Puntuación: 2.1/5 (51 votos)
Velaquí un novo froito do proxecto "Narrativa Recuperada" -que o profesor Modesto Hermida dirixe no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades- co que se tenta recuperar e editar o legado cultural da producción narrativa en lingua galega de finais do século XIX e de comezos do século XX.
Nesta ocasión ternos a oportunidade de presentar unha edición que recolle parte da ampla producción narrativa do ourensán Valentín Lamas Carvajal ( 1849-1906), nome que representa un dos elos máis importantes na recuperación da prosa en galego. El foi quen puxo os alicerces da prensa escrita na nosa lingua ó dirixir, dende Ourense, "O Tío Marcos d'a Portela" (1886), o primieiro periódico escrito integramente na lingua propia de Galicia; de aí que Lamas Carvajal sexa considerado o primeiro empresario editorial en lingua galega.
Os textos aquí recollidos foron tirados tanto do libro "Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña" (1887) coma da publicación "O Tío Marcos d'a Portela", que o mesmo Lamas Carvajal creou e dirixiu. Ademais esta producción de relato breve agora editada amosa unha das súas características máis salientables na vontade do escritor -populista e comprometida cos labregos- dende a que poderemos ollar a crúa realidade social daquela altura.
Agardamos que esta nova publicación do Centro Ramón Piñeiro contribúa a un meirande espallamento da senlleira figura de Valentín Lamas Carvajal, así como da súa prosa en lingua galega.
[presentación de Celso Currás Fernández. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria]