O V de Viñetas volta a Noia este 28 de novembro

Miguelanxo Prado, Antonio Altarriba e Álvaro Ortiz encabezan o cartel das xornadas de banda deseñada

O Liceo de Noia acolle, desde este 28 de novembro e ata o día 30, a oitava xeira de V de Viñetas. O encontro de banda deseñada volta á vila coa presenza de Miguelanxo Prado, que presentará a súa obra Presas fáciles, de Álvaro Ortiz e de Antonio Altarriba, que protagonizan senllas exposicións, como cabezas de cartel.

Canda a estes nomes, a cita conta con representantes da BD galega como Luís Davila, Fran Jaraba, Iria Aldegunde, Lucía Cid ou Pablo Carrera, que protagonizarán sesións de sinaturas e encontros co público. O programa inclúe ademais exposicións monográficas sobre Fran Jaraba, Luís Davila e unha de homenaxe a Akira Toriyama. A isto súmanse diferentes obradoiros, postos de venda e o concurso Hahehihou! de creación de cadriños humorísticos ao vivo.