Comic portugués, habelo haino
O panorama editorial portugués de banda deseñada ten moito de meiga
Se agora mesmo vos fago a pregunta de cantas bandas deseñadas, feitas por autores portugueses e publicadas no veciño Portugal no último ano coñecedes, penso que a meirande parte das respostas serían negativas. Non pensedes que sodes uns ignorantes. Nin moito menos. A realidade é que o panorama editorial portugués de banda deseñada ten moito de meiga; habelos hainos… pero é ben certo que son difíciles de atopar.
Tendo en mente o completo Manual Básico de Banda Deseñada que os compañeiros de Cultura Galega veñen de publicar, faise realmente estraño ver como nunha comunidade coma a nosa, a actividade comiqueira, a tódolos niveis (autores, editoriais, tendas, etc…) e sensiblemente superior a de todo un país coma Portugal.
A realidade, por triste que sexa, é que no veciño pais a banda deseñada é minoritaria. Debido a súa idiosincrasia educativa e cultural, o acceso dos portugueses ós cómics, ou ben non se produce debido a alta taxa de pasotismo cultural no país, ou ben se realiza directamente coa compra do álbum no seu idioma orixinal. Por isto, as edicións de cómic en portugués son contadas e as editoriais limítanse a edición dos grandes títulos multiventas, quedando o resto de títulos para a súa compra vía a importación dende Os Estados Unidos ou Francia.
No medio, e como vítimas colaterais, un pequeno número de autores, con nomes coma José Carlos Fernándes, David Soares, Miquel Rocha, Ricardo Cabral, Filipe Melo, etc.. que facendo fronte o imposíbel, e sen un mercado e sen unha industria nos que apoiarse, seguen a facer tebeos pola súa paixón polo medio, cumprindo coa súa misión suicida de seguir os pasos do mestre Rafael Bordalo Pinheiro.
Falando hai uns meses con José Carlos Fernándes, un dos poucos elixidos que viron publicado o seu traballo en España grazas a edición por parte de Devir da súa saga; “La peor banda del mundo”, confirmábame que o panorama está mais negro que nunca. A pouca produción existente, limítase a dúas ou tres obras por ano, case sempre inducidas pola celebración da edición anual do Festival de Amadora. Segundo as súas palabras, se publicas unha obra en Portugal, tes tódalas papeletas para gañar o premio do salón de Amadora ou no peor dos casos quedar entre os finalistas porque é raro que haxa máis de dous ou tres traballos. O mesmo José Carlos Fernándes, multipremiado autor e recoñecido dentro e fora do seu país, ten que facer banda deseñada coma unha afección máis, gañando a vida dentro do eido do xornalismo.
Con todo, en Portugal segue a facerse banda deseñada de calidade. Grazas as iniciativas e esforzos de editoriais coma Kingpin Books, Tinta da china, ou a ommipresente ASA, e coa axuda de entidades de carácter institucional coma a Biblioteca de Beja, o FIBDA ou diversas cámaras municipais, os francotiradores portugueses ofrécennos pequenas xoias coma “Israel Sketchbook” de Ricardo Cabral, “A noiva que o río disputa ao mar” de Cotra e Rocha ou “Asteroide Fighters” de Rui Lacas.
Pero se existe unha obra para invitar ó optimismo, pensada a modo de superprodución nun país que non ten industria, e co ánimo de revolucionar o seu precario mercado, esta non pode ser outra que “As incríveis aventuras de Dog Mendonça e Pizzaboy!”
Unha banda deseñada parida pola mente do Filipe Melo, inquedo artista multidisciplinar, que ante a falta de orzamento para levar esta historia ó cine, optou polo cómic como proposta final para dar saída a súa historia. Cun equipo creativo transoceanico, formado por arxentinos e portugueses, non é casualidade que o prólogo do libro estea asinado por John Landis (pai de filmes coma Os Blues Brothers ou Un lobishome americano en Londres) posto que esta obra nace coas ambicións naturais das grandes superproducións de Hollywood.
Esperemos que iniciativas deste tipo sexan o comezo dunha nova era da banda deseñada portuguesa, e que en breve teñamos a oportunidade de ver máis autores, e máis obras xurdidas do noso veciño Portugal. Entretanto, convídovos a rebuscar entre as opcións dispoñíbeis neste momentos, porque como xa vos dicía ó comezo, o cómic portugués, como as meigas, habelo haino.