Puntuación: 2.2/5 (107 votos)
A Historia, memoria critica do pasado, ten a obriga, tamén, de servir á dignidade humana, de fornecer o vieiro do respecto ós dereitos
humanos. E neste camiño, a pescuda da verdade histórica, coa clara intención do seu mellor coñecemento — e non a de revisión con
intencionalidade de terxiversar serve para tomar conciencia das accións que no pasado foron nefastas para as sociedades, e as ameazas que no
presente atentan á nobreza humana.
Memoriar para non desaparecer da Historia. E manter vivos os lugares e construcións que foron testemuñas de feitos relevantes é un deber social. Nunca máis á guerra, máis si valoración do pasado no presente para asegurar unha convivencia digna e un futuro de verdadeira paz.
Os estudos monográficos, caso da nosa publicación, son elementos que contribúen a concretar a visión xeral. Neste senso, a un mellor coñecemento dos Campos de Concentración de prisioneiros republicanos desta parte de Galiza, dende o Sar, en Padrón, a Monte Louro, vixía de Muros, deténdonos en Rianxo e na Pobra do Caramiñal.
E nesta investigación, os modestos arquivos locais (municipais, parroquiais, xulgados), completados, nalgúns casos, coa contribución de documentación familiar, servíronos de fontes básicas para o estudo dos Campos. Os grandes arquivos, igualmente presentes, teñen menor contribución directa, mais si indirectamente, a través da bibliografía.
Conmemoramos, neste 2007, no mes de novembro, os setenta anos da apertura dos campos de Concentración de Muros e de Rianxo. Por esta razón, pareceunos apropiada a publicación deste libro, como una achega máis ó proceso de recuperación da memoria, promovida pola Xunta de Galiza.
E non poderíamos sentir o ambiente da vida dos prisioneiros nestes recintos carcerarios sen as testemuñas de moitas persoas de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo. Á súa axuda, o noso maior agradecemento.
Gratitude do mesmo modo, ós concellos e arquiveiros e arquiveiras dos mesmos, ós abdades parroquiais, ó persoal dos xulgados, a quen nos proporcionaron fotos, ás persoas da documentación familiar, ós editores deste texto que fan posible que vexa a luz.
[Limiar do libro]