culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

O valor da banda deseñada

Son os prezos de moitas novidades da BD excesivos?

12 / 5 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Ante a descomunal cantidade de novidades que asaltan os andeis das librarías e o elevado prezo dalgunhas edicións, os afeccionados responden con ataques directos e persoais contra os editores.


Hai pouco máis dun mes, un clásico da BD francesa ven de ser reeditado, aínda que case sería máis correcto dicir editado, pola editorial Ponent Mon, nunha bonita edición integral. A banda deseñada en cuestión ten o nome de Jerry Spring, creada nos anos 50 por un dos grandes mestres do cómic universal; Jijé. Ademais da súa propia valía, a importancia desta obra ven dada tamén pola influenza que tivo na creación doutra icona coma é Blueberry, e o papel que Jijé tivo na formación como artista de Jean Giroud, tamén coñecido como Moebius.

Desgraciadamente, hoxe non imos falar da calidade artística desta banda deseñada ou do papel crucial que xogaron os autores anteriormente citados na historia do cómic. Se hoxe traemos a colación este título, é por unha cuestión moito máis prosaica e mundana. Hoxe imos falar da polémica xurdida polo prezo de venta de este volume integral e a reacción da editorial e afeccionados. Unha polémica que non é nova e ven de vello (so temos que recordar o odio acérrimo dos afeccionados a editorial Norma cando esta estableceu as súas tarifas para a liña editorial Vertigo), pero que coa edición de Jerry Spring volve a estar na palestra.

Ponent Mon, unha das moitas pequenas editoriais que intentan atopar o seu espazo no esixente mercado do cómic, decidiu poñer un prezo de 44 euros de venta ó publico por un exemplar de 244 paxinas en branco e negro, cartoné, gran tamaño e papel de alta gramaxe. Resumindo, unha boa edición.

Os editores, xustifican o elevado prezo polo reducido da tirada de 1000 exemplares. Facendo as contas e pagando 1500 euros de dereitos, 500 euros polos ficheiros, 800 euros pola tradución, 500 pola maquetación e 7300 pola impresión, sáenos 11.600 euros de custe. Se a maiores, o editor ten que descontar o 4% de IVA e o 55% que levan distribuidora e librerías, quédanlle de beneficio 19,04 euros de cada 44 euros que custa cada álbum. Multiplicando, as contas din que teñen que vender 610 exemplares para que a tirada non sexa deficitaria. Esta é a realidade dunha editorial pequena.

O agravio comparativo ven dado porque grandes editores, como poden ser Planeta ou Mondadori, fan edicións similares, a prezos moito máis reducidos. Sen ir mais lonxe, Planeta publica un integral de Gil Pupila de similares características por 23 euros.

O afeccionado e comprador final destes produtos non ten porque estar ó tanto desta situación. O que eles ven cando se achegan a unha loxa, son produtos de similares características a prezos sensiblemente diferentes. Teñen todo o dereito a queixa. Iso non llo pode quitar ninguén. Pero de aí a crear unha campaña de persecución editorial, recurrindo incluso ó insulto e ás descalificacións persoais, dista moito.

Unha vez máis, neste mundo da banda deseñada, mestúrase o paixoal co racional. Os compradores queren mercar os produtos que desexan o prezo que eles queren, sen atender ás regras do mercado. Cando as condicións non son as que eles consideran idóneas, xurde o anoxo irracional en lugar de usar as ferramentas que o mercado pon a súa disposición para manifestar o seu malestar.

Non entendo como podemos aceptar que con outro tipo de produtos, chámense coches, televisións, ordenadores, etc… os consumidores acepten os prezos impostos polos vendedores, e nembargantes, cando de cómic se trata, este libre mercado deixa de ter validez.

Hoxe en día, opcións non faltan. Se unha editorial ofrece un produto interesante a un prezo non tan interesante, somos nos, exercendo ou non exercendo a nosa opción de compra, quen debemos ter a palabra final. Ninguén dixo que o cómic fose un produto económico ó alcance de tódolos públicos. Se non nos interesa ou mesmo se non podemos permitirnos pagar os prezos deste tipo de publicacións, teremos que buscar outras edicións e outro tipo de material da mesma maneira que se non podemos acceder a un coche deportivo teremos que conformarnos cun utilitario, sen por isto ter que recorrer a descalificacións persoais contra as editoriais e as familias dos editores.

No fondo, toda esta controversia no fai senón prantexarnos reflexións aínda máis profundas; ¿É a banda deseñada un obxecto de luxo? ¿Está o factor cultural do cómic por riba do seu aspecto comercial?
Cuestións de non fácil resposta e que intentaremos abarcar en próximas colaboracións.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org