Para conmemorar os sesenta anos da publicación da primeira edición de "Sempre en Galiza" en Bos Aires, Editorial Galaxia tira do prelo unha nova edición da obra de Castelao. Símbolo da cultura e do país galego, o libro representa os anceios dunha nación que se quere situar a carón das outras culturas e en igualdade co resto dos pobos. Con esta edición de "Sempre en Galiza", Editorial Galaxia inicia a publicación da Biblioteca Castelao, na que se han editar as obras do escritor e pensador, unha figura fundamental para a historia e a cultura do noso país.
No ano 1944 publicábase en Bos Aires a primeira edición de "Sempre en Galiza". O libro que mellor condensa a historia e as esperanzas de toda unha nación vía a luz no exilio hai agora sesenta anos. A obra de Castelao é unha colección de ensaios nos que a historia, a cultura, os problemas e a identidade de todo un país abrollan proxectándose cara ao futuro. Desde a súa publicación, o libro no que se recolle o pensamento de Castelao continúa a estar vixente para toda a sociedade galega precisamente pola forza das súas conviccións, a valentía para expresa- las e a gran capacidade do autor para transmitir as ideas. [Presentación editorial]