Obxectos para negociar co divino

A vitalidade con que se mantén a práctica dos exvotos no noso país fan destes elementos un sinal identitario

A vitalidade con que se mantén a práctica dos exvotos no noso país fan destes elementos un sinal identitario
Fragmento de fotografía de Fuentes Alende con exvotos no santuario de Santo André de Teixido
Malia ás mudanzas nos tempos, a relixiosidade popular continúa viva no noso país, ata o punto de que podería considerarse un sinal identitario. A demostralo, o Museo de Pontevedra publicou este ano a obra Los exvotos en Galicia. Neste monumental traballo José Fuentes Alende repasa as formas e funcións duns elementos que, malia á súa omnipresenza, continúan pendentes de investigación. Figuras de cera, cadros votivos, animais vivos, placas ou mesmo oracións publicadas en xornais amosan a variedade dos xeitos cos que negociamos co ámbito divino.

Alén das prácticas oficiais da relixión católica, existe todo un mundo de relixiosidade popular que se desenvolve de xeito paralelo a estas. A empregar os seus símbolos, santos, espazos e celebración, o pobo artellou ao longo dos séculos xeitos de se relacionar do divino que transcenden e en ocasións mesmo coliden cos preceptos oficiais. No noso país, malia á decadencia que as prácticas do catolicismo viven nas últimas décadas, estes costumes continúan a contar cun importante seguimento. Entre eles, destacan pola súa vizosidade os exvotos, un xeito de solicitar e agradecer favores ao divino que se manteñen e evolucionan coa sociedade. A analizar o fenómeno, José Fuentes Alende presentaba este ano, da man do Museo de Pontevedra, a monumental obra Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular, un exhaustivo repaso pola variedade de formas, materiais e usos que adquire esta manifestación. A acompañar a obra, a entidade organizou o pasado mes de setembro o encontro A relixiosidade popular en Galicia: sinal de identidade cultural, cuxos vídeos están xa dispoñibles na rede. No mesmo, especialistas do noso país e foráneos abordaron diferentes dimensións deste fenómeno, como as romarías, as diferentes advocacións dos santos e, como non, os exvotos.

Un baleiro nos estudos
Foi en 1987 cando Fuentes tivo o seu primeiro contacto académico con estes elementos. Naquela altura recibiu do Museo de Pontevedra, onde traballaba, a encarga de localizar corenta exvotos mariñeiros para unha exposición conxunta sobre esta temática coa localidade bretoa de Brest. As súas pescudas leváronlle a comprobar a total ausencia de bibliografía sobre o tema, fóra da entrada que realizara Antón Fraguas para a Gran Enciclopedia Gallega. Coa intención de remediar ese grande oco do coñecemento sobre nós mesmos, cando chegou a súa xubilación emprendeu a exhaustiva investigación que, unha década despois, deu na publicación do Museo de Pontevedra.

 Diversidade de exvotos en San Andrés de Teixido. Fotografía de José Fuentes Alende
Diversidade de exvotos en San Andrés de Teixido. Fotografía de José Fuentes Alende


Orixe
Á hora de definir o que é un exvoto, o investigador salienta que "é todo aquilo que se ofrece á divindade a través de Cristo, da Virxe nas súas distintas advocacións e dos santos e santas". Deste xeito, podería explicarse como "toda promesa feita por un voto" significado orixinal da palabra latina que deu orixe ao termo. "Pídese un favor, que socorra nun perigo ou cure dunha enfermidade, e ofértase algo que pode ser material ou mesmo non tan material", como é o caso dos ofrecementos de peregrinacións, misas, doazóns económicas ou outro tipo de promesas. "No caso de que a petición sexa escoitada é de obrigado cumprimento facer efectivo o exvoto". Este tipo de intercambios coa divindade "non é exclusivo da relixión cristiá" e ten orixes anteriores a ela, lembra este investigador. "Na Biblia aparecen citados exemplos de compromiso coa divindade, e nas culturas das idades do Ferro e do Bronce existen figuras de metal en determinados santuarios" con este sentido. "En Galicia sen ir máis lonxe hai unha grande cantidade de aras votivas de época romana que foron ofertadas ás divindades, como consta nos seus epígrafes, co nome da persoa, a quen lle pide e que oferta, mesmo coa expresión ex voto inscrita".

Unha práctica viva
Fuentes salienta a plena vixencia que este xeito de relixiosidade mantén no noso país, o que considera que é un elemento diferencial da nosa cultura fronte ao contorno. "Hai manifestacións similares en moitas partes de España", recoñece, ao tempo que advirte peculiaridades como que "os cadros votivos, por exemplo, teñen elementos diferenciais en canto á categoría dos pintores ou na distribución das figuras e das lendas presentes. Logo hai outras formas que só aquí continúan a estar plenamente vixentes. É o caso da cerería, que noutros lugares existiu pero que xa non ten esa presenza. Galicia é o único lugar onde continúa a haber un grande número de cereiros que manteñen esta artesanía porque hai demanda dos seus produtos. En cada romaría hai algúns a vender as súas pezas como antano". A isto suma, "a tradición dos exvotos mariñeiros na forma de maquetas de barcos, que existía no País Vasco e en Cataluña, pero que polo xeral non ten continuidade nos nosos días, mentres aquí continúa plenamente vixente". Santuarios vencellados a grandes romarías ou a peregrinacións, como é o caso de Santo André de Teixido, As Ermidas, A Escravitude, o Monte Medo, Os Milagres de Amil ou O Corpiño son espazos habituais para esta forma de culto.

/imaxes/edicion/barcos_exvotos_2024.JPG
Grupo de maquetas de barcos pesqueiros no altar do santuario de Santo André de Teixido. Cedeira. Fotografía de José Fuentes Alende


As formas
Dentro da variedade de materiais e formas que adquiren este tipo de ofrecementos, a investigación de Fuentes dá conta de múltiples formas que, ao longo da historia, adoptou e aínda adopta esta práctica de comunicación co sobrenatural. Entre as formas de exvotos que manteñen unha importante vixencia no noso país, este investigador destaca "as figuras de cera, que están en todas partes. Tamén as maquetas de barcos están moi presentes en santuarios con devoción entre a xente do mar, sexa na costa ou no interior". A amosar esa vixencia, o investigador salienta as múltiples representacións de barcos de pesca actuais que se poden atopar en igrexas de todo o país, "na igrexa da Virxe da Barca, en Muxía, hai cando menos dous que se ofreceron en 2016 e outro de 2018". Segundo os seus datos, neste santuario había un total de 15 exvotos deste tipo en 2007 e agora amósanse 21. De xeito similar, nos Milagres de Amil acadaron a mesma cifra a partir dos 7 presentes no comezo do período. Entre estes, Fuentes lembra "un moi significativo que se ofertou hai uns seis anos. Trátase da maqueta dun caiuco senegalés, cunha inscrición que pon Senegal e outra que pon Dakar. É un caso moi curioso".

Cadro votivo de Dona Teresa Pensado. Santuario da Escravitude. Padrón. Foto Rodri
Cadro votivo de Dona Teresa Pensado. Santuario da Escravitude. Padrón. Foto Rodri


Cadros votivos
Da ampla variedade de formas que teñen os exvotos, Fuentes salienta un tipo que protagoniza o segundo volume da súa obra. "Os cadros votivos", que foron moi populares ata comezos do século XX "eran obras de pintores normalmente con pouca formación, pero supuñan un desembolso importante" para quen os encargaba. Así, o investigador recolleu máis de 160 elementos deste tipo distribuídas por santuarios de todo o país. Estas pezas tiñan unha estrutura común. "Na parte superior do lenzo representábase a imaxe da Virxe ou do Santo a quen se lle facía a petición, nun ámbito celestial". Na intermedia aparece unha escena da problemática que motivaba a solicitude. "No caso dos mariñeiros aparecen barcos en perigo. Cando a petición era por enfermidades vese o interior de cuartos co enfermo na cama, a amosar como as paredes estaban decoradas tamén con cadros, os médicos arredor e mesmo, nalgúns casos, outra escena na que se representa o cumprimento da promesa no santuario". Finalmente "na banda inferior do cadro unha lenda dá información de grande importancia documental como é o nome da persoa que fai o ofrecemento, a súa idade, a parroquia de orixe, o mal ou o accidente que sufriu e mais o que oferta. Hai veces que mesmo aparece a data en que se cumpre a promesa". Nese sentido, "os cadros son documentos gráficos e documentais que amosan como era a vida nos séculos XVIII ou XIX, o mobiliario, a decoración ou a vestimenta".

Fresco do Santuario da Nosa Señora das Virtudes. Arante. Fotografía do libro <i>Nosa Señora das Virtudes da Ponte. Arante - Ribadeo</i>
Fresco do Santuario da Nosa Señora das Virtudes. Arante. Fotografía do libro Nosa Señora das Virtudes da Ponte. Arante - Ribadeo


A persoas dos cadros
Estas pezas recollen ademais datos sobre persoas concretas que se poden rastrexar nos arquivos. Así, Alende localizou unha ofertada pola curación, cando cativo, de quen foi curmán de Rosalía de Castro, que aínda se pode ver na igrexa da Escravitude, en Padrón. Unha das pinturas votivas máis destacadas do país, de tema marítimo, é o fresco que se conserva na igrexa da Nosa Señora das Virtudes da Ponte en Arante (Ribadeo). Datada en 1606, a obra representa a tempestade á que se viu sometida o barco do ofrecente nunha travesía a América en 1594, con representacións da propia vila galega e de Trujillo, porto de chegada. Canda á pintura, o capitán do barco ofreceu tamén a bandeira da embarcación, unha lámpada de aceite dotada cunha arroba de combustible para alumear e mais un vestido para a figura da Virxe.


A chegada da fotografía
Este tipo de ofrecementos non están exentos de evolucións, e así, se ao longo do século XVII e ata o XIX era común o ofrecemento de cadros, a partir de comezos do XX no noso país estes deixaron de ser tan habituais ata a súa práctica desaparición na actualidade. "Coa chegada da fotografía pasan a segundo plano. En santuarios como o Corpiño, ou no Monte Medo, hai moitas fotografías, a miúdo tipo carné, que só recollen no dorso o nome do ofrecente e a data". Canda a estas "hai outras con montaxes semellantes ás dos cadros, a aparecer a Virxe e os santos na parte superior, en grande, e mesmo coa lenda que explica o motivo do exvoto".

Figuras de cera colocadas en estantes no santuario de Chamorro, Serantes (Ferrol). Fotografía de María Yglesias Rojo
Figuras de cera colocadas en estantes no santuario de Chamorro, Serantes (Ferrol). Fotografía de María Yglesias Rojo


A cera
Malia á importancia e cantidade destes cadros votivos, na actualidade os exvotos máis habituais son as figuras fabricadas en cera, que representan partes do corpo afectadas por unha doenza, ou mesmo efixies humanas enteiras. Este tipo de ofrendas teñen unha grande versatilidade, e deste xeito, existen con formas de animais por cuxa saúde ou fertilidade se pide. Nos últimos tempos, moitas destas pezas pasaron a representar mascotas como cans e gatos no canto de ficar circunscritas a especies gandeiras máis tradicionais. Do mesmo xeito, os que representan vacas tamén se modificaron ao longo do tempo para retratar especies leiteiras, con maiores ubres, fronte ás antigas, dedicadas ao traballo. En canto ás figuras humanas, o traballo de Fuentes rexistra tamén como se ofrendan na actualidade parellas das mesmas amarradas con lazos ou metidas xuntas en bolsas como un xeito de propiciar a continuidade ou o benestar dunha relación. Na análise deste investigador apúntase tamén como os motivos polos que se ofrecen os exvotos mudan co tempo, e agora fanse a través deste método peticións vencelladas a problemas de traballo ou de drogas. "Os tempos mudan e as tradicións tamén teñen que se adaptar", apunta.

Figuras de cera a representar partes do corpo humano. Cabeza e intestino. Fotografía de José Fuentes Alende
Figuras de cera a representar partes do corpo humano. Cabeza e intestino. Fotografía de José Fuentes Alende


Figuras de cera de vaca e de gato. Fotografía de José Fuentes Alende
Figuras de cera de vaca e de gato. Fotografía de José Fuentes Alende


Variantes e novidades
Dentro das innovacións que continúan a se dar neste campo, Fuentes lembra un caso destacado de 2015. "Os exvotos tentan ter similitude coa persoa ofrecida", explica. Deste xeito, "as velas adoitan ser tan altas como a persoa enferma pola que se ofrece". A seguir esta lóxica, "atopei unha nova de prensa de 2015 na que dúas mulleres de Bueu, nai e sogra dun home doente de cancro, ofertáronlle a Santa Rita, en Vilagarcía unha figura de cera a representar o mozo, tan alta como era el, de 1,86 metros de alto. Foi un traballo enorme para o artesán cereiro, pero amosa a vixencia que ten esa relixiosidade popular".
Esta tradición conta tamén cun amplo seguimento en Portugal, onde as formas que adoptan estas figuras representan cun carácter moito máis naturalista dos órganos e partes do corpo, nun estilo que tamén aparece no sur do noso país. Segundo recolle este investigador no seu traballo, o destino dos exvotos de cera finalizadas as romarías e retirados do lugar de culto adoita ser a súa venda, en ocasións mediante poxas, a empresas de cerería, que reutilizan o material na súa produción.

Exvotos de madeira na capela de San Mauro - Matamá - Vigo. Fotografía de José Fuentes Alende
Exvotos de madeira na capela de San Mauro - Matamá - Vigo. Fotografía de José Fuentes Alende


Figuras de madeira e de prata
Dentro das singularidades neste mundo, o investigador salienta as figuras de madeira que substitúen as de cera en certos santuarios. "En particular nos dedicados a San Mauro, patrón de reumas e enfermidades óseas. No de Matamá, en Vigo, teñen un lote delas a representar diferentes extremidades. Os devotos poden coller unha a cambio dunha esmola e dar varias voltas con ela arredor da capela como ofrecemento antes de a deixar de volta". O mesmo acontece na parroquia de Oleiros, en Salvaterra de Miño, onde hai tres arcóns con pezass deste tipo. Tamén son máis raras do que noutrora as figuras de prata que se conservan en distintos templos a representar partes do corpo afectas por doenzas.

Exvotos dedicados a san Roque na igrexa de Santiago, Cangas do Morrazo. Beizos, dedo, torso e zoca feitos en prata. Fotografía de José Fuentes Alende
Exvotos dedicados a san Roque na igrexa de Santiago, Cangas do Morrazo. Beizos, dedo, torso e zoca feitos en prata. Fotografía de José Fuentes Alende


Animais e gran
Aínda que menos habitual do que noutrora, tamén se mantén viva a tradición de ofertas animais vivos aos santos como pago de favores, unha práctica que xa está rexistrada nas Cantigas de Santa María. "Nos cadros votivos aparecen cabalos, vacas, bois co seu carro ou becerros. Hoxe adoitan ser máis animais pequenos. Ofrécese un año, coellos ou polos". Pola contra, está practicamente desaparecido o costume de doar millo, trigo ou centeo. "En ocasións a promesa era dar tanto cereal como pesase o doente, e de feito nalgúns santuarios" como o de San Campio de Lonxe, en Tomiño, onde a práctica era común, "mesmo conservan a balanza onde pesaban o doente e o gran". Outra forma que perdeu certo seguimento foi o ofrecemento de obxectos para o culto. Lámpadas, a miúdo cunha doazón de aceite para as manter prendidas, pero tamén "cálices, patenas, todo tipo de ornamentos ou mesmo pías de auga bendita, como a de Santa María de Pontevedra ou a da Virxe do Camiño, en Muros" fan parte desta tradición. "A certa altura estas pías pasaron a ser cunchas de bivalvos xigantes que os mariños traían das súas viaxes e ofertaban ao templo", lembra Fuentes Alende.

Billetes, moedas e reloxos ofrecidos no santuario dos Milagres do Monte Medo. Baños de Molgas.  Fotografía de José Fuentes Alende
Billetes, moedas e reloxos ofrecidos no santuario dos Milagres do Monte Medo. Baños de Molgas. Fotografía de José Fuentes Alende


Representacións da doenza e obxectos persoais
Outros exvotos que continúan vixentes son aqueles que representan a doenza ou a morte. Dentro destes enmárcanse "o ofrecemento de muletas ou de próteses que o enfermo xa non precisa, ou, de xeito máis recente, o cabelo de mulleres que se someten a tratamentos de quimioterapia ou as perrucas que empregaron durante o mesmo". Na mesma liña sitúanse as mortallas, tan habituais na festa do Nazareno, da Pobra do Caramiñal, ou os cadaleitos típicos en romarías como a de Santa Marta de Ribarteme, actualmente en cuestión. "O párroco actual non permite que saian en procesión", lembra Fuentes, aínda que iso non impediu que este ano estivesen presentes na festividade. Do mesmo xeito, "no Santo Cristo de Xende, na Lama, saíron dous en 2024, e na Pobra foron catro". Tamén mantén vixencia, coas inevitables variacións en cada época, a oferta de obxectos personais. "Na Virxe da Franqueira hai unha gorra de militar que participou da misión española en Afganistán. Noutros os quintos ofertaban as súas gravatas cando voltaban do servizo militar. Nos milagres do Monte Medo hai unha grande colección de reloxos, que non son un exvoto habitual. Antes era habitual que cando alguén morría na casa se parasen todos os reloxos, entón penso se empregaban como símbolo da vida".

Placa votiva de madeira no santuario da Virxe dos Remedios. Foto MAPOU. Fondo documental Francisco Fariña Busto
Placa votiva de madeira no santuario da Virxe dos Remedios. Foto MAPOU. Fondo documental Francisco Fariña Busto


Placas
Outra variedade que, con menos pulo, pero continúa viva, é a das placas, de mármore ou madeira, con lendas que explican a promesa. Ao xeito dunha evolución destas está a publicación en prensa de oracións. "No Diario de Pontevedra eran moi frecuentes e aínda aparecen", lembra Fuentes. "Págase como se fose un anuncio e publícase unha oración a Santa Clara, á Virxe Peregrina, ao Sagrado Corazón ou a San Xudas Tadeu, que ten moita devoción na cidade. Hai tanto oracións a facer a peticións como outras en acción de grazas". Nunha nova evolución destes "exvotos verbais", "en Internet pódese ver como no web do santuario do Corpiño hai peticións e grazas mesmo de xente de fóra do país. Este fenómeno chega a todas partes", explica o investigador.

Malia ás recentes polémicas en santuarios como o de Ribarteme, xeralmente por parte das autoridades eclesiásticas "non hai impedimento en recibir todo tipo de exvotos nin ás prácticas de relixiosidade popular", mesmo dalgunhas que poden ficar fóra da ortodoxia católica "Este último ano fixen tres cuartos de hora de cola para entrar na igrexa dos Milagres de Amil, toda a xente agardaba para entrar e pasar a súa estampa pola figura da Virxe", explica como un exemplo deste tipo de ritos. "Non sei se os sacerdotes o fan de mellor ou de pior gana, pero desde logo estas prácticas supoñen uns ingresos importantes" para os santuarios, advirte. Malia a todo, o devalo da relixión en xeral supón unha ameaza para estas prácticas. A posibilidade de que pasen a ser recoñecidas como Ben de Interese Cultural polo seu peso e carácter identitario en Galicia foi presentada, na xornada do Museo de Pontevedra, como unha posibilidade que pode favorecer a súa protección e estudo. O tempo dirá en que xeito evolucionarán uns xeitoss de comunicación coa divindade que, de certo, han continuar.

Todas as imaxes proceden dos dous volumes de Los exvotos en Galicia, de José Fuentes Alende