Campamentos e festivais inclúense na segunda parte do proxecto Ronsel

O proxecto de recuperación do patrimonio inmaterial entra unha nova fase

Un investimento de 265.455 euros, achegados polas consellaría de Industria, Cultura e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, porán en marcha a segunda fase do Proxecto Ronsel. As tres univesidades galegas asinaron hoxe co Consello da Xunta o convenio polo que continúan esta iniciativa, que pretende inventariar e salvagardar o patrimonio inmaterial do país. Entre as propostas desta segunda fase está a realización doutra edición da Mostra do Patrimonio Inmaterial e doutros catro grandes eventos con este eixe. Tamén se desenvolverán campamentos onde os máis cativos poderán entrar en contacto coa nosa tradición.

Nota oficial


O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Innovación e Industria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e as tres universidades galegas poñen en marcha a segunda fase do proxecto Ronsel, que se centrará no inventario e salvagarda do noso patrimonio cultural inmaterial.
Con esta nova fase de Ronsel procúrase a preparación dun inventario cultural, a salvagarda e a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia. Os resultados deste estudo serán dados a coñecer ao público coa organización dun congreso e diversas xornadas en que serán divulgadas as conclusións dos seus informes.

Os traballos serán realizados por un grupo de investigadores procedentes das tres universidades baixo a dirección do doutor Iván Area Carracedo, da Universidade de Vigo. Con el, realizarán os labores de coordinación e execución do programa Xosé Manuel Cid, Anxo Fernández e Xavier Simón. Estas actuacións terán que estar rematadas o 30 de novembro deste ano.

Do orzamento total de 265.455 euros, a Consellería de Cultura e Deporte é a que máis inviste neste proxecto, con 156.150 euros, seguida da Consellería de Innovación e Industria, que achega 78.075 euros, e por último, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que pon 31.230 euros.

Nesta segunda fase quérese continuar coa experiencia da Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portuguesa, que tivo lugar en Pontevedra en novembro de 2007. Para iso organizaranse catro grandes eventos que acheguen este patrimonio á parte da sociedade que se atopa máis afastada actualmente destas manifestacións culturais. Prevese ademais a organización dun campamento de verán para rapaces de entre 6 e 16 anos, onde se transmitan os coñecementos adquiridos no proxecto desde unha visión pedagóxica.

O proxecto implica ademais a realización de contidos na internet, a edición de publicacións e a aproximación dos turistas que visitan Galicia ao noso patrimonio inmaterial.

Este proxecto naceu en 2007 co obxectivo de levar a cabo medidas conxuntas por parte dos asinantes para recuperar e divulgar o patrimonio cultural inmaterial de Galicia. As tres actividades fundamentais desenvolvidas nos seus primeiros seis meses de funcionamento foron o deseño do Plan estratéxico do patrimonio cultural inmaterial que alberga as accións que se desenvolverán durante cinco anos, a organización dunha gran mostra de patrimonio na vila de Pontevedra para darlle visibilidade a este traballo e a posta en marcha do portal web coma plataforma global de difusión.

En febreiro de 2008, a Radio Galega outorgoulle ao proxecto Ronsel o premio “Recuncho da Palleta”, por ser o traballo anual máis destacable a prol da cultura musical galega.