Proteccións de peto

Os amuletos tradicionais achegan axuda para todo tipo de males

Tréboles de catro follas, atrapasoños indios, pulseiras tibetanas, ferraduras ou elefantes coa trompa ergueita. A día de hoxe non é estraño ver todo tipo de amuletos nas nosas vidas, a cal máis exótico. No entanto, en Galicia contamos cunha rica tradición nestes obxectos de poder que se mantén en moitos casos viva aínda que oculta nos petos e nas casas da xente. Coñecemos máis sobre estes elementos máxicos da man de Carlos Solla, un investigador de Cerdedo.

"Cando falamos de obxectos de poder a xente pode ter na cabeza a figa, o cairo de lobo ou o dente de xabaril, pero hai moitos outros amuletos tan descoñecidos coma fascinantes", lembra Solla. O seu coñecemento e interese por estes "obxectos de poder, abalorios ou adobíos, como lles chaman en diferentes" lévao a dar charlas por todo o país analizando estas cuestións. A Caixa da Antaruxada é o receptáculo no que Solla leva os seus obxectos de poder cando vai de conferencia. A súa colección completa recolle arredor de cincuenta elementos diferentes, dalgúns dos cales posúe diferentes exemplares.

Utilidades
A raíz da súa experiencia no tema, Solla clasifica os obxectos de poder en "valedores, sanadores e pedras da fartura". Segundo el "os valedores protexen a quen os leva das malas influencias. Do aollamento, o anginido, do ar de vivo, do ar de morto ou da influencia dos astros", explica. Neste campo entran as ferraduras, as castañas pelouras ou os allos entre moitos outros. "Serven para cando mal non está aínda dentro dun. Cando xa penetrou, hai que empregar un sandador, non serven uns para os casos dos outros", completa. "Deste segundo tipo, por exemplo, son os bezoarios, que se consideran antídotos universais contra os velenos, ou os alicornos". Os primeiros son formacións calcáreas que se atopan no estómago dos rumiantes, mentres que os segundos denominan a toda unha variedade de cornos (de vacaloura, de corzo, de cabra ou de cervo, entre outros) que teñen como característica común ser efectivos contra pezoñas e cadros de envelenamento. Para rematar, Solla fala doutro tipo de obxectos que para el supón "un dos achados máis interesantes do concello", as pedras da fartura. "Trátase dos endejos, pedras ovoides e brancas que aparecen na regaña das cachoterías das construcións, sempre próximas á cociña ou ao forno. Serven para que a masa levede en condicións e que o pan non se derrame. Logo hai outro que é o endejo aniñadoiro, que se lle pón ás pitas no niño, do mesmo feitío pero castaño".

Exemplos
Pode resultar sorprendente que, ao longo das súas charlas, este investigador atopase referencias constantes á pedra da pezoña ou ao corno do alicornio. "Din charlas nas catro provincias, percorrín todas as freguesías de Pontevedra, e en todas as coñecen ou as viron nalgún momento". No caso do primeiro destes obxectos, trátase de pedras de diferentes tipos segundo a zona que, ao igual que os alicornos serven para curar supostos envelenamentos. "En Moraña empréganse para este fin machados neolíticos. Noutro sitios a estes machados chámaselles pedras do raio e suponse que son o naris co que o raio pega na terra. Como se cre que nunca dan dúas veces no mesmo sitio, o que leva a pedra fica a salvo deste fenómeno". Aínda en Terra de Montes empréganse estes restos prehistóricos, co nome de "pedras feitas" para protexer o gando meténdoas entre as paredes das cortes. Pola contra, considéranse como pedras do raio os anacos de cuarzo cristalizado. A lista pode continuar a falar dos allos, axóuxeres, cairos de logo e de xabaril, da cruz de Caravaca ou do dente de Santa Pelonia, suposta reliquia da mártir do mesmo nome (torturada mediante a extracción dental) de grande efectividade contra a dor de moas.

Como coñecelos
O contacto de Solla con estes elementos xurdiu de xeito secundario a unha investigación que realizaba sobre a zona de Cerdedo. Ao longo dos seus paseos e conversas para recoller toponimia, lendas ou elementos do patrimonio material, foron xurdindo cuestións deste tipo. "Cando o que se require é información sobre o sobrenatural cómpre trabar unha fonda confianza, non se pode traballar nunha tarde. Normalmente xorde doutra conversa, vas buscar outra cousa e acaba saíndo este tema. Por iso seguramente a cuestión está pouco estudada". Como mostra da confianza que este investigador conseguiu con moitos dos informantes, recoñece que a maior parte da súa colección de obxectos de poder foi cedida por estes ou deixáronlla en herdanza. "Teño por exemplo un croio denominado Cruz de Santo André, que se puña nas roupas dos defuntos para evitarlles ter que ir Teixido logo de mortos. Deixouma unha señora que a recuperou de entre as cinzas do seu pai cando as trasladaron ao osario". As propias charlas que Solla fai sobre esta cuestión por asociacións de todo o país son toda unha fonte de coñecemento. "O único que podo expresar é gratitude a todos os asistentes. Desde a primeria convencinme de que tiña pouco que ensinar e moito que aprender", explica.

Malia ás mudanzas sociais, as tradicións dos amuletos continúa viva por todo o país, aínda que non librou das súas transformacións. "A xente séguese protexendo", explica Solla. "Agora non se levan colgados cornos de alicorno ou castañas pelouras porque non queda ben coas roupas modernas, pero hoxe por hoxe atopamos en prata ou ouro elefantes coa trompa ergueita ou amuletos que chegan doutras culturas". Aínda que alternativas propias non nos faltan.

Cairo de lobo, dente de xabaril, cruz de Caravaca e figas

Cairo de lobo, dente de xabaril, cruz de Caravaca e figas

(amuletos valedores)

Castañas pelouras

Castañas pelouras

(amuleto valedor)

Corna de vacaloura

Corna de vacaloura

(amuleto valedor)

Corno de alicorno

Corno de alicorno

(amuleto sandador)

Cruz de santo André

Cruz de santo André

(amuleto valedor)

Chave de san Pedro

Chave de san Pedro

(amuleto sandador)

Detentes

Detentes

(amuleto valedor)

Lingua de san Bernabel

Lingua de san Bernabel

(reliquia) (amuleto sandador)

Pedras feitas

Pedras feitas

(machado neolítico e ammonita fósil) (pedras da fartura)