culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Suxestións de BD para esta Nadal

BD en galego, para todos os públicos, novidades internacionais...unha chea de propostas!

30 / 11 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Debido á boa aceptación das anteriores listas de suxestións de Nadal, imos tentar, unha vez máis, que a xente escolla a banda deseñada como primeira opción de agasallo nestas festas vindeiras.

Non son poucos os que, nestes anos pasados, me teñen confirmado que a experiencia de agasallar banda deseñada foi realmente exitosa, e que as respostas foron sempre positivas, calificando o agasallo como moi orixinal ou mesmo “exótico”. Por esta razón, e coa fin de tentar facilitar un pouco as cousas, poño unha pequena guía de axuda para os compradores.

Nesta ocasión, a escolma está baseada no receptor final, resultando varias categorías:


BDs en galego:

Chegou ao mercado do cómic unha veterana editorial, con dous títulos imprescindibles: Entendendo o Cómic (Rinoceronte) e Persépole (Rinoceronte), unha circunstancia que marca claramente as recomendacións en galego. Dous clásicos da BD, que son unha opción fixa en calquera ranking dos grandes cómics de todos os tempos.

Á marxe, temos Lois Pereiro: Breve encontro (Xerais), un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta. Unha das grandes bandas deseñadas publicadas no 2011, tanto en galego coma en castelán.


BD’s para os máis cativos:

Sen dúbida, un nome propio, e feminino, destaca nesta categoría; Jill Thompson. Esta autora estadounidense leva moitos anos facendo obras dedicadas aos máis novos, e o seu labor vese recompensado ano tras ano con diversos premios, incluído o premio Eisner á mellor publicación para adolescentes.

Despois de moitos anos sen presenza das súas obras no noso pais, por fin, podemos gozar, e por partida dobre, do seu traballo; Los animales de Burden Hill (Norma Editorial) e La Bruja Madrina (Norma Editorial) son dúas obras que poden converterse nese cómic que os nenos lembrarán no futuro como o seu libro de referencia.

Outras opcións, poderían ser Las Sisters (Rossell), Monster Allergy (Planeta Jr.), El dulce hogar de chi (Glénat), etc…


BD’s para lectores ocasionais:

En la cocina con Alain Passard (Astiberri) é un título que tamén podería ter interese para os lectores máis veteranos e curtidos, grazas á presenza do autor francés, Christophe Blain, como coautor da mesma, mais o orixinal e pouco usual da proposta faime decantar a suxestión para o lector non habitual. Este álbum non deixa de ser un libro de cociña. Nel recóllense diversas propostas culinarias que o prestixioso cociñeiro Alain Passard fai habitualmente no seu restaurante L’Arpège, e que Blain recolle e transforma nunha banda deseñada dunha maneira tan sorprendente como entretida.

Nesta categoría tamén suxeririamos a devandita Persépole (Rinoceronte).

Outras opcións: Cinco mil kilómetros por segundo (Sin Sentido), Pagando por ello (La Cúpula), El gran duque (Norma Editorial), etc…

BD’s para os fans dos superheroes:

Con certeza o segundo volume recopilatorio de The Ultimates (Panini), é a grande estrela para este Nadal. Un cómic que se fixo esperar e que moitos afeccionados esperaban con gran expectación. Unha versión actualizada e máis adulta dun dos grupos clásicos de Marvel, Os Vingadores. A continuación do cómic que serve de referencia para as adaptacións cinematográficas de superheroes Marvel nos últimos tempos, por fin dispoñible.

Que conste que nesta sección a competencia está asegurada, porque as edicións integrais Absolute Planetary (Norma Editorial), Absolute Ex Machina (Norma Editorial) ou Absolute The Authority (Norma Editorial) son opcións a ter en moita consideración.

Máis posibilidades? Nemesis (Panini), Hellboy integral (Norma Editorial).


BDs para os lectores habituais:

O celebrado regreso de Craig Thompson co seu Habibi (Astiberri) despois de case unha década de silencio creativo así como unha nova entrega das aventuras de Cerebus (Ponent Mon), sempre son boas eleccións a ter en conta de cara aos lectores experimentados. Tamén imaxino que estes lectores tampouco rexeitarían a bonita edición de Fighting American (Kraken), unha das obras menos coñecidas do mestre Kirby, ou a algunha das múltiples propostas - Polina (Diábolo), Hollywood Jan (Diábolo) - coas que o prolífico e xenial Bastian Vivès nos ten sorprendido nos pasados meses.

Tamén son "candidatas" La protectora (Ponent Mon), Parker: La compañía (Astiberri).


A verdade é que abonda que un se poña a facer unha lista deste tipo para que títulos e máis títulos de obras meritorias fiquen no camiño. Repito o mesmo que dixen noutras ocasións: Esta lista é sinxelamente unha guía que serve coma referencia básica. Non a tomedes como un documento sagrado e incuestionable. De feito, o ideal sería que a partir dela, o voso interese vos levara a visitar unha librería especializada, onde descubrir as infinitas opcións que a banda deseñada ofrece, deixándose recomendar polos libreiros, grandes profesionais que realmente han saber atopar a BD perfecta para cada persoa.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org