culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

O labor editorial

As editoras deberían centrarse no seu labor e na promoción

29 / 9 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Recordo perfectamente o momento. Xa choveu. Aínda era mozo, ou polo menos eu tiña a sensación de selo. O feito tivo lugar nunha feira do libro na Coruña. Entre as habituais casetas de venda de libros, a maioría delas ocupadas por librarías de toda Galicia, tamén había presenza editorial. Unha señora, ao chegar o stand da editorial Galaxia, pediulle ao dependente un dos libros que alí tiñan en exhibición. Este, ante a miña sorpresa e moi amablemente, contestoulle a esa señora que non llo podía vender, posto que como editorial a súa presenza na feira era meramente promocional, pero que non tiñan dúbida de que podería atopar esa referencia en calquera das librerías presentes na feira.

Un comportamento totalmente profesional e respectuoso cas mesmas librerías que che dan de comer durante todo o ano, pensei eu. Xa sabedes o dito; “non mordas a man que che dá de comer”.

Dende ese momento, supoño que dun xeito inxenuo pola miña parte, tendo a pensar que este tería que ser o modo normal de actuación dunha editorial; promoción dos seus produtos sen competencia desleal. Sen dúbida, sería o modo habitual de calquera industria asentada.

Pero unha vez máis chegamos ao mundo da BD para comprobar que os modos e xeitos normais noutros ámbitos profesionais, non teñen cabida no pequeno mundo da banda deseñada. Nas feiras, as editoriais e distribuidoras comparten stand, cóbado a cóbado, cas mesmas librerías que son os seus clientes habituais. Por se isto non fora pouco, esas mesmas editoriais teñen material en exclusiva nos seus stands que non é distribuído ás librerías ata despois da feira, ou ben fan promocións imposíbeis como agasallar cun cómic pola merca doutro título da mesma editorial.

Esta e unha política editorial que se sigue en todo tipo de feira, desde o máis comercial Salón do cómic de Barcelona ata o festival cultural do cómic da Coruña.

A cousa non pasaría de anécdota se non fose porque realmente é un claro reflexo da triste realidade da industria na que nos movemos, onde as vendas que unha editorial pode facer nunha feira, significan a diferenza entre salvar unha edición ou que esta sexa un fracaso. Así de crúa é a realidade.

Eu son dos que penso que as editoriais gañarían máis se respectaran o seu campo de acción e dedicaran os seus esforzos a temas como a promoción. É curioso como despois de levar máis de un ano realizando tarefas de promoción, a miña experiencia demóstrame que son as pequenas editoras, as que menos medios teñen para ese tipo de iniciativas, as que máis se interesan por intentar facer as cousas máis profesionalmente. As grandes, fan oídos xordos, e deixan todo o peso desa promoción en mans de autores e libreiros, como se con eles non fora o negocio.

Teño claro que cos números na man, as contas non dan. Por suposto que a curto prazo, os réditos das vendas inmediatas nunha feira non se poden comparar co gasto de ter que facer promoción. Nunha parte hai ingresos e na outra gastos. Pero tamén estou seguro, de que se pasáramos a unha visión global a máis longo prazo, cun correcto labor de promoción onde todas as pezas da cadea (autor, editor, libreiro e lector) viran os seus esforzos correspondidos, o resultado final sería moito máis beneficioso e finalmente alcanzaríanse moitas máis vendas.

Gustaríame rematar esta columna facendo unha reflexión. Sempre estamos falando da necesidade de crear unha industria galega do cómic, pero parece que só falamos desta industria desde o punto de vista das ganancias finais, esquecendo que en todos os demais campos empresariais, antes de ver ganancias sempre fai falta investimento e traballo. Esperemos que nesta nosa “industria” do cómic, non esteamos intentando construír a casa empezando polo tellado.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org