culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Crise e rebaixas na BD

Baixada de vendas, moderación nos catálogos … e mesmo saldos.

2 / 3 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Na miña primeira colaboración nesta sección de Culturagalega.org, tratei un tema daquela me tiña francamente abraiado. Nesa columna, falaba da inxente cantidade de novidades que cada mes inundaba o mercado da BD, sen que este feito se refletise realmente nas vendas finais. Publicábase máis que nunca pero vendíase igual que sempre. Esa podería ser a conclusión.

Máis de dous anos e unha imperecedeira crise económica despois, paréceme interesante volver analizar a situación, vendo como esta pasada etapa de “viño e rosas” influíu na nova realidade.

Sen ningún tipo de dubida, a omnipresente crise afectou, e sigue afectando, ao mundo da BD de maneira significativa. Todas as grandes editoriais confesan que as súas vendas van á baixa, e as menos escurantistas e máis abertas, como é o caso de Glenat, ofrecen os seus resultados anuais, confesando que as vendas da súa sección de manga no 2010 caeron en picado ata un 30%. Tendo en conta que o manga supón un 80% da facturación desta editorial, podemos facernos unha idea da importancia que esta baixada representa no seu día a día.

Noutras editoriais, que poderiamos calificar como menos abertas coas súas contas, a cousa non está moito mellor. Planeta, por exemplo, cancelou moitos títulos que estaban chamados a ser a súa referencia, o mesmo que pasa en Panini ou en Ivrea.

Esta caída libre das vendas do manga tén unha relación directa coa realidade que vemos ao noso redor. O principal comprador de manga son os máis novos, e por desgraza, cando o orzamento familiar diminúe, o peto dos rapaces é o primeiro damnificado. Menos cartos na casa, menos cartos para manga. Ben, tamén teriamos que facer mención a outros factores, como a saturación á que chegou o mercado, con moitos títulos que non tiñan a calidade media necesaria, o cal leva o lector a unha sensación de aborrecemento. Pero o mais importante é o diñeiro. Os cartos son os cartos.

No sector máis adulto, o suposto comprador de novela gráfica, ou mesmo o dos superheroes, o descenso das vendas, aínda que presente, non é tan espectacular. Poderíase dicir que este tipo de lector, ademais de ter máis poder adquisitivo, tamén é máis fiel e menos volátil. Se a este feito, engadimos que, pouco a pouco, cada vez hai máis lectores de banda deseñada, a caída neste eido é un pouco máis suave.

Con todo, o panorama que relataba hai dous anos cambiou salientablemente. Esa voráxine de novidades entrando e saíndo das loxas, sen tempo material para ser asimilada polo comprador, xa non é tal. Todas as editoriais afrouxaron o ritmo, e onde antes viamos moreas de títulos, agora xa vemos unha calma controlada, onde os editores miran moito máis os títulos que saen, e a prioridade xa non é encher os andeis de novidades.

Resulta curioso que esta regulación do mercado estea motivada por unha crise económica e non por unha reflexión real sobre as ventas e os hábitos de consumo. Fora como fose, a burbulla na que estabamos instalados comeza a rebentar.

En relación con toda esta nova situación, e como consecuencia directa, esta a medrar un novo fenómeno editorial que é o dos saldos e as rebaixas. Explícome. Saldos sempre os houbo, pero ata agora, sempre estaban relacionados con material antigo, descatalogado ou motivados por peches editoriais e seguían canles de distribución específicas. O que é novo é esta política de saldar material con poucos meses no mercado, e o máis importante, que sexan as propias editoriais as que saldan un material que hai pouco che vendían ao prezo orixinal e dentro das canles de distribución habituais.

Está claro que en momentos difíciles, todo o mundo busca a supervivencia e axiliza o inxenio. Cando ter un material almacenado pode custarche moito máis que as perdas causadas por desfacerte del, aínda que sexa á metade de prezo, o saldo non parece unha mala idea comercial. Pero unha vez máis, convén ter en conta a idiosincrasia do comprador de cómic, alguén que pode ser fiel ata o límite do insospeitado, pero ó que non lle gusta que o tomen por parvo.

Esta política do saldo rápido pode producir uns certos ingresos extras motivados polas compras dun publico atraído polo prezo reducido, pero na outra parte da balanza, temos os compradores que pagaron o prezo orixinal e que se van sentir estafados, ou canda menos, anoxados. A priori, é un pouco arriscado, por non dicir estúpido, tirar pedras contra o teu propio tellado. Un tellado bastante sólido construído a base de lectores e compradores fieis, aos que non lles importa que lles chamen militantes, pero que teñen moitos problemas con que, como xa dixen, os tomen por parvos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org