No marco das conmemoracións do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este mércores a xornada 'Fotografía e feminismo' comisariada por Paula Cabaleiro e Rosario Sarmiento que reflexiona arredor da fotografía e do feminismo. Para este fin reúnense no CCG varias profesionais da historia, do comisariado, da crítica e da fotografía para que acheguen os seus coñecementos e reflexións arredor do tema obxecto da xornada. A sesión busca atender tanto á historia da arte desde unha ollada feminina e feminista como lembrar que a fotografía rexistrou e acompañou o movemento feminista e as súas reivindicacións nas rúas, gravando moitas imaxes xa icónicas na nosa memoria colectiva. A primeira parte da xornada conta coa presenza da historiadora Carmen Dalmau que pasará revista ás grandes mulleres fotógrafas españolas. Tamén con Anxela Caramés, Carlos Castelao e Olaia Sendón que reflexionarán nunha mesa redonda e desde a súa experiencia máis próxima sobre o protagonismo das mulleres fotógrafas en Galicia. Na segunda parte, Silvia Omedes achegará os seus grandes coñecementos sobre a fotografía documental realizada por mulleres, e a continuación haberá unha mesa de relatorios na que Andrea Costas, Alba Díaz e Margarita Ledo Andión compartirán reflexións dende a súa mirada como creadoras. Pecharase co documental 'Altas Luces', un proxecto sobre fotografía, mirada e xénero da produtora Illa Bufarda. A xornada ao completo pode seguirse en directo a través da canle de YouTube do Consello da Cultura Galega.
A fotografía que acompaña a liberación da muller
O Consello da Cultura celebra hoxe a xornada 'Fotografía e feminismo' reunindo a nomes indispensables na reflexión



