As axudas á produción audiovisual subvencionaran 26 títulos

12 longametraxes, 12 curtas e dúas series recibirán os apoios públicos

A resolución da concesión de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia para a produción e coprodución de longametraxes, curtas e series apoiará cos seus 3.000.000 de euros de orzamento a realización de 26 novos títulos de cinema e televisión. Entre os proxectos subvencionados, 10 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional minoritaria, 12 á de curtametraxes e dúas á de series de televisión ou plataformas de vídeo baixo demanda.

Na listaxe de beneficiarias destacan os proxectos con equipos femininos e o uso maioritario do idioma galego nas versións orixinais. Ademais, oito das longametraxes veñen avaladas pola concesión en anos anteriores das axudas do Goberno galego para a escritura do guión e para o desenvolvemento previo das tarefas de preprodución, polo que se lles facilita a súa continuidade cara á chegada ás pantallas.

Longametraxes
Na categoría de longametraxes, apóianse cinco proxectos de ficción con axudas de 300.000 ou 320.000 euros e outros cinco de xénero documental, con dotacións que se sitúan entre os 80.000 e os 120.000 euros. Na modalidade de ficción atópase a intriga en español Petróleo, producida por Zuzú Cinema SL baixo a dirección de Álvaro Pulpeiro. Xa en versión orixinal en galego, finánciase 'A morte nos teus ollos', de Sétima S. Coop. Galega, unha proposta de cine negro con dirección de Guillermo de Oliveira; 'Merlo branco', de Valen Arts Paraíso AIE, do director de Alberto Díaz; a nova longametraxe da cineasta Diana Toucedo 'Querer vivir un grito', de Miramemira SL, e 'Gloria e Olvido', presentada por Villamiseria AIE, con dirección e guión de Paula Cons a partir da idea orixinal de Victoria Teijeiro, tamén coguionista.

No referente ás películas documentais, todas en versión orixinal en galego, as subvencionadas son Nacenza, de Matriuska Producciones SL, dirixida por Amador Lorenzo, onde se retrata a labor dun veterinario rural do Macizo Central de Queixa-Manzaneda; 'As aspas', onde Berio Molina nos achega a realidade de tres amigas neurodiverxentes e residentes en Santiago de Compostela; 'O da miña nai', unha proposta na que Nerea Barros pretende atopar o legado do pai a través da memoria da súa nai; Toxo, presentado por Tamboura Films SL, co que Gael Herrera na dirección e María Rodríguez no guión, achegan a historia do inventor dun combustible feito coa planta do toxo, e 'Caso práctico', da directora Ruth Chao.

En canto á categoría de coproducións internacionais con participación minoritaria española, a Xunta contribúe con 160.000 euros para cada unha á realización de dúas películas en lingua portuguesa. Trátase de Selvajaria, dirixida polo cineasta luso Miguel Gomes, na que participa a galega Filmika Galaika xunto a produtoras de Portugal, Brasil, Francia e Italia, e Desgarrada, do tamén portugués Flávio Ferreira, unha película de Portugal coa implicación de Cósmica Producións desde Galicia.

Unha serie de ficción e outra documental
A serie de ficción Ugeres, de Miramemira SL en coprodución con Portugal, baixo a dirección de Sonia Méndez e con guión de Lidia Fraga, recibe unha axuda de 260.000 euros, mentres que a serie documental 'Destino próxima Centauri', de Somadrome Films, SL e con Ruth Chao como directora e coguionista xunto a Alphonse de la Puente, conta con 100.000 euros de achega.

Finalmente, estas axudas cofinancian con 15.000 ou 20.000 euros a realización de 12 curtametraxes: 'Nos lobos da terra' (Omen SCP) de Lara Castro, 'Antes de nada' (Rebordelos SL) de Sabela Eiriz, 'La buena hija' (Jacobo García Fernández) de Paula Romero, 'Canto dura unha montaña' (Sombriza Films) de Fran Rodríguez Casal, Lenon (Meridiano Films), 'Avisa cando chegues' (Cristela Torres Nine), Lache (Algarabía Animación SC), 'Noutro tempo' (Amateurfilms SL), 'Señora Azul' (Gaitafilmes SL), Nemeto (Mala Herba Producións), así como as curtas de animación Terra (Gonzalo Enríquez Veloso) de David Fidalgo e Becho (Artyc Content SL) de Lau Maquedano.