Escenarios urbáns

Pontevedra, Lugo e Ourense desenvolven rutas teatralizadas para dar a coñecer a cidade

Coñecer a historia dunha cidade non ten por que ser unha sucesión imposible de datas, personaxes e lugares. Por ese motivo, desde hai uns anos agromaron en diferentes partes do Estado visitas teatralizadas nas que, a modo de proposta lúdica, propios e alleos, podían ter un coñecemento máis amplo da cidade. Pontevedra e Ourense acaban de engadirse a Lugo nesta proposta que está a ter moi boa acollida.

“Un ano máis percorreremos as rúas da nosa cidade para sorprendernos coas súas historias e personaxes. Eles están aí, esperando para poder amosarse, xa que son os que fan cobren vida” reza o folleto turístico que anuncia as visitas teatralizadas de Lugo, que xa levan un tempo realizándose na época estival e que este ano aumentan o seu percorrido, a súa duración e a cantidade de datos sobre a cidade das murallas. “Unha petición que fixeron os turistas de anteriores edicións” afirmaba a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, na presentación da edición actual de Lugo, alma romana. Aínda que non ten a tradición como poden ter as de Burgos ou Ávila, levan varias edicións celebrándose e xa permitiron introducir algunhas variacións, como incrementar o percorrido, ir definindo as personaxes ou incrementar os horarios (celébranse venres, sábados e domingo, aínda que este ano aumentaron a oferta nas pontes e festividades ). Pontevedra e Ourense acaban de agromar iniciativas que comparten o feito lúdico e didáctico da visita histórica, pero que son distintas en canto a intención e organización.

As particularidades de cada percorrido
No caso de Lugo, alma romana a organización parte do Concello que se encarga de buscar ao equipo técnico e artístico que desenvolve o programa. En Pontevedra, foi a compañía Migallas, que leva anos traballando para o Centro Comercial Urbano Zona Monumental da cidade do Lérez, a que propuxo unha visita teatralizada nocturna como complemento das diurnas e que lle puxo por título A boa vila desde o Camiño Xacobeo. Máis diferente aínda é o caso de Ourense, xa que a compañía Sarabela Teatro levaba varios anos acariñando a idea de facer un proxecto de dinamización cultural na cidade, como levaba facendo en diferentes localidades da provincia. Pero non foi ata este ano cando a compañía puxo en marcha O asombro da auga, unha montaxe pensada exclusivamente para a cidade na que os asistentes dan marcha atrás no tempo para regresar ao Ourense termal de inicios do século XIX. O concello acolleu con bos ollos a iniciativa e pasou a integrase dentro da oferta lúdica de verán para a cidade das Burgas.

Outra das diferenzas é que tanto en Lugo como en Pontevedra as visitas son de pagamento (cunha contía case simbólica de 4 euros para adulto e 2 para os pequenos) e necesita solicitude previa, mentres que en Ourense a iniciativa é de balde. Ademais, todos os que queiran coñecer a historia das irmáns De la Vega, tías da actual vicepresidenta do goberno, e protagonistas da historia, poden subirse no Tren das termas que sae ás 20:30 da Praza Maior con dirección ao Muíño das Veigas, onde ten lugar o a representación escénica propiamente dita.

Por último, tendo en conta que cada representación pretende servir de reflexo da historia da cidade, as compañías que se encargan de poñelo en marcha tiveron que facer un traballo previo de documentación para seleccionar os fitos e personaxes históricos. No caso de Lugo, faise un percorrido resumido pola cidade desde o seu nacemento desde a época romana ata case a actualidade, de tal xeito que pretende dar ao visitante unha visión global. En Pontevedra, Carlos Yus, membro de Migallas, e un dos encargados de deseñar o itinerario e os contidos de A boa vila desde o Camiño Xacobeo explica que “á hora de facer o guión había moitas posibilidades e tiñamos que definir época para presentar as visitas. Decidímonos situarnos a finais do XIX e principios o XX para recoller a atmosfera cultural e aínda que tamén incorporamos a visita de personaxes ilustres da cidade de épocas anteriores como o Pai Sarmiento”. Mentres que en Lugo cada un dos personaxes históricos serve de guía pola cidade, en Pontevedra, Carlos explica que “non quixemos facer personaxes reais, senón evocacións a eles a medida que imos camiñando polas rúas”.

Son iniciativas, a medio camiño entre históricas e lúdicas, que están a popularizarse en todo o Estado, xa que cada ano son máis as cidades que se incorporan estes peculiares itinerarios dentro da súa oferta turística e cultural.