Xeografía do paraiso
Algúns ven reflectido o mito de David contra Goliat, outros os da serpe no paraíso. L’Association “L’Amonta” en Angouleme ¡Vive Menu! ¡Vive La France! ¡Vive La Resistance!
Novenoscopio
22 / 3 / 2006
Orografía determinante.
A vila de Angouleme desde o aire debe ter o aspecto dun ovo escachado contra o curuto dun monte. O seu centro-xema coincide co cumio e exténdese en forma de clara para abaixo e en todas as direccións. Esta orografía contribuíu a aumentar a sensación de inabarcabilidade dun festival xa de por si xigantesco. Moito máis cando este ano sumábaselle a peculiaridade de que as casetas das editoriais estaban espalladas por toda a vila debido ás obras de reforma que se están a levar a cabo no recinto habitualmente utilizado para o evento.
O cal tivo tamén as súas repercusións políticas; as editoras independentes laiábanse do seu lugar marxinal dentro do mapa da celebración. En canto as grandes editoras gozaban do centro da poboación, elas ficaban na parte baixa da mesma, o que persuadía a moitos de visitar os seus stands, só un pequeno espazo resistente cal aldea gala que aturaba os embates da invasión “imperialista”; L’Association abríu a súa propia tenda no centro onde só vendían material independente.
Con calma, hai para todos.
Festival xigantesco, lista de convidados interminable. Ollases onde ollases había autores, de todos os estilos (de Huizenga a Mignola), asinando, o que facilitaba que non houbese moita cola, e mesmo houbese momentos de absoluto tedio (p. ex.; Brian Talbot estivo papando moscas durante moito tempo).
Destacaba o coñecemento do medio e respeto aos autores que amosaban os visitantes, pedíndolles debuxos tiñan que ver co seu traballo e levando o album consigo; a ninguén se lle ocurría pedirlle un Spiderman a Jason e moito menos levar follas brancas para que lles asinasen.
Aínda así L’Association tamén quixo mostrar o seu disgusto nas charlas que organizaban baixo o lema "Literatures Pirates", calificando o sistema de dedicatorias como "cheo de abusos e de desviacións".
Dous mundos paralelos.
Pese á frontalidade de L’Association, o choque non parecía ser tanto entre os independentes e as grandes, máis interrelacionados do que Menu e os seus compinches quixeran (o premio do festival e próxima presidencia de Trondheim o demostran). Si se daba entre unha masa de xóvenes lectores de manga fronte os clásicos lectores de BD francobelga. Dous tipos de editoras e de cómics, que aínda a pesar de estar preto no espacio parecían estar en planos diferentes do multiverso. Se ben os stands de editoras clásicas estaban concurridos os de manga estaban repletos e desprendían esa enerxía que só os otakus parecen posuír.
Tras voltar á casa, aparecen dous mundos paralelos tamén: A saneada industria francesa onde os artistas teñen un discurso e permítense dar clases maxistrais de cómic no espazo dunha libraría, e a sub-industria española onde os autores deben sentirse agradecidos por publicar en penosas condicións e aos que moitas veces se lles priva de voz no debate de como crear unha industria autóctona real.