¡Tintín, érguete e anda!
Melo reflexiona sobre a idoneidade de continuar os personaxes despois dos seus autores orixinais
¿Todo val se as vendas acompañan ou existen límites? ¿Deberíase respectar unha obra tal e como a pensou o seu autor ou hai sitio para novas interpretacións feitas dende a calidade e o respecto?
Dende sempre, a industria oculta detrás do mundo do cómic unha chea de anónimos actores. Son totalmente transparentes ó comprador final (como poden ser os editores, impresores, distribuidores, libreiros, etc…) e buscan a galiña dos ovos de ouro. Non esquezamos que o que para moita xente non deixa de ser entretemento con varios graos de paixón, para outra moita xente supón a súa fonte de ingresos diarios, alén dos seus gustos e paixóns.
Dun tempo a esta parte, coa baixada xeralizada das vendas, vense dando unha tendencia no mercado, especialmente significativa no mercado francés, con vistas a tentar “resucitar” títulos e personaxes de gran calado entre o público, co fin de recuperar as cifras de ingresos dos vellos tempos.
O exemplo máis claro e recente témolo na agre polémica xurdida cando Albert Uderzo, debuxante de Asterix e Obelix foi demandado pola súa propia filla, Sylvie Uderzo. Simplificando moito as implicacións, todo ven dado pola decisión de Albert Uderzo de vender os dereitos de Asterix e Obelix, para que, trala súa morte, as aventuras das personaxes puideran continuar en mans doutros autores. Segundo Uderzo, pese a que nun principio e debido á promesa que lle fixera ó seu amigo e guionista da serie, René Goscinny, as aventuras dos galos acabaríanse coa súa morte, unha carta dun lector, recibida polo debuxante, levoulle a pensar que non tiña dereito a suprimir unhas personaxes dos que os lectores demandaban máis aventuras.
Se temos en conta que, dende a morte de Goscinny, o nivel de calidade dos novos albumes dos galos, foi progresivamente descendendo ata niveis que rozaban a parodia (algo non incompatible con que as cifras de vendas seguiran acompañando), fai moi apetecible para os afeccionados a posibilidade de ver novas aventuras das personaxes realizadas por outros equipos creativos que aseguraran novos niveis de calidade. Tendo en conta o recente éxito entre público e crítica das reinterpretacións de series como Blake e Mortimer e Spirou, a idea non é tan desatinada. Mais ¿sería lícito?
Estes dous exemplos son moi distintos entre si. Blake e Mortimer foi unha serie creada por Edgar P. Jacobs, e foi o propio autor o que deu o seu visto bo a futuras aventuras das personaxes trala súa morte. Por outra banda, Spirou é unha personaxe creada por encargo editorial, e pese a que moitos tenden a darlle unha paternidade putativa a Franquin e a súa magnifica etapa ca personaxe, a verdade é que a editorial Dupuis é a que ten tódolos dereitos finais.
O caso é que, en contraste co sucedido con Asterix e Obelix, as novas entregas destas series, con equipos creativos nos que figuran nomes coma Van Hamme, Benoit, Sente ou Juillard se falamos de Blake e Mortimer, ou Munuera, Morvan ou as máis persoais versións de Emile Bravo ou o tándem Yann/Schwartz, teñen acadado indiscutibles niveis de calidade e vendas, que sacan á luz a eterna polémica que sempre traerá consigo o feito de traballar con personaxes alleas.
A cuestión é, ¿onde está o límite? Tomemos esta vez a figura de Tintín. O seu creador, Hergé, deixou claro que non quería que ninguén continuara as aventuras da súa creación. Ata o momento, a Fundación Hergé, posuidora dos dereitos da personaxe, respectou o seus desexos, a pesar de que as ofertas e as críticas polo hermetismo con que xestionan a obra e a personaxe están á orde do día. Especial trascendencia ten a cuestión ante a próxima estrea da superprodución cinematográfica de Steven Spielberg.
Persoalmente opino que estas continuacións "postmortem" das personaxes non admiten cuestionamento moral de ningún tipo, pero que sempre admitirán unha crítica dende o corazón e o desexo. En definitiva, despois de máis de 80 anos lendo as aventuras dunha personaxe, ¿os lectores non adquirimos algún tipo de dereito?