Cada vez que dis “banda deseñada” morre un gatiño
Vivimos un momento eufórico, de títulos, de autores, de cifras, de todo... ¿blum ou bluff, “no future” ou a “idade de acuario”? Outra ollada panorámica e crítica á cuestión da banda deseñada estatal. Advertimos!: A perspectiva negativa pode ferir sensibilidades.
Novenoscopio
28 / 11 / 2007
Hai dúas verdades incontestables:
1/ No estado non se vende suficiente BD como para alcanzar un volume de cartos que permita pagar ós autores dignamente.
2/ No proceso de elaboración dunha bd os únicos que deixan de cobrar son os autores, e nalgúns casos os editores. Maquetadores, deseñadores, imprentas, distribuidores cobran relixiosamente.
É unha cadea de intereses, en España os que teñen máis interes pola edición dun cómic son os propios autores, seguidos dos editores, os demais membros da cadea poden pasar sen el; "se non cobro non traballo".
¿Cal é a solución, se é que a hai?
¿Non traballar se non se cobra dignamente, folga de autores ó unísono? Non creo que se poda pedir iso; moitos, ou a maioría, dos autores que traballan no estado levan a cabo unha obra persoal, apartada dos canles comerciais, unha aposta; se se consegue rendabilidade ben, no caso contrario seguirán publicando ou autopublicando.
¿A autoedición? É posible que para moitos destes autores “non comerciais” sexa o xeito definitivo; se sae ben, moito mellor que publicando coa editora (os marxes de beneficio van todos as mans do autor), pero se sae mal, todo o traballo alleo ó creativo e os cartos e tempo invertidos tamen pasan a recaer sobre os propios autores.
¿Publicitar dun xeito máis efectivo a BD? Tradicionalmente as editoras de BD só se publicitan nos medios propios, conseguindo atraer a atención dos mesmos lectores, e non atraendo a xente nova. Esta situación é moito máis clara dende a chegada de Internet pola proliferación de medios informativos propios do medio. Igual debería publicitarse o cómic en revistas especializadas doutros sectores receptivos á cultura como as revistas de literatura, música, ou videoxogos.
¿Traballar para fóra? Para os autores iso está ben a nivel persoal, pero non repercute na creación dunha industria autóctona.
¿Traballar para medios non especializados? Moitos dos profesionais mellor pagados do estado traballan facendo cómics para medios que son alleos ó medio, dende o Capital ata o Training & Development Digest. É unha canle alternativa e viable, pero escaso, e pode que voluble.
¿Subvencións estatais? Dende o meu punto de vista privado e intransferible, depender disto é pan para hoxe, fame para mañán. Agora en Galicia temos, por sorte, a atención da Xunta, pero se non se estructuran ben esas axudas (esperamos que así sexa) so servirá para que os autores desta xeración concreta poidan vivir uns anos de subvencións, e acaben marchando fóra ou voltando a situación inicial. En vez de BOOM da BD, comezaría o bluff.
Supoño que a solución pasa por todas e ningunha das respostas ás anteriores preguntas. Agardo que as cousas vaian o mellor posible e esta xeración sexa a primeira de moitas que poidan adicarse a isto, coa atención e o recoñecemento que merece.