A presente edición incorpora, ademais de todos os libros publicados polo autor, a práctica totalidade da súa obra poética dispersa -recuperada en revistas, catálogos, folletos e outras publicacións-; ao que hai que unir, e isto si que é importante e transcendente, un gran conxunto de poemas inéditos, fundamentais para pecharmos o círculo de coñecemento dunha das obras centrais e capitais da poesía galega do século XX. Finalmente, e na clara convicción que temos sobre o valor autoral existente en toda traducción, ofrecémoslle tamén aos lectores a poesía traducida ao galego polo noso poeta, obra esta que ten a súa máxima expresión nos títulos "Chronique" de Saint-John Perse e "Cimetière marin" de Paul Valéry. [nota do editor]