Sete espazos novos ábrense para a Semana do Patrimonio Invisible de Santiago

Poderán acceder en visitas guiadas gratuítas máis de setecentas persoas

Poderán acceder en visitas guiadas gratuítas máis de setecentas persoas
A Semana do Patrimonio Invisible, que cada vez chega a máis cidades de Galicia é unha actividade que xa non necesita presentación, o seu éxito de participación é indiscutible e adoita quedar moitas persoas con ganas de máis e moitas portas interesantes aínda por abrir. Neste caso a VIIª Semana do Patrimonio Invisible de Santiago de Compostela celébrase este ano en coincidencia co 40 aniversario da declaración da capital galega como Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

Para a ocasión, entre o 1 e o 5 de decembro, serán sete os espazos singulares e non habituais para visitas que abrirán as súas portas en exclusiva aos grupos guiados da Semana por vez primeira: o Pazo Arcebispal, as Escavacións da Catedral, o Auditorio de Galicia, a Compañía de María, a Casa da Parra, a Colexiata do Sar e un que se garda aínda como visita secreta. O programa complétase ata compor a ducia de propostas con algunhas das experiencias máis valoradas polas persoas participantes en anteriores edicións, como os Mananciais de Compostela, o CSC da Trisca, o Cemiterio e Capela do Rosario ou o Teatro Principal. Máis de 700 persoas poderán formar parte nesta ocasións dos itinerarios de xeito gratuíto. Mañá xoves ás 12:00 horas abrirase a reserva de prazas para as visitas a través do web da actividade. A edición deuse a coñecer está mañá nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas, e o xestor cultural de Trivium estratexias en cultura e turismo, Manuel Rial.