Bastien Vivès
Máis alá das polémicas, a obra de Bastien Vivès é gozar
Aínda que se segue a falar del coma da eterna promesa da Bande Dessinée francesa, os feitos e a súa obra declaran que Bastien Vivès, por méritos propios, xa é unha gran realidade e un dos autores chave para entender o actual panorama da BD.
Atendendo o seu currículo, con trece albumes xa no mercado, poderíamos pensar que Bastien Vivès é un veterano artista con moitos anos de traxectoria sobre as costas, pero a sorpresa ven dada cando vemos que o seu DNI data o seu nacemento no 1984 e que todos estes albumes foron feitos en menos dun lustro dende o día de hoxe.
“Sorprendente descubrimento”, “autor clave da actual Bande Desinée”, “pequeno xenio da BD”, estes, e moitos máis, son os eloxios verquidos sobre a súa obra e figura. Por suposto, tanta loa e loubanza por parte de crítica e público tamén xeran unha corrente de opinión negativa que cualifica ao autor coma un bluff mediático.
Un autor que aporta unha nova sensibilidade á BD, coa que conecta dunha maneira especial co público feminino e que sen querer converteuse no cronista da súa xeración.
Xenio da BD ou autor sobrevalorado? Nestes casos, non hai unha resposta precisa e será tarefa de cada lector facerse unha opinión final.
Sen dúbida, o fenómeno Vivès comezou coa publicación do seu traballo: “El gusto del cloro (Diábolo)”. Un álbum co que acadou o premio coma autor revelación do Festival de Angulema no 2009 e que foi a gran tarxeta de presentación de Vivès cara o gran público tanto en Francia como noutros países, España incluída.
El gusto del cloro foi un sopro de aire fresco. Unha obra minimalista tanto na súa posta en escena coma polos seus escasos diálogos, onde Vivès relata os encontros casuais de dous adolescentes, rapaz e rapaza, nas súas sesións de natación nunha piscina cuberta. O peso da narración, chea de metáforas, recae no aspecto visual, con infinidade de detalles, nos xestos das personaxes, os movementos do corpo humano na piscina, e con viñetas de gran tamaño que conseguen introducir ó lector na aséptica e cristalina atmosfera dunha piscina, chegando a sentir na boca o sabor a cloro do que se fala no título.
Un traballo que, a primeira vista, pode parecer unha intrascendental historia de namoramento, pero que páxina a páxina, descóbrese coma unha historia con moitos matices e niveis de lectura.
Despois do éxito inmediato acadado co El gusto del cloro, Vivès, lonxe de caer no síndrome de Juan Rulfo, lánzase a unha frenética tarefa creativa que se traduce en dous novos albumes; “En mis ojos (Diábolo)” e “Amistad estrecha (Diábolo)”.
Vivès segue a indagar nos complexos procesos emocionais que conlevan as relacións amorosas entre adolescentes e na tenue fronteira que separa amizade e amor, situándoo nunha moi boa posición para converterse no cronista sentimental dunha xeración de mozos que se ven identificados nas súas historias.
Se ben en Amistad estrecha, a narración e a experimentación quedan nun discreto segundo plano, cedendo todo o protagonismo ó argumento, o inquieto autor que Vivès leva dentro, non deixa pasar a oportunidade de usar en En mis ojos, tódalas armas que a narración gráfica pon nas súas mans. Dunha maneira subxectiva, Vivès cóntanos o proceso de namoramento dunha parella, centrando o punto narrativo nos ollos do protagonista, identificado claramente co lector, sendo cada unha das viñetas un reflexo da realidade que ven os seus ollos, sentindo o lector as mesmas dúbidas, a mesma inseguridade e a mesma paixón que o protagonista, conseguindo que experimentemos os mesmos sentimentos cos que experimenta o namorado protagonista.
No medio, a Vivès aínda lle queda tempo para realizar Por el Imperio (Diábolo), unha serie de tres tomos, cunha finalidade moito máis comercial, na que se nos conta as peripecias duns lexionarios romanos en busca de novos territorios que conquistar.
Pese a ser un traballo de encargo, no que Vivès só realiza a parte gráfica, sorprende coma cambia de rexistro, adaptándose a un relato histórico, con compoñentes fantásticas, sen perder un ápice de personalidade no camiño. Unha obra comercial e de encargo, pero 100% Vivès.
A última pedra na construción do gran autor que xa é Vivès, ten o nome de “Polina (Diábolo)”. Cambiando a cor de anteriores traballos por un rigoroso branco e negro reforzado con grises, cun trazo sensual e preciso, Vivès volve ó terreo que domina e onnde se sente máis a gusto.
A historia dunha rapariga nova, de nome Polina, que á idade de 6 anos, entra a formar parte da academia de danza do profesor Bojinski, e o seu periplo emocional e académico ata que xa é unha adulta. Cun maxistral uso da elipse, vemos como a xove bailarina convértese en toda unha estrela da danza, tendo coma resultado final unha preciosa historia na que Vivès consigue recrear plasticamente o complexo mundo da danza.
Éxito e xuventude. Supoño que son dúas características que xuntas, inevitablemente. sempre conducen ó terreo da polémica e a controversia. Inútil debater sobre o sexo dos anxos. Eu gozo da obra de Bastien Vivès. Espero que despois de ler esta pequena introdución ó seu mundo creativo vos pasedes a formar parte do club.