Maribel García: "a crise e a piratería fan mella no sector cultural"

CC: crise cultural

Co descenso de renta das familias, diminúen tamén as cifras de negocio da cultura asegura Maribel García, catedrática de economía da Universidade Autónoma de Madrid. Esta especialista é unha das autoras do libro A dimensión económica da industria da cultura e o lecer en España que lle sirve para argumentar que existe outro factor clave no aspecto económico da cultura: a piratería.

“Hai moita xente que considera a industria da cultura é unha lacra para a sociedade, porque o Estado ten que manter aos creadores, pero isto non é certo” afirma Maribel García. E a súa certeza está no libro A dimensión económica da industria da cultura e o lecer en España que elaborou xunto con outros catro autores e nos que documentan como a cultura é unha industria que xenera cifras de negocio e emprego nada desdeñables. “Podemos demostrar, a través das declaracións do IVE á Axencia Tributaria, que a cultura representaba no 2003 en torno ao 4% do Produto Interior Bruto, o que quere dicir que está entre o sexto e o décimo posto respecto a todo o ranking da contabilidade nacional dos principais sectores”. E non só iso, senón que ademais, ese estudo demostra que a cultura foi un dos sectores máis dinámicos que houbo nos últimos anos. Para reforzar a súa afirmación, Maribel asegura que “se o total do promedio de crecemento do emprego en xeral foi dun 5.6 por cento, no caso da cultura medrou un 8”.

Chegar a este dato supuxo un traballo continuado hai máis de quince anos. “Cando comezamos era un estudo pioneiro e hoxe segue a selo” afirma Maribel que se lamenta que a atención política e academica non vai por esa liña.

O futuro
Tendo en conta que os indicadores da actividade proveñen da Axencia Tributaria e non do ministerio de Economía nin do Instituto Nacional de Estatística, xustífícase o atraso dos datos. Por ese motivo non se poden ter datos máis actuais do volume de negocio da cultura. Sen embargo, Maribel García asegura que “a cultura e o lecer está relacionado co nivel de renda. E isto ten un efecto multiplicador, o que quere dicir que se aumenta a renda, aumenta o nivel de vida cultural e se incrementa. E esta característica ten a súa dobre partida: se hoxe en tanto en canto hai unha crise, a cultura vese perxudicada. E isto nótase en cifras de negocio e de emprego”.

Pero esta catedrática de economía considera que existen outros factores que poden incidir no desenvolvemento económico. “A piratería é máis determinante que a baixada no nivel de renta das familias” afirma. Para iso avoga por regular o marco xurídico que comece a establecer as pautas deste sector. “Neste sector hai moita opacidade porque non hai un marco xurídico regulado, cando haxa unha maior regulación, sairán á luz actividades que non están recollidas e mellorarán moitos indicadores e, polo tanto aumentarán as cifras de negocio”. Ante estes dous factores que inciden no sector cultura, Maribel García considera que “a piratería é máis determinante que a baixada no nivel de renta das familias”.

Por sectores, Maribel García asume que a industria musical permaneceu do 97 ao 2003 (os datos que se recollen na publicación antes mencionada) mantívose constante. “Isto non ten sentido economicamente. O sector musical é un sector en expansión, que os indicadores económicos estean estancados durante este período de tempo con todo o despegamento que se produciu no sector das tecnoloxías da comunicación” afirma. Segundo os seus estudos sobre as cifras de negocio, a industria musical segue a ocupar o segundo lugar no periodo entre 1997 ou 2003, mentres que o de edición pasou do primeiro ao terceiro, lugar que antes ocupaba a televisión e que no 2003 pasa a ser punteiro.

Esta catedrática cre que cómpre entrar nunha regulación xurídica para paliar todo o tema da piratería e que as políticas de fomento non deben vir vía subvención, senón en actividades de políticas de exportación. “De momento, é moi reducida a nosa achega ao mercado global. E hai que fomentar e incrementar a exportación. Pero si estamos nun mundo globalizado estamos para todo, non podemos estar só para o que nos interesa. A protección da industria nacional foi noutra época e noutro contexto”. Maribel defende o potencial da cultura e da creación en España que, na súa opinión, para mellorar as cifras de negocio debemos “aproveitar as súas posibilidades que potenciaría a outros sectores”.