Puntuación: 2.1/5 (38 votos)
A obra de Ánxel Fole como escritor de relatos é unha das máis importantes da literatura galega do século XX. Editorial Galaxia inicia a publicación da Biblioteca Ánxel Fole con dous títulos de singulares características: "Historias que ninguén cre", o derradeiro libro publicado por Fole, e "Contos da néboa", no que o mestre do relato centra as súas historias nas cidades galegas, deixando momentaneamente o ámbito rural sen perder nada da súa proverbial sabedoría para contar con humor e misterio as historias de sempre.
Nos contos de Ánxel Fole conflúen a tradición do conto popular coa modernización e renovación do xénero. O autor manexa maxistralmente a fala coloquial, conservando todo o seu sentido do humor e engadindo pingadelas de misterio que manteñen o interese da lectura ata o remate. "Contos da néboa" publicouse por primeira vez no ano 1973 e presenta como novidade o escenario no que agora se desenvolven as narracións, que pasa a ser urbano, co que Fole acrecenta a orixinalidade ao trasladar ás cidades os temas e a maneira de narrar que habitualmente se viñan identificando coa cultura campesiña.
Dezaoito contos nos que a cidade de Lugo e algunhas das vilas da provincia cobran protagonismo fronte ao mundo do campo ao que Fole consagrara anteriores entregas narrativas. Unha nova, complementaria e enriquecedora visión do ámbito urbano que lle era familiar ao autor, que traballou gran parte da súa vida como xornalista na cidade da muralla.
[Presentación editorial]