Puntuación: 2.5/5 (59 votos)
A estudosa foca neste libro un Lois Pereiro entendido como totalidade e relacionado co seu, co noso, tempo. O ollar crítico amosa a circunstancia da recepción contemporánea, mais tamén atende ás raíces, ás xíneas, ás fondas fontes de onde abrolla o leite negro que moito verso de Pereiro é. Sinala a silueta da persoa física, convertida xa en emblema. E tamén se achega aos seus próximos (Rivas, dous Patiños, Xosé Manuel, Piedad como narrataria e como persoa, o Suso Iglesias) co cal Chus me fai notar que eles son xente do meu sentir e da miña veciñanza, os que sobreviviron ao seu camarada Pereiro. Hai días saudei a nai de Pereiro e pareceume unha muller coñecida de antigo. Todo no libro de María Xesús Nogueira me leva á ilusión de que o defunto, o poeta ao que nunca ouvín falar, o sufridor, era alguén con quen convivín. Para outros, o Dicionario' será a revelación dun continente humano e literario descoñecido. María Xesús Nogueira traballou a obra de Pereiro con intensidade e agarimo (o derradeiro nótase, abofé). Outra Chus, a miña amiga Pato, co seu inmenso respecto por Lois Pereiro, hai tempo que me instara a lle eu prestar ao poeta de Monforte a atención debida. Agora Nogueira ofrécenos o seu traballo excelente, que nós agradecemos.
[Fragmento do Limiar, por X.L. Méndez Ferrín, Presidente da RAG]