O máis "in" da nova banda deseñada de autor (4)
Elvis Studio e Anders Nilsen; a loucura e a filosofía. Dous puntos de vista opostos para analizar o mesmo, a condición humana; os seus desexos, a súa percepción da realidade, o seu lugar no universo.
Novenoscopio
14 / 2 / 2007
Helge Reumann e Xavier Robel (Elvis Studio)
Forman en 1996 o Elvis Studio traballando tanto xuntos como por separado simultaneando ilustración e banda deseñada. Ambos poden remitirnos a outros artistas "brut" que exploran estes mundos salvaxes da loucura como Blanquet ou Gary Panter.
Reumann (1966) nado en Zurich, estudou artes decorativas en Xenebra de 1985 ata 1990 e especializouse en Ilustración. É todo un primitivista, a través dos seus cómics mudos de formas xeometrizadas cuestiona a modernidade e a enfermidade moral que ás veces parece conlevar, confrontándoa coa natureza.
Os traballos do autodidacta Xavier Robel (1971) non están moi alonxados dos parámetros do seu compañeiro; formas xeometrizadas aínda que cunha tendencia máis abstracta e habitualmente xogando inxeniosamente con tintas de cores pouco convencionais e a ornamentación (o seu irmán Nicolas é parte de B.ü.l.b. comix a editora de banda deseñada en serigrafía), as súas historias lidian máis co tema das pulsións e os desexos dun xeito críptico e máis experimental que as do seu compañeiro.
Xuntos realizan ilustracións narrativas de grandes dimensións onde os seus mundos colisionan de forma violenta, traballos estes con claras reminiscencias de Brueghel ou ElBosco.
Anders Nilsen
Nado en Minneapolis no 1973 non lembra un tempo no que non debuxara é por iso que el se considera autodidacta pese a que estudou na escola de arte de Chicago. Arte contemporánea, instalacións, que tivo que abandonar ao bater coa realidade das galerías e o público, pese a todo segue interesado nunha abordaxe multidisciplinar; " facer cómics é unha cuestión de clase, quen se pode permitir facer arte e gastar todos ese cartos nel? Calquera pode facer cómics cun papel e un lapis", "se me ofrecen espazos nos que facer instalacións, fareinas".
"Cando non sabes o que facer coa túa vida debes pensar no que querías facer cando tiñas 12 anos, e simplemente facelo" iso foi precisamente o que o reencontrou coa banda deseñada, comezou a mandar cómics sobre as súas vivencias aos amigos e ó final acabou colléndolle o gusto.
No gráfico o traballo de Anders Nilsen e informativo, liña xornalística, deudora das súas dous maiores influencias Hergé e Chester Brown. No argumental parece decantarse por un contido filosófico (o nome do seu cómic book Big Questions dá unha pista sobre isto). O seu interese céntrase sobre todo na experiencia da realidade, a teoloxía, espiritualidade.
Ten publicado en castelán "Mitologías" e prepara para o mercado norteamericano moitos proxectos; unha colección de tiras ("Monologues For The Coming Plague"), unha historia que continúa os apuntes sobre Sísifo contidos en "Mitoloxías" baixo o título provisional de "The End", e ademais un libro, non de cómic, que recopila material arredor da recente morte da súa moza ("Don’t Go Where I Can’t Follow").