O Museo do Pobo acollerá as estatuas recuperadas do Mestre Mateo

O Concello de Santiago reclama aos herdeiros do ditador que se fagan cargo do traslado

O Concello de Santiago reclama aos herdeiros do ditador que se fagan cargo do traslado
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este luns das xestións realizadas ata o momento para verificar a volta a Santiago das estatuas do Mestre Mateo propiedade do Concello, que arestora seguen en mans da familia do ditador Francisco Franco. Sanmartín explicou que, unha vez que a familia Franco enviou a súa comunicación na que aceptaba a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a propiedade municipal das estatuas, o Concello iniciou os contactos para dispor o necesario para o seu traslado e depósito nun lugar adecuado. O lugar ao que virán inicialmente, por decisión do grupo de goberno municipal, será San Domingos de Bonaval, a sede do Museo do Pobo Galego, xestionado polo padroado integrado por boa parte das institucións que aglutinan a quen traballan en prol da cultura de Galicia, por un amplo número de especialistas nas distintas áreas desta e por representantes das Administracións públicas.

Sanmartín Rei indicou que o Museo do Pobo Galego conta coas condicións técnicas e museísticas adecuadas para coidar deste ben patrimonial e para facilitar que sexa visitado no contexto do museo. Ademais, neste mesmo museo está depositada outra peza relacionada con estas estatuas, que foi adquirida polo Concello xunto coas estatuas dos profetas e que pode contribuír tamén á lectura do que significa o percurso destas obras. Trátase da lauda sepulcral do século XIV. A alcaldesa de Santiago sinalou que, nesta decisión tamén se tivo en conta que as estatuas volven en certa maneira ao Concello ao regresar a un inmoble que é propiedade municipal e que o Padroado do Museo do Pobo Galego manifestou formalmente xa a súa disposición a acollelas.

Traslado
Así mesmo, o Concello respondeu o burofax da familia Franco demandándolle que se faga cargo do traslado, toda vez que os servizos xurídicos entenden esa debe ser a interpretación da sentenza, que indica que deben restituír as esculturas. Neste sentido, contactouse coas direccións responsables da memoria e do patrimonio no executivo estatal e tamén coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para coñecer a súa disposición a colaborar nesta delicada operación e tamén as condicións e autorizacións administrativas necesarias. Ao respecto, indicou a boa sintonía para a colaboración.