Un arquitecto no Século Dourado

Celebramos o Día das Artes Galegas celebrando o Barroco e as facetas menos coñecidas de Domingo de Andrade

Celebramos o Día das Artes Galegas celebrando o Barroco e as facetas menos coñecidas de Domingo de Andrade
Capela do Pilar. Catedral de Santiago. Obra de Domingo de Andrade. Foto: Alfredo Vigo
Este 1 de abril celébrase o Día das Artes Galegas e a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicarllo a unhas das figuras máis representativas do portal ao redor do Barroco, unha época artística de especial relevancia para a arte galega e presentar algunhas das facetas máis descoñecidas do arquitecto, como a súa invención dunha técnica para emprender guerras bacteriolóxicas, o seu afán poético ou a súa reivindicación da Arquitectura como arte.

O final do século XVII foi unha época espectacular para a arte e a arquitectura galegas. O profesor da USC Alfredo Vigo ten amosado como a partir da década de 1670 se produciu un fenómeno moi importante na cidade de Santiago. Durante eses anos comezan a liderar proxectos construtivos toda unha xeración de arquitectos relativamente mozos (tiñan todos ao redor dos trinta anos) que se formaran nos obradoiros da propia cidade, tanto na Catedral como en San Martiño Pinario. Tratábase da primeira xeración de arquitectos galegos en varios séculos que asumen boa parte das obras de relevancia do país, despois dun dominio de profesionais foráneos desde o século XV. Nomes como Domingo de Andrade, pero tamén Diego de Romay, Pedro de Monteagudo, Tomás Alonso ou Frei Gabriel de las Casas. Eles van asumir as grandes obras barrocas do reino de Galicia e moitas delas, séculos despois, van ser as iconas fotográficas do país.

Todos están conectados, comparten unha visión da arquitectura e da estética, ata o punto de que, en palabras de Alfredo Vigo, "é doado confundir a autoría respectiva de moitas das súas obras máis características". Todos queren facer unha arquitectura nova, abraiante, fastuosa, pero tamén moi persoal. Ao mesmo tempo é clásica, pero por outra banda é moi creativa e singular. Na época hai a sensación do que está a suceder. Nun poema anónimo e manuscrito dedicado ao arquitecto Diego de Romai se lle cita como "cosmógrafo deste século dourado". E un elemento fundamental é a propia consideración do estatus do arquitecto. E isto vaise ver en moitos detalles. Un deles, singular, é que tras séculos de silencio, os arquitectos volven asinar os edificios. En 1676, o arquitecto Pedro de Monteagudo asina co seu nome na gran fachada da igrexa de Sobrado dos Monxes, nun lugar destacado. Desde a Idade Media, os templos galegos carecían dunha sinatura dos seus artífices conceptuais.

O profesor Alfredo Vigo explica a arquitectura de Domingo de Andrade a través de cinco obras compostelanas. Repaso no web e paseo por Santiago en Google Earth.


A reivindicación dos arquitectos
É por iso que un dos aspectos máis singulares da obra de Domingo de Andrade non está nas súas coñecidas construcións: desde a escaleira de San Domingos de Bonaval ata a Portada Real da Catedral de Santiago ou a Torre do Reloxo. Unha das súas testemuñas máis singulares é unha reivindicación intelectual da arquitectura. Trátase do tratadiño Excelencias, Antigüedad y Nobleza de la Arquitectura (1695), que Leopoldo Fernández Gasalla define como "peza única dentro do pensamento artístico galego e do xénero apoloxético en España". Aínda que eran frecuentes a apoloxía e a defensa da pintura como unha das Belas Artes, neste libriño de cincuenta páxinas Domingo de Andrade quere demostrar o mesmo para a Arquitectura. O arquitecto galego define á disciplina deste xeito: "amparo de las gentes, pues la defiende con fortificaciones de los enemigos, y de los rigores del tiempo con casarias, y Palacios; y aun la llaman prodigio, y maravilla del mundo; pues ella hizo maravilla".

Unha das claves desta identificación é que Andrade reivindica a profesión como un exercicio intelectual fronte os maestros canteiros e de obras: "aos mestres de arquitectura pertencelle dar xeito, traza e disposición nas obras, como nos pazos e casas tócalle dispor salas, dormitorios, portas, xanelas e as máis pezas convintes, e escoller e elixir materiais; porque aos oficiais, só lles toca traballar conforme o manda o Mestre".

No libro, Domingo de Andrade non fala moito do seu propio traballo, pero revela unha gran erudición e coñecemento da arquitectura clásica.

A poesía

Como curiosidade que indica que o arquitecto tiña unha formación importante é a localización dun documento moi atípico nun profesional deste estilo na época. Un poema en latín dedicado a Santiago. Atopouno o coengo e historiador da catedral de Santiago no reverso dun debuxo asinado por Domingo de Andrade para o enlousado da Capela Maior da catedral. O poema comeza no seus primeiros versos así:

O felix civitas, feliz sub numine tanto
O Regnum quo nunc omnia tuta manent,
Fungere laetitia, siquidem veneraris aperte...


A poesía revela a formación eclesiástica en latín de Domingo de Andrade pero tamén o seu compromiso coa causa de Santiago de Compostela. De aquela, a Catedral estaba comprometida na defensa da devoción a Santiago, que estaba a ser atacada desde diferentes círculos en España como paso para conseguir eliminar os tributos que boa parte da coroa de Castela debía pagar á catedral co Voto de Santiago.

A guerra bacteriolóxica

Andrade dedicou a súa apoloxía en defensa da arquitectura ao Conde de Lemos, Ginés Fernández de Castro, con quen colaborou con frecuencia como asesor militar. De feito, Andrade estaba moi interesado na arquitectura militar e ao final de Excelencias, Antigüedad y Nobleza de la Arquitectura sinala que está a preparar un tratado de instrumentos militares con estampas con todo tipo de maquinaria de asedio, lanzamento de proxectís ou para pegar bombas aos cascos de navíos. Pero unha das máis singulares se atopa nunha carta secreta que remite ao conde de Lemos, e que foi atopada no arquivo do pazo de Liria polas historiadoras Begoña Mendizábal e Manuela Sáez.
Trátase dun invento para crear unha bomba que "co que se lles pon dentro, causan peste". Imos reproducir a súa receita na lingua orixinal: "Lo primero se cogen sapos, salamandras, culebras y víboras que se han de echar en una olla (conforme se quisiera hacer la cantidad) y bien tapadas con un tiesto enlodado por todas partes, para que no salga humo. Se ponen en un horno a fuego lento para que se hagan polvos, para que no pierdan con demasiado fuego lo que tienen de su naturaleza y después se hacen polvos meneando a un lado y a otro sin destaparlos". Con este material se cargaría la bomba que se lanzaría sobre el enemigo para causar la peste".

En teoría Andrade deseñou un antídoto en forma de pos que debía aplicarse o manipulador da bomba pestífera, pero foron remitidos noutra carta secreta ata agora non localizada.

Ese tratado en arquitectura e máquinas militares de Domingo de Andrade aínda non foi nunca localizado. Pero o arquitecto deixou numerosas obras relixiosas e civís por toda Galicia, converténdose no máis importante arquitecto de Galicia no momento. O seu legado perdura ata hoxe.