O irman pequeno
A Banda Deseñada reclama o seu sitio entre os seus irmans maiores; a literatura e o cine
Non é a primeira vez que imaxino unha historia guionizada por Neil Gaiman (reputado guionista británico, autor, entre outras, da famosa serie The Sandman) na que os protagonistas serían unha familia de irmáns onde a Literatura tería o rol de irmá maior, facendo as veces de nai putativa, arroupada polos xa crecidos e autónomos irmáns Cine e Música, e coa Televisión e a Banda Deseñada coma os díscolos irmáns pequenos, sempre buscando o recoñecemento e o agarimo dos máis grandes.
Este argumento podería ter tido senso ata non hai moito. Naquelas, o cómic sempre permañecía á sombra da literatura e o cine, sendo contadas as ocasión nas que tiñan relación. Ben e certo que non é complicado lembrar películas que tiñan coma protagonista heroes de cómic, tal que Superman e Batman, ou pola contra, tamén podemos citar series de cómic baseadas en películas de éxito como Star Wars, Indiana Jones, Aliens, etc… Pero realmente, os casos onde a relación entre cómic e outros medios transcendeu son máis contados. Maus de Spiegelman, e o seu premio Pulitzer, fixo o traballo máis duro e puxo a Banda Deseñada dentro do mundo da literatura. Tamén Cidade de cristal, adaptación ó comic da novela homónima escrita por Paul Auster, captou a atención do mundo literario e, máis recentemente, coa entrada do cómic na librería xeralista en forma de Novela Gráfica e con títulos coma Fun Home, Persépolis, Epiléptico, Píldoras Azuis, etc… esta relación tende á normalización.
O caso é que a Banda Deseñada vai facendose maior e co paso do tempo gáñase o respeto e a atención doutros medios, sendo incluso normal nestes días que nomeados guionistas de cine traballen directamente para o mercado do cómic, mentras que a industria cinematográfica non fai máis que explotar o filón das adaptacións dos cómics de editoriais coma Marvel, DC ou mesmo dos grandes mestres do xénero como Alan Moore, Frank Miller ou Will Eisner.
Nunha época de crise coma a que atravesamos, o cómic supón a solución perfecta para dar saída ós talentos creativos cun orzamento mínimo. Ó fin e ó cabo, os máis caros efectos especiais e as nóminas dos actores mais prestixiosos vense reducidos ó custo de lapis e papel cando falamos de banda deseñada. Joss Whedon, creador de series de televisión tan famosas como Buffy e Firefly, tras sofrir nas súas carnes o duro golpe de ver as súas series canceladas por falta de audiencia, non tivo ningún tipo de reparo en acudir ó cómic coma medio para continuar as súas series, ofrecéndolles os seus seguidores unha oportunidade de seguir as aventuras que doutro modo terían quedado inconclusas. Pero a cousa non queda ahí. Moitos creadores, aproveitando as facilidades que ofrece a banda deseñada e fuxindo de encorsetados presupostos, restriccións creativas e imposicións empresariais motivadas pola audiencia, crean as suas novas propostas directamente para o mundo do cómic. Estes exemplos son probas vivas de que a banda deseñada acada a sua madurez e que se mide en igualdade de condicions que outros medios dentro da industria do ocio
Todo isto e un síntoma inequívoco de que algo está cambiando e que por fin, o cómic coma medio, empeza a mirar a seus irmáns de ti a ti, reclamando o peso que lle corresponde coma membro da familia, con tódolos seus dereitos e por suposto con tódalas súas responsabilidades.