A dura vida dunha novidade
“Son unha novidade e a miña esperanza de vida é de 4 días”
Esta tarxeta de visita poderíana esgrimir o 95% das novidades de cómic que saen á luz cada semana no noso mercado. Estamos a vivir unha bonanza editorial nunca antes vista no noso pais. Hoxe en día, a oferta de banda deseñada á que pode acceder o amador é amplísima. Sexa cal for o gusto do comprador, hai un cómic esperando por el. Sen embargo este frenesí de saídas está conseguindo que o afeccionado case non teña tempo de asimilar a oferta chegando a verse totalmente sobrepasado nas súas visitas ás librerías.
Mais este ritmo constante de novidades está acorde coa realidade do mercado ou polo contrario estamos presenciando un globo que se vai inchando e acabará por estoupar?
Tendo en conta o secretismo das editoriais (salvo contadas excepcións) con relación ás cifras de vendas dos seus productos, non podemos facer outra cousa que elucubrar sobre a realidade do mercado. Esta realidade dinos que malia que cada día hai máis amadores da banda deseñada, aínda estamos lonxe do modelo francés onde todo o mundo ten o hábito de mercar comics e a única diferenza é que hai compradores habituais e compradores ocasionais. No noso entorno, o afeccionado é o principal valedor das vendas, en canto que o público xeralista só ten algo que dicir cando falamos de determinados títulos moi determinados. Este afeccionado ten un orzamento limitado e por moitas novidades que sairen ó mercado, os cartos seguen sendo os mesmos, polo que as adquisicións máis que aumentar, o que fan é diversificarse.
Polo tanto, se máis opcións de compras non significan máis vendas, como é posíbel que o ritmo de saídas non decaia, e o ritmo de novidades continúe a medrar?
Os factores poden ser varios, pero o máis importante ven dado porque as grandes editoriais (léase Planeta, Panini, Norma, etc…) non poden permitirse perder unha cota de mercado a favor das súas rivais. “Non importa se nos non vendemos, o importante é que os demais non vendan”. O primero paso para isto é impedir que os produtos da competencia teñan presenza nas estanterias, e a única maneira de conseguilo é inundando ese espazo con produto propio. Todas estas grandes asumen as posíbeis perdas iniciais, con vistas a estar introducidos no mercado e sen rivais, cando chegue o momento axeitado.
Por suposto, os principais damnificados son as pequenas editoriais e os autores noveis, que ven como os seus produtos non poden soportar o ritmo imposto polo actual mercado, ficando condenados a un paso testemuñal polas librerías, sen o tempo necesario para que o público chegar e siquera ver o que teñen que ofrecer.
Este tipo de produto máis minoritario ou con menor apoio editorial, depende da militancia ou dos gustos persoais do libreiro para que a súa presenza nas bancadas sexa longa abondo para que polo menos o comprador chegue a coñecelo e poida exercer a súa opción de compra.
É de supor que só é cuestion de tempo que esta situación acabe por rebentar, estabilizándose o mercado, adaptándose o número de novidades ó numero de ventas reais. Entretanto, os afeccionados gozaremos deste momento coma nunca antes o fixéramos, tendo á nosa disposición case o total da oferta “tebeística” actual.