para o coordinador, á hora de preparar cada unha das sesións do ciclo, "quen marca os tempos e o itinerario é o propio patrimonio. Por unha banda o patrimonio material lidera en boa medida esa definición, porque é aquel co que os participantes teñen un contacto máis directo. Pero pola outra o inmaterial marca moitas veces a diferenza entre ir por un lugar ou por outro. Funciona como un campo de forza que lle dá sentido a todo o que vemos dun xeito máis directo". A partir destes elementos, o equipo busca contidos que se axeiten aos elementos presentes no itinerario. "Hai rutas que pode ser máis interesante traballar desde unha perspectiva científica ou divulgadora. Outras ao mellor préstanse máis para se asentar e percibir arredor propostas de tipo musical ou vencelladas á expresividade do corpo ou ás artes escénicas".

As perspectivas
A fórmula para Monumenta non está nin moito menos fixada. Segundo Gómez, "cada vez abrimos máis o ámbito dos expertos que nos acompañan. O ano pasado fixemos unha andaina arredor da xeoloxía que supuxo unha perspectiva totalmente diferente sobre a relación co patrimonio material", con actividades como a lectura sobre a evolución xeolóxica dunha zona a partir das pedras dos muros. Do mesmo xeito, o ciclo agarda contar "con xeógrafos, físicos ou biólogos. Propomos un xeito global de contar o patrimonio que enriquece moi ben a experiencia". A falar sobre a vindeira edición, Gómez adianta que "estamos a traballar para recuperar figuras de viaxeiros emblemáticos que pasaron por Galicia, especialmente no século XX. Persoas que nos visitaron para facer determinados estudios e que deixaron unha serie de traballos incribles para o noso patrimonio. Para os homenaxear, estamos a preparar varios itinerarios". Ademais destes protagonistas, as rutas abordarán "temas que nos quedaron por tocar. Queremos integrar o tema da toponimia e da talasonimia. É algo que temos pendente desde hai anos e seguramente fagamos algunha andaina centrada nos nomes de lugar".

Como retos futuros, o coordinador apunta o seu interese por incorporar máis institucións, axentes culturais e redes de expertos ao programa e seguir experimentando con formatos de andaina. Outro propósito é mellorar a documentación das actividades, coa publicación na rede de contidos de vídeo e audio xeolocalizados nunha ruta, de xeito que calquera persoa poida reproducir a actividade por libre e acceder en cada lugar aos contidos correspondentes. Semella que Monumenta ten aínda un longo camiño por diante.