culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Calvin e Hobbes, unha BD perfecta

O autor desta obra mestra negouse a convertela nunha franquía comercial

17 / 2 / 2010
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hai pouco máis de dúas semanas, o xornal estadounidense The Cleveland Plain Dealer deume a escusa perfecta para poder falar nesta columna dun dos meus cómics favoritos. O feito é que este diario conseguiu publicar unha das poucas entrevistas concedidas por Bill Watterson, creador desa obra mestra da banda deseñada que é Calvin e Hobbes, por mor do 15 aniversario da fin desta banda de prensa que xa forma parte do cotián de miles de afeccionados de todo o mundo.

Cando Watterson estaba no cumio da súa popularidade, alá polo ano 1995, e despois de levar 10 anos facendo realidade as aventuras do pequeno e idealista Calvin e o seu inseparable e pragmático Hobbes, o autor sorprendeu a propios e a estraños, ao anunciar a fin da serie.

Según Watterson, ó longo deses 10 anos xa contara todas as historias de Calvin que precisaba contar e non vía sentido a continuar publicando máis bandas. Os seus editores non podían crer o que estaban a escoitar. A galiña dos ovos de ouro marchaba voando pola fiestra sen que eles puideran facer nada por evitalo.

Con esta decisión, Watterson contribuíu a agrandar a súa lenda. Debido ó seu carácter tímido e introvertido, e a unha terrible fobia ós medios públicos, sempre foi un autor que traballou para si mesmo, concedendo contadas entrevistas e fuxindo da prensa e do mundo editorial. Con este trasfondo, e ante a falla de información, a xente fíxose o seu propio mito: Herdeiro dunha fortuna multimillonaria, Bill Waterson só crearía a súa BD de prensa para demostrarlle ó seu pai que non precisaba dos seus cartos e que podía amasar unha fortuna por si mesmo... O concepto era moi romántico, mais a realidade distaba moito desta lenda urbana.

O caso é que dende moi pequeno, Watterson sempre tivo unha tendencia cara o debuxo e á creación. Cómics que lía nese tempo coma Carlitos e Snoopy, Krazy Kat ou Pogo de Walt Nelly, sempre figuran como claras influencias do seu Calvin e Hobbes. Pero Watterson sempre tivo claro que o concepto de BD era insuficiente para o que el tiña en mente facer. Non quería límites de ningún tipo para as súas historias, nin propios nin alleos. Co seu particular debuxo, dinámico, expresivo e sinxelo, buscando sempre transgredir os confíns físicos da páxina, e indo sempre un paso alén, o autor consegue romper a barreira do formal, da parte física da banda. As súas paxinas dominicais son un mostrario desta experimentación, con algunha entrega composta dunha soa viñeta, mentras que noutras podemos atopar ata 20 pequenos cadriños.

Con esa procura, Watterson crea unhas personaxes tan reais, que a identificación e aceptación por parte do lector é totalmente natural. Pero non abondándolle con isto, tamén busca a ruptura temática. Por medio dun neno como é Calvin, co seu compañeiro, un imaxinario tigre de peluche, Watterson fai unha radiografía perfecta da clase media norteamericana, das súas grandezas e das súas miserias. Que os protagonistas da historia deban os seus nomes a dous coñecidos pensadores, Jean Cauvin e Thomas Hobbes, deixa ás claras a carga intelectual presente nesta obra. O sentido da vida, a existencia de Deus, o destino, así como a política son algúns dos temas que Calvin e Hobbes tratan nas súas conversas á vez que se deslizan sobre a neve no seu trineo sen importarlles o que agarda por eles ó final do camiño. Esta é a maxia de Calvin e Hobbes

Ó igual que pasa con Carlitos e Snoopy, o agradábel debuxo cartoon danos a idea de estar ante unha banda deseñada para nenos. Se ademais o protagonista é iso, un cativo, a idea vese aínda máis reforzada. Mais sobre o papel todo é moi distinto e lendo as páxinas de Calvin e Hobbes vemos que é un cómic para adultos que curiosamente presenta unha lectura adecuada para os máis pequerrechos. Cando Watterson contesta á pregunta de canto de autobiográfico hai na personaxe de Calvin, sorpréndenos confesando que moito, pero contrariamente ó que podiamos pensar, moito do Bill Watterson adulto e moi pouco da súa infancia. A diferencia de Calvin, Bill Watterson foi un neno moi tranquilo e disciplinado, que pasaba longas horas lendo e debuxando. Pouco que ver co fervellasberzas de Calvin. A complexidade vese refletida en viñetas que lemos en segundos, mais que se meten na nosa cabeza e fican na nosa compaña durante días.

Por outro lado, graficamente, Calvin e Hobbes é unha fonte de sorpresas inesgotable. Á volta de cada páxina imos descubrindo viñetas que son prodixios de narración, coma pequenos obxectos de artesanía onde todo encaixa á perfección e onde ningunha peza esta colocada ó chou. Mención especial merece a expresividade que o autor sabe darlle ás súas personaxes, sobre todo ós seus dous protagonistas. Simplemente o debuxo da cara de Calvin transmítenos máis que sisudas obras de centos de páxinas, e a dualidade entre o Hobbes-peluche e o Hobbes máis felino, é simplemente un efecto que está o alcance de moi poucos autores.

Resistíndose con unllas e dentes a sucumbir ós desexos dos seus editores de facer das súas creacións un fenómeno da mercadotecnia, Watterson xamais permitiu a comercialización de produtos baseados no mundo de Calvin e Hobbes. Nin tazas, nin camisetas, nin bonecos: A integridade da súa obra estaba por riba de todo e non quería que decisións puramente mercantilistas puideran condicionar o seu traballo.

Con Calvin e Hobbes, Bill Watterson quixo devolver ás tiras de prensa o lugar de privilexio que tiñan na época dourada, cando Herriman, McCay ou o mesmo Schulz eran pequenos deuses. Coa fin desta obra, vaise tamén a derradeira das grandes bandas de prensa. Na súa despedida, na súa última viñeta, Watterson pon os dous amigos nunha paisaxe chea de neve. Entón, Calvin dille a Hobbes: “É un mundo máxico, Hobbes, compañeiro… explorémolo” ó mesmo tempo que os dous se lanzan ó infinito montados sobre o seu trineo. Un final perfecto para unha banda deseñada perfecta.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org