No mes de novembro do ano 1956, no cuarto do hotel que ocupaba na Rúa Nova de Santiago de Compostela, Ramón Otero Pedrayo escribía uns contos cos que tiña mentes de proseguir o traballo ata completar un ciclo narrativo de relatos dedicado ás distintas estacións do ano. Entre os inéditos que deixou logo da súa morte, atopouse material abondo sobre o devandito proxecto, en concreto un volume xa rematado que levaba por título "Contos de Santos e Nadal", libro que se publicaría postumamente e que agora se reedita na Biblioteca Otero Pedrayo.
Trátase de nove relatos que amplían e arrequentan a nosa visión da narrativa breve de Otero, narrativa que se basea nun xeito case heroico de concibir a vida, dunha melancolía serena que, xunto ao estilo persoal e inconfundible do autor de Trasalba, dá á súa obra breve unha nova e poderosa orixinalidade na arte de narrar. O propio Otero Pedrayo pon estes relatos baixo a advocación das "noites pousadas e as hora peneiradas no cribón do misterio", vencellándoos a ese afán por contar intres e aconteceres sospeitados e non vividos, o que el chama "a ilusión da experiencia".
[presentación editorial]