Esta nova entrega da colección As Nosas Voces é unha selección de fragmentos de diversos documentos do Arquivo Sonoro de Galicia nos que se recollen varias intervencións procedentes do programa Parladoiro da Radio Galega realizado en 1985. Así mesmo. extractos dunha conversa mantida na súa casa da rúa da Paz en Ourense, en 1984, por Xocas cos alumnos do Colexio As Lagoas I por iniciativa do seu profesor Manuel Guede Oliva, así como dúas entrevistas xa editadas en 1995 co gallo do Centenario do Museo Arqueolóxico de Ourense, levadas a cabo por Alfredo Vara en 1987 e por Afonso Vázquez-Monxardín en 1979. A selección fíxose atendendo a criterios de interese histórico e ao valor emocional de distintas apreciacións, tanto pertencentes á experiencia vital do etnógrafo e galeguista, como dende unha perspectiva colectiva, con opinións e análises propios de quen posuíu unha excepcional clarividencia das dinámicas sociopolíticas do noso país.
A transcrición dos documentos sonoros que se acompaña está adaptada, fundamentalmente en cuestións ortográficas e gramaticais, á actual normativa lingüística.