O mito do artista
O xenio, o maldito, o excéntrico, o tolo, o traumado; todas lentes a través das que deformar e denostar a figura do artista -que no mundo da arte plástica levan anos a desmontar- parecen ter encontrado unha nova eira onde arraigar, a BD.
Novenoscopio
22 / 11 / 2006
Atrás dos muros
Case sempre cando se fala de artistas a figura arquetípica que nos ven á cabeza é a do personaxe afastado da sociedade por unha razón ou outra; xenio, maldito, iluminado, excéntrico, louco, ou traumado.
Esta distancia entre arte e sociedade tamen é palpable en termos museísticos e na opinión público; posiblemente xunto á política a arte contemporánea e un dos eidos da actividade humana con peor imaxe.
Petando na porta
Dende o mundo da arte plástica moitas son as voces que se están a erguer contra este concepto, conscientes de que o considerar os autores dese xeito desautorízase en certo modo a súa arte e a súa mensaxe. Este desprezo remóntase á intención de Platón de expulsar os poetas das polis por considerar que as súas mensaxes confundían o pobo.
Agora unha parte deses poetas están a petar nas portas das cidades para voltar a entrar, subvertir o poder e a lóxica, e retomar o seu sitio no pensamenteo crítico contemporáneo.
Outro muro que lamentar?
No entanto no eido da BD moitos autores parecen buscar papeletas para seren expulsados. A tan visible agora división entre “gafapastas” (por intelectuais) e “pijameros” (por superheróicos) non é máis que un claro signo do afastamento do cómic dos gustos da masa.
A medida que o cómic entra no mundo da arte plástica a porta da polis ábrese un chisco máis para os seus autores.
Canto ten isto que ver coa ristra de personaxes autobiográficos, ou semi-autobiográficos afectados? Eu creo que bastante.
Aínda que este xenero costumista tan en boga da autobiografía ten dado grandes obras e as segue a dar, tamén cultiva certo culto á personalidade diferente; o excéntrico de Seth, Pope, a traumada de Phoebe Gloeckner, Marjane Satrapi ou David B, o tolo, traumado, excéntrico de Crumb, etc. Un culto magníficamente pariodado por Todd Solondz nunha escena do seu filme Happiness no que unha das protagonistas de profesión escritora, sumerxida nun bloqueo creativo verra “¡oxalá tivese sido violada cando era nena, así tería algo sobre o que escribir!”.
Non estamos tolos, sabemos o que queremos
Por suposto todos estes autores son así, e dificilmente podo eu pedirlles que cambien. O que pido é que cambie o concepto que temos deles. O que fai interesante as súas historias autobiográficas non son as súas interesantes e estrañas vidas, é a súa maestría á hora de contar historias, o seu criterio.
Moito crítico fala do “relato de vidas anodinas” como dunha enfermidade derivada da moda da autobiografía. O problema non son as vidas anodinas, na miña opinión, senón a falta de talento de moitos dos autores que fan autobiografía sen conseguir darlle o menor interese. Un mal autor pode conseguir unha BD anodina dunha vida anodina, pero tamén dunha vida fascinante.
Non confundamos emisor con mensaxe. Non expulsemos os poetas da polis.