Puntuación: 2.2/5 (58 votos)
Esta publicación constitúe unha primicia no panorama cultural galego, xa que, por primeira vez se revisa a totalidade da produción escrita de Laxeiro, estruturada e ordenada segundo os diferentes xéneros cultivados polo pintor, nun concienciudo traballo de edición, levado a cabo por Javier Pérez Buján quen, por unha banda, consultou e revisou as fontes xa publicadas, cotexándoas cos orixinais cando era posible, e tivo acceso ao resto das fontes orixinais, manuscritas e inéditas, pertencentes ao arquivo familiar dos herdeiros do artista.
Con este traballo descóbrese unha personalidade certamente afastada do personaxe que Laxeiro tanto gostaba de representar nas súas aparicións públicas, como era o dun iconoclasta irreflexivo, bromista, algo canalla e indocumentado.
Os escritos que recolle esta publicación veñen a tirar por terra esa imaxe estereotipada que non era outra cousa que outro dos personaxes creados por José Otero Abeledo, o artista que sempre xogou con alter egos como Palatino, Mirlotil, Laxeiro e, agora, Don Ramiro, o heterónimo elixido polo artista para asinar a súa obra literaria.
Laxeiro, os escritos de Don Ramiro, preséntanos a un artista de grande sensibilidade e rica vida interior. Un artista que compoñía deliciosos e breves textos poéticos nos que plasmaba os seus sentimentos íntimos, nos que o amor estaba presente, non só á muller, senón tamén á natureza e aos seus semellantes. Un amor de corte panteísta que recolle nalgún momento as formulacións tardorománticas de Rosalía de Castro e o sentido do xogo, tan propio da Xeración do 27, á que, cronoloxicamente pertenceu o grupo dos Renovadores da nosa Vangarda histórica. Un Laxeiro tamén intimista nos fragmentos que se conservan do seu diario. Un home que loitaba a diario coas súas debilidades de carácter, os seus defectos e a incomprensión da súa obra, nun exercicio de vontade férrea que, nos momentos máis desalentadores, o salvaron do fracaso e a claudicación.
Quizais o Laxeiro máis recoñecible por todos sexa ese fabulador do que na publicación que presentamos existen numerosos exemplos. Unha fabulación que mistura as súas lembranzas biográficos con invencións e relatos populares. Un fabulador que fai da fantasía onírica e o pensamento máxico, o fío condutor das súas lembranzas, cheas por iso, de numerosos episodios de grande interese literario, cun estilo que ás veces nos achega aos postulados estéticos do seu amigo Eduardo Blanco Amor e ao negrismo valleinclanesco e que tamén atopa paralelismos coa cinematografía española na liña de El verdugo de Berlanga ou Viridiana de Buñuel, con esa mistura entre o tráxico e o cómico que atopa na literatura do absurdo a súa expresión máis eficaz.
Na publicación atopamos tamén un Laxeiro agarimoso e respectuoso coas figuras da cultura e da arte que coñeceu ou admirou, facendo un percorrido, no capítulo adicado aos Retratos, polos persoeiros da súa época cos que compartiu vivencias e emocións. Así, desfilan polas súas páxinas Ramón M.ª Aller, Virxilio Blanco, Lino Villafínez, Luis Seoane, Reimundo Patiño, Carlos Maside, Eduardo Blanco Amor, Urbano Lugrís, e Carlos Oroza, ademais de aportar información sobre outros personaxes do seu contexto, xenerosamente contextualizados nas case 150 notas a pé de páxina que o editor inclúe na publicación, co obxecto de enriquecer aspectos xeográficos, históricos e culturais da peripecia vital de Laxeiro.
A publicación inclúe tamén un capítulo de presentacións e pregóns, con textos tan interesantes como a inauguración da Colección Laxeiro de Lalín en 1968 ou os pregóns da Feira do Cocido de Lalín do ano 1976 ou o das festas do Entroido da Coruña, no ano 1984.
O capítulo final, quizais o máis interesante para os estudosos da obra de Laxeiro, é o dedicado aos textos sobre arte, incluíndo as súas dúas famosas conferencias (O becho creativo e Os barrigas verdes da pintura) debidamente revisados e actualizados, cotexando as versións xa publicadas cos textos orixinais.
Na publicación descartáronse deliberadamente os textos epistolares, porque formarán parte doutro proxecto de investigación no que, ademais dos textos asinados polo pintor, se inclúan tamén cartas de remitentes e destinatarios do seu epistolario.
[Presentación editorial]