culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Pero se eu só quero mercalo!

As dificultades de conseguir un cómic institucional

7 / 7 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Xa levo un tempo nisto de mercar 'tebeos'. Desde meniño, co meu pai, a visita semanal ao quiosco era unha constante. Logo, na adolescencia, comezaron as peregrinacións á única librería da cidade onde tiñan algo máis que as BDs de grampa. Máis tarde chegou a primeira librería especializada en cómic de Galicia, e con ela as visitas a unha cidade que non era a miña co único fin de adquirir cómics. Tamén podería mencionar as tardes dilapidadas en vilas estranxeiras, na procura dunha librería perdida, ou mesmo a correspondencia con amigos de países transoceánicos subministradores de edicións inatopables no noso país. Resumindo, pódese dicir que son un comprador de tebeos con certa experiencia.

Pois ben, despois de máis de 35 anos mercando bandas deseñadas, foi no 2010 cando me enfrontei a un dos retos máis difíciles na miña vida de comprador e afeccionado á banda deseñada: Conseguir un exemplar de A voz herdada a novela gráfica sobre a figura de Uxío Novoneyra. Esta obra, a última dunha ampla lista, vaime servir para facer unha reflexión sobre unha política editorial da nosa Xunta de Galicia e as súas producións institucionais que, por moitas voltas que lle dou, non acabo de comprender.

A voz herdada, é unha BD feita por encomenda. Os autores Kike Benlloch e David Rubín foron os elixidos para facer unha obra sobre Uxío Novoneyra co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que nesta edición do 2010 tiña o poeta como figura escollida. A Xunta, por medio da súa Consellería de Cultura e Turismo, ocúpase da edición desta banda deseñada, cunha tiraxe de 5.000 exemplares.

Desde o mesmo instante en que souben da súa existencia, puxen todo o meu empeño en facerme cun exemplar, xa que o produto interesábame persoal e profesionalmente. Neste intre, comezan os meus kafkianos problemas.

Resulta que esta banda deseñada non vai a ter unha distribución comercial. Só se vai distribuír institucionalmente e de maneira gratuíta. Loable decisión, pero como fago eu, que non teño rango institucional de biblioteca, colexio ou similar, para poder ter este libro?

Inxenuo de min, tento buscar resposta a esta pregunta na mesma Consellería de Cultura e Turismo. Mándolles varios correos electrónicos coa miña demanda, explicándolles o meu interese coma “estudoso” do cómic. Non teño resposta.

Non desisto e sigo investigando. Por medio da web, contacto cos autores e fago a temida pregunta, mais desafortunadamente, dinme que non me poden fornecer un exemplar. Cando xa comezaba a encomendarme a San Xudas Tadeo, un raio de luz asómase pola fiestra: A Xunta fai un anuncio dicindo que vai a poñer a disposición dos afeccionados que os demanden, exemplares nas diversas feiras do libro distribuídas polo noso país. Unha resposta tardía, e ao meu entender insuficiente, pero algo é algo.

Raudo e veloz chego á feira do libro da miña cidade, para volver á primeira casiña do percorrido. Efectivamente, hai exemplares, pero só a disposición de colexios ou bibliotecas. Grazas á boa disposición da rapaza que levaba o estand, tras escoitar o meu periplo, consigo facerme cun libro, o cal me levo camuflado nunca carpeta, oculto á vista dos demais paseantes, como se volvésemos á época do estraperlo. Misión cumprida. Xa teño A voz herdada. A sensación de felicidade entra en loita coa sensación de ter feito algo mal.

Realmente non entendo a política que a Xunta segue con este cómic institucional. A idea de que desde a Consellería de Cultura fagan este tipo de edición é incontestable. Que esas mesmas BDs teñan difusión, gratuíta, nos institutos, bibliotecas, etc… é totalmente necesario para a promoción do medio. Pero que pasa con todos os afeccionados que non teñen acceso a estes canais? Non entendo que nesta situación a Xunta ignore precisamente a xente que merca tebeos habitualmente. Persoas que estarían dispostas a pagar (e convén non esquecer que este traballo xa está de antemán pagado cos nosos impostos), vese impedida de facelo, simplemente porque non se contemplou tal posibilidade. Tan difícil é reservar unha parte da tiraxe con fins comerciais? Non sería moito mais fácil para todos se o afeccionado puidera ter acceso a estas obras de forma natural, visitando o lugar habitual de compra, e mercando estas bandas deseñadas institucionais da mesma maneira que merca calquera outra?
Non sería mellor isto, antes que caixas e caixas de libros podan acabar sen uso nin goce nalgún recuncho esquecido, sen que ninguén lles preste atención?

En fin, supoño que o meu sonvos como os "grouñidos no deserto" de Ventura. Pataleta de lector desencantado, e teño a seguridade que as miñas desventuras postas por escrito non van cambiar moito a maneira en que se fan estas cousas. Polo menos queda o desafogo para ver se á próxima vez hai máis sorte.

Por certo, só queda dicir que o esforzo pagou a pena. Unha vez lida A voz herdada, aínda lamento máis que non teña a presenza nos andeis que debería ter por dereito propio, porque sen ningún tipo de dúbida, a calidade da obra así o demanda.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org