O país que foi ou puido ser

Os planos do século XVIII amosan a configuración e os proxectos para a Galicia daquel momento

15/2/2012 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: patrimonio
29 lecturas | Compartido 0 veces

Fragmento de plano de Ferrol

Obras orixinais, feitas a man, que permaneceron na súa maior parte agochadas durante máis de douscentos anos en arquivos de todo tipo. Os mapas que amosan a Galicia do século XVIII ven agora a luz da man da Fundación Barrié na obra Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800). Resultado de anos de investigación do equipo coordinado polo catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos, a obra recupera 1.600 mostras de como era o noso país na época, e un bo feixe de proxectos que non chegaron a se realizar.
Planos de cidades e espazos físicos. Alzados de fachadas de interiores de edificios. Proxectos que nunca chegaron a se concretar, fortificacións que xa non existen. O traballo de investigación que desde hai anos está a facer o equipo do catedrático Alfredo Vigo Trasancos tirou á luz todo un tesouro de debuxos e cartografía que permite coñecer a Galicia que era e que podía ter sido hai máis de 200 anos. O resultado do traballo que realizaron sobre o século XVIII ve a luz agora nunha edición da Fundación Barrié que, para alén de reproducións en alta calidade, achega unha base de datos con todo o material dispoñible para consultar e facer consultas. Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800) achega “unha grande compilación de moitas cousas que eran coñecidas e moitas que non. Son un total 1.601 planos, que se presentan por vez primeira conxuntamente de xeito ordenado xeográfica e cronoloxicamente con todas as súas lendas”. Con tamaña mostra, non é de estrañar que haxa planos e debuxos para todos os gustos. Desde vistas máis ou menos artísticas da nosa paisaxe ata exhaustivos rexistros da configuración de cidades ou edificios. Un total de 55 arquivos, tanto galegos como foráneos, foron consultados no marco deste proxecto, que leva xa anos a recuperar a cartografía do noso país.

Información
Isto facilita unha enorme información para investigadoras. Permite facer lecturas retrospectivas sore a configuración de Galicia xa desde a Idade Media, porque estes planos dan moita información sobre séculos anteriores. E ademais permite estudos posteriores sobre a evolución dos lugares ou mesmo analizar o aspecto orixinal de monumentos e edificios. Mesmo se pode aproveitar información toponímica”, explica este investigador. O detalle co que se abordaban estes debuxos permite, especialmente no caso dos edificios importantes, tanto civís como relixiosos, facerse unha idea polo miúdo do aspecto que presentaban cando se construíron ou daquel co que se concibiron. “Hai cortes lonxitudinais, transversais, alzados... empréganse todas as técnias de representación que se poden desexar para ver un edificio. Mesmo hai detalles sobre o material, o acabado ou a cor do enlucido que se quería meter na parede”, lembra Vigo. A este respecto sinala que os planos amosan perspectivas inéditas dalgunhas construcións emblemáticas do país. O aspecto da Torre de Hércules previamente á restauración que se abordou neste século é unha das achegas deste traballo. “Tamén se pode comprobar que edificios que estamos afeitos a ver enlucidos en cor branca, como o de Ferrerías en Ferrol, estaban orixinalmente pintados cun lixeiro ton rosa”, lembra. Moitos dos planos conservados conservan códigos de cores que permiten distinguir as edificacións existentes ou en construción das que estaban en proxecto e que, en moitos casos, non chegaron a se completar tal e como estaban concibidos, como pode ser o caso do Barrio da Magdalena, tamén na Cidade Departamental.

Arte
Non se debe esquecer que todo o material compilado polo equipo do profesor Vigo son exemplares feitos a man, xa que na época a reprodución seriada a cor de documentos como estes non estaba desenvolvida. “Todos os que atopamos son orixinais, pode haber en todo o caso copias feitas a man. En calquera caso, son manuscritos con autores concretos”. Este carácter dá en obras con cores e detalles mesmo artísticos e é que, para alén do valor para investigadores, Vigo salienta a estética deste material. “Son de tal beleza que da maior parte poderíanse facer carteis para pór na parede. Están todos en bo papel e a grande tamaño. Falamos de debuxos na maior parte dos casos acuarelados, que ofertan unha representación minuciosa e que mesmo inclúen elementos contextuais para facer máis agradable a visión”. Unha calidade que, ao ver deste experto, está por cima de calquera outros mapas realizados sobre o noso país. “Son auténticas xoias. Nin antes nin despois se fixeron traballos tan precisos e con tal viveza de cor”. Canda ás dificultades de reprodución, débese pensar que moitos destes planos estaban destinados ao exército e eran de difusión limitada, ou ben pretendían amosarlle ás autoridades do Estado os proxectos de obras que sufragaban”.

O que se conservou
En comparación con tempos anteriores, a cantidade de material dispoñible é asombrosa. Debemos pensar que dos séculos XVI e XVII unicamente contamos con 200 planos. Canda ás melloras técnicas atopamos tamén unha causa estratéxica na multiplicación destas obras. “A grande protagonista neste século é a arquitectura militar”, explica este historiador. Por este motivo abondan os traballos cartográficos de lugares con interese defensivo, como poden ser Tui, Salvaterra, Monterrei ou A Coruña, onde se abordaron traballos de construción e reforma de edificacións. No entanto, o maior protagonismo foi para Ferrol, que se ergueu nunha moi grande medida ao longo deste século para dar servizo ao arsenal. “Hai tamén un enorme caudal de proxecto de baterías e pequenos castelos que defendían as Rías”. Na arquitectura civil, destacan proxectos para grandes edificios que se abordaron neste período, comas hospitais, pontes ou mesmo o actual Arquivo do Reino de Galicia. Canda a eles, é de salientar a grande cantidade de rexistros gráficos sobre vivendas. “Na segunda metade do século as cidade queren controlar quen constrúe e como, e entón os concellos comezan a solicitar que se lles envíen os deseños das fachadas para seren aprobadas”. Isto deu nun grande patrimonio documental referido a estas construcións.

O que se perdeu
Malia á abundancia do material conservado, non se pode obviar que unha grande parte da cartografía desta época desapareceu, especialmente no referido aos arquivos relixiosos. “Coa exclaustración do século XIX toda a información do monacato galego neste sentido desapareceu. E é unha porque xusteo no XVIII foi cando se reedificiaron a maior parte dos mosterios. Conserváronse pouco máis de dez planos neste sentido, e o noso cálculo é que, de se ter conservado, deberían ser máis de mil”. Perdéronse así proxectos de reformas, realizadas ou non, de mosteiros senelleiros como os de Oseira, Sobrado ou Monfero, entre moitos outros. Chegaron a nós, no entanto, deseños da fachada do Obradoiro e doutros proxectos da Catedral de Santiago, da de Lugo e outras propostas que non se chegaron a realizar. “Por exemplo, había proxectos para o retrocoro en Santiago que terían feito da Quintana unha praza máis pequena e posiblemente dividida en dous”, explica Vigo Trasancos.

O que virá
De cara ao futuro, este equipo continúa a rastrexar os arquivos buscando mapas e planos do século XIX. “É unha grande cantidade, poden chegar facilmente aos 4.000, e haberá que organizalos de xeito diferente para a s úa edición. Pretendemos chegar ata 1868 e aí o deixaremos. Hai que pensar que só no último terzo dese século poden ser 6.000 máis, e é demasiado”, lembra este investigador. Antes disto, está previsto que vexa a luz unha reedición do material xa compilado dos séculos XVI e XVII. “Xa saíra de xeito máis humilde nun CD, e agora imos actualizalo, incorporando mellores reproducións, e adaptándoo a unha edición como a que fixemos dos mapas do XVIII”. É dicir, que os amantes dos mapas están de noraboa.

Esplendor barroco

Ver serie completa
01/04/2020

Un arquitecto no Século Dourado

Celebramos o Día das Artes Galegas celebrando o Barroco e as facetas menos coñecidas de Domingo de Andrade

17/01/2013

Venderse a base de pedra

A arquitectura barroca serviu para reivindicar o peso de Galicia no conxunto do Estado

20/11/2012

O precursor do barroco

Unha exposición achégase ao arquitecto que abriu Compostela ao barroco

Universo culturagalega.gal