Os camiños escénicos de Chévere

A aposta por obras en movemento é unha liña de experimentación para a veterana compañía teatral

A aposta por obras en movemento é unha liña de experimentación para a veterana compañía teatral
Fotografía de Manuel G. Vicente de Cheverografías. Pinterest da Cidade da Cultura
Unha proposta teatral itinerante, a partir do formato de audioguías, co público a interactuar cunha serie de personaxes mudos. Teatro documental, que mestura historia e declaracións reais cunha guía ficticia. Unha reflexión sobre a turistificación de Compostela e a relación da cidade coa propia compañía teatral que montaba o espectáculo. Cheverografías, a proposta que Chévere levou ao último festival Escenas de Cambio, amosa as posibilidades e os problemas do teatro que se fai a camiñar.

A voz dunha investigadora alemá que traballa sobre a relación entre a compañía Chévere e a cidade de Compostela era o fío condutor que o público de Cheverografías atopou nos reprodutores MP3 cos que eran equipados ao comezar o espectáculo. Esta guía, ficticia, guiaba os pasos, os xiros e a ollada do público que camiñaba durante unha hora para descubrir ou redescubrir diferentes espazos urbanos a través da historia do grupo teatral. Polo medio da narración atopábanse declaracións de persoas relacionadas coa compañía, sons de arquivo ou testemuños que convidaban a reflexionar sobre os cambios que viviu a cidade. Sobre o terreo, personaxes mudos interactuaban cos escenarios e marcaban o camiño. Como pano de fondo da narración, todo un proceso de turistificación e de institucionalización da cultura que transformaron Compostela nas tres décadas pasadas desde o nacemento da compañía. Segundo explica Xesús Ron, director da montaxe, esta "ten un compoñente de autopoética, relacionado con que a compañía fai trinta anos, pero tamén queriamos explorar as relacións entre unha experiencia, que neste caso foi o grupo de teatro, e o propio desenvolvemento da cidade".

O paseo número 1
As Cheverografías que se presentaron en febreiro no marco do festival Escenas do Cambio non foron a primeira tentativa da compañía en se achegar a obras de teatro en movemento. Xa en 2016 Ferrol acollía no marco do programa Fóra do mapa a posta en escena de Chelo. Paseo nº 1. De novo coas audioguías como base, esta proposta chamaba, segundo a propia presentación da montaxe, a "apropiarse do paseo como táctica de relación coa contorna para provocar un feito escénico a pé de rúa. É apenas andar, mirar, escoitar. Activar o encontro entre o teatro e o público. Desenvolver unha ficción que fará aínda máis real a cidade na que vivimos ". Con exemplos como estes, semella claro o actual interese de Chévere por investigar este tipo de propostas escénicas. Segundo recoñece Xesús Ron, "unha das liñas de exploración de novos formatos na que estamos a traballar é esta", unha evolución que sitúan en relación "cos traballos que fai Chévere fóra de espazos convencionais. Non é que fagamos propiamente teatro de rúa, pero si que traballamos tanto na rúa como noutros espazos". O interese por experimentar vén tamén de que "non nos sentimos moi cómodos co xeito no que se emprega habitualmente a rúa no teatro".

Cruze de perspectivas
Esta orientación cara ao paseo teatral encontrouse, no caso das Cheverografías, con outra liña de experimentación da compañía que é "o que se denomina autoteatro, a idea de xerar narrativas escénicas sen presenza de autores". Se ben a obra que se puido ver en Compostela si mantiña un narrador, "este podería desaparecer", asegura Ron. No espectáculo aínda se deu cita outro fío de interese do grupo. "Xa fixeramos algunha aproximación escénica ao mundo do turismo. Aínda que non quedamos moi satisfeitos, abriu a porta a explorarmos este ámbito. Interésanos o xeito no que o turismo establece unha relación cos visitantes. Isto ten moito que ver co sistema das visitas guiadas, en espazos abertos ou en museos, e con ese formato da escoita" propio das audioguías.

A cidade a actuar
Este tipo de experiencias, para alén de contar unha historia en movemento, facilita tamén crear unha experiencia diferente da cidade. "Transfórmase nun dos actores destas pezas, facilita ollar a cidade desde unha perspectiva diferente. Isto penso que amplía moito a experiencia persoal de cada espectador, xa que lle damos un marco para poder ter unha ollada diferente sobre un contorno que ao mellor está afeito a mirar", asegura o director. No caso dos visitantes, este tipo de formatos "poden facilitar un xeito diferente de se introducir na contemplación e na vivencia de andar por unha cidade nova".

Dificultades do movemento
A experimentación implica, como non, determinadas dificultades que, para Ron "supoñen tamén oportunidades". Neste caso o principal desafío para Chévere foi "traballar con tecnoloxías non habituais para nós como son os dispositivos de reprodución MP3 e os auriculares. Estivemos a explorar outras posibilidades, como os teléfonos móbiles de cada participante". Ao final, o formato escolleito, baseado en que todos os participantes, actores e público, deben sincronizar o momento no que comezan a reprodución da pista de audio, "ten o problema de que non se pode interromper a reprodución. Calquera interrupción pode provocar que se perda un espectador ou que non teña unha experiencia plena". Isto provocou que "nos impuxémonos certas limitacións para reducir riscos de que iso acontecese. Aínda temos certas carencias á hora de aproveitar as posibilidades da tecnoloxía, temos que traballar moito máis este tema e buscar asesoramento", explica.

Grupal e individual
O propio tamaño dos grupos e a pegada que provocan os espectadores no propio espazo público é tamén unha cuestión que preocupa a Chévere. As experiencias ata o momento acolleron "grupos reducidos de corenta persoas, pero para nós aínda resultan grandes. Un grupo deste tamaño ten un impacto na propia rúa maior do que nos gustaría. Resulta case unha manifestación, non é algo que pase desapercibido. E gustaríanos que estas pezas tivesen un impacto menor". Nese sentido, unha perspectiva pendente para o grupo é explorar a posibilidade de que a montaxe "estivese dispoñible en calquera momento e de xeito individual, para parella ou para grupos pequenos". Malia a este interese por individualizar a experiencia escénica, en Chévere son tamén conscientes da importancia do grupo. "Continúa a funcionar. Mesmo a escoitar de xeito individual, como espectador segues a ser consciente de que fas parte do grupo". En relación a esta situación de espectador colectivo apunta que o emprego de actores e de personaxes guía que "é un elemento co que nesta ocasión seguimos a xogar pero que poden ser prescindibles para conseguir unha autonomía narrativa total".

Recepción
A resposta a esta iniciativa, segundo recoñecen "foi boa" con todas as sesións cheas. "O retorno foi moi positivo por parte de todo o mundo. Faláronnos da boa sensación que é vivir unha experiencia pouco habitual e ver a cidade doutro xeito. En xeral todo o que nos veu de volta foi moi positivo e con moitas ganas de que se repetise a iniciativa. Mesmo houbo quen nos comentou que se debería ofertar isto a todos os estudantes de Bacharelato para que recuperasen parte da memoria da cidade. Outra xente falou de que isto reforza a identidade local, mentres algúns comentarios ían na liña de que este podía ser un xeito de turismo para coñecer cousas ás que non se pode chegar doutro xeito. Abríronse moitas posibilidades", recoñece Ron.

Posibilidades
En canto ás posibilidades do formato, a conexión co espazo que facilitan estes paseos pode achegar importantes elementos emocionais. Segundo explica o director, "as pezas están pensadas como retratos das cidades. En Ferrol por exemplo houbo un forte elemento afectivo e emocional, polo estado que tiña a cidade. Para moitos espectadores foi un golpe e acabaron chorando, anegados en bágoas. Entón tamén nos preguntamos como é posible que a través dun discurso escénico ou narrativo se consiga un impacto emocional tan grande. Ábrense moitas opcións". De cara ao futuro, "gustaríanos repetir esta peza e tamén seguir facendo máis pezas deste tipo no futuro noutros lugares". Entre as cuestións pendentes, recoñece que "outra liña que queremos desenvolver é a que aposta por converter o propio espectador en intérprete, que é algo que aínda non iniciamos". Esta forma de teatro ambulante semella levar unha boa marcha no seu camiño.