Bibliotecas, oasis de BD
Debemos fomentar a presenza da BD nas bibliotecas
Aínda que levo un bo anaco pensando nisto, a verdade é que non teño unha viva lembranza de cal foi a primeira banda deseñada que lin. Supoño que os candidatos máis posíbeis deberían ser ou ben algún Mortadelo ou ben algún Don Miki que meu pai me mercou no quiosque da esquina. Sen embargo, non teño ningún tipo de lagoa mental sobre o momento en que Tintín e Obélix entraron na miña vida. Foi grazas á biblioteca da miña cidade que atopei un mundo novo de personaxes e aventuras por descubrir.
Como a cabuxa tira ao monte, non dubido que co tempo tería chegado a estes tebeos dunha ou outra maneira, pero esa biblioteca, que idealizo nas miñas lembranzas, facilitoume moito a tarefa.
Non pensedes que toda esta historia é gratuíta, porque hoxe quero reivindicar, desde aquí, o papel, fundamental na miña opinión, que as bibliotecas e entes similares xogan, nuns casos, ou terían que xogar noutros, na difusión da banda deseñada.
Sempre andamos a voltas co rol que a banda deseñada ten na veciña Francia. Non hai dúbida de que moitos factores pesan na balanza, pero creo que tampouco haberá dúbida posíbel de que un dos que máis pesa é aquel que di que en Francia a banda deseñada ten éxito porque todo o mundo le banda deseñada. A este punto é ao que debemos aspirar.
Para conseguilo, as bibliotecas son unha parte fundamental do mecanismo.
Moita xente dime que, desde o punto de vista do libreiro que son, as bibliotecas non me fan ningún ben. A súa lóxica é que se a xente pode ler os cómics de balde, no os van mercar. Eu non podo estar máis lonxe desa dinámica de pensamento.
Coido que o primeiro que se debería facer é crear lectores. Se chegamos a conseguilos, os compradores non tardarán en seguilos.
A experiencia demostra que nas comunidades onde se está a prestar un especial coidado á presenza da BD nas bibliotecas, son nas que se dan uns índices de lectura superiores á media. E estes índices non se limitan somente aos lectores de cómic.
Dun tempo a esta parte, en Galicia, parece que o apoio institucional presta a debida atención á banda deseñada. Os institutos reciben partidas económicas exclusivas para a presenza do cómic nas súas bibliotecas e os resultados non tardan en deixarse ver. De ser lugares que os alumnos non pisaban salvo ameaza, coa inclusión do cómic, pasan a ser lugares de uso común para os estudantes.
Na maioría das ocasións, esta presenza do cómic nas bibliotecas ven dada polo labor persoal do encargado da mesma, ou no caso dos institutos porque algún dos membros do consello escolar é afeccionado e toma a causa como algo persoal.
A xeito de exemplo, é exemplar neste ámbito o labor levado a cabo pola Biblioteca de Porriño e a súa comicteca, o traballo conxunto das bibliotecas da cidade da Coruña ou do clube de lectura de BD auspiciado pola asociación Espazo Lectura no Val Miñor. Son só uns poucos exemplos de bo traballo neste sentido.
Como dixen antes, en moitas ocasións a diferenza entre unha cidade cunha biblioteca que presta atención á BD e outra que carece dela, vai no feito de ter alguén que lle dea a importancia que merece. Por esta razón debemos fomentar a presenza da Banda Deseñada nas bibliotecas. Se na túa cidade tes unha biblioteca e a sección de BD non é todo o boa que debera ser, fala co bibliotecario e fai algo por mellorala.