culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Banda deseñada 2.0

As novas tecnoloxías chegan á BD

30 / 9 / 2009
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
No hai dúbida posibel. Día a día, as tecnoloxías avanzan sen cesar e ocupan lugares das nosas vidas que ata hai ben pouco non nos atreveríamos nin a imaxinar. O mundo da banda deseñada non é alleo a esta tendencia, e cada vez son máis os indicios que nos levan a pensar que unha nova etapa se abre, tanto para os lectores como para os autores.

Na pasada edición do Viñetas desde O Atlántico, puiden asistir à conferencia de Scott McCloud, un dos grandes teóricos da banda deseñada actual, e gran defensor das novas tecnoloxías no comic. Intentar condensar todo o dito nesta conferencia sería difícil tarefa para o espazo que temos aquí, pero gostaríame recuperar un par de apuntes xurdidos na fala e que dende ese día están a dar voltas na miña cabeza.

McCloud estaba totalmente convencido que a evolución tecnolóxica do cómic non tiña volta de folla. O papel, so tería sentido nun futuro, para un lector que tería un alto contido de coleccionista, un pouco ó xeito dos melómanos que apoian o vinilo por enriba do CD, mais o gran publico, a xeración I-pod, optaría polo soporte dixital coma medio de acceder o seus comics favoritos.

Por outro lado, ante a pregunta de se non temía que con este paso ó dixital, acontecera o que está a pasar coa música e que a industria do comic tal e como a coñecemos desaparecera por completo, McCloud mostrábase totalmente confiado en que ese era o camiño, e que sen ter a resposta final á gran pregunta, sí que aseguraba que pasara o que pasara, aínda que a industria do tebeo desaparecera, sempre habería xente que se adicaría a facer tebeos.

Dúas reflexións entre moitas outras de igual ou maior interese, pero pola devandita cuestión do espazo, centrémonos nestas.

Non é a miña intención negar a realidade, e menos cando cada día que pasa xurde un novo artiluxio disposto a ser o substituto perfecto para o papel, chámese tablet ou chámese móbil de ultima xeración con pantalla panorámica. Supoño que a miña opinión sae dun punto de vista nostálxico. A fin de contas, sempre lin tebeos en papel, e calquera outra cousa, soame extrana. Quizais o que vou decir poderíase considerar unha cuestión semántica, totalmente estéril, anacrónica e posiblemente estúpida dende o punto de vista funcional. Non o sei. O que sí sei, é que os comics en formato dixital, xa non serán o mesmo. Eu son dos que pensa que formato condiciona a lectura, e que a experiencia non poderá ser a mesma, posto que existen uns factores físicos (tacto, cheiro, peso, etc…) que polo momento non son remplazabeis. Sei que no fondo é todo unha cuestión de aprendizaxe, e que para as novas xeracións o cambio non será tan abrupto, máis eu, coma un guerrilleiro, negareime ata o fin a chamarlle comic. Haberá que buscarlle unha nova denominación; E-comic, cibertebeo, tebeo multimedia, etc… Sí, seino, pódeme o lado romántico da cuestión.

Porén, cara o outro asunto, o meu romanticismo é máis controlado. Non dubido que pese á falta dunha industria, sempre haberá xente que faga banda deseñada. É algo que xa a estar a pasar hoxe en día, sobretodo no noso país, e non vexo a razón polo que tería que cambiar. O que xa non vexo tan factible é que houbera tanta xente metida no tema coma temos na actualidade e polo tanto, as propostas cara o lector final serían máis limitadas. Pese a que moitos lles poda parecer increibel, a maioría dos autores que fan cómic, intentan gañarse a vida desa maneira, e co paso ó dixital, penso que o terían realmente difícil.

A realidade é que estamos nun punto clave do camiño. A tecnoloxía, ó igual que pasa ca natureza, é imparablel, e unha vez desatada, ninguén pode controlala. Supoño que o paso do papel ó dixital non será cousa dun día, e menos tendo en conta os complexos intereses editoriais presentes na balanza. As grandes corporacións non van soltar o trozo do pastel ata o momento en que teñan asegurado unha nova tarta. Pero mentres, a cousa vai pasiño a pasiño. Novos formatos, novo hardware, novos métodos de distribución… A banda deseñada 2.0 está máis cerca cada día.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org