Conversas (im)posibles 1: Crumb e Zappa
Imaxina que estamos a mediados dos setenta nun remoto lugar dos USA. Imaxina que dúas iconas da contracultura americana se encontran: O historietista Robert Crumb e o rockeiro Frank Zappa.
Novenoscopio
24 / 8 / 2005
Ano 1976, un bar nunha pequena vila do medio oeste dos EEUU. Un home de personalísimo bigote e aspecto estrafalario entra no lugar; a clientela local, desde a barra, non lle quita ollo. Senta na única mesa xa ocupada, nela ri só outro home, apocado, nervioso, con voz nasal, bigote e gafas. Dous grandes xenios da contracultura americana, de vidas ás veces paralelas, falan por primeira vez.
Os bos vellos sons.
Frank Zappa: Robert Crumb supoño.
Robert Crumb: Traes o vinilo?
FZ: Aquí está, "Pan American Blues" de Bailey. Unha xoia, ten un dos seus mellores solos de harmónica.
RC: Non hai nada como estas vellas gravacións, se queres máis tarde na casa amósoche a miña colección de 78 rpm.
FZ: Claro, prefiro o R&B dos cincuenta, pero por que non? Seguro que tes máis dunha marabilla.
I left my heart in San Francisco.
RC: Quen ía dicir que un deses músicos de San Francisco puidera ter tan bo gusto?
FZ: Frisco? Trabúcaste, nunca vivín alí.
RC: Non? Eu si, un sitio moi estresante, por iso me mudei. De todos os xeitos a túa música é tan ruidosa como a deles.
FZ: Ha ha. Non creo. Nada me une a eses panocos. Sen embargo ti si que fuches parte do movemento hippy, non si?
RC: Cando vin a Frisco atraído polo sexo libre e as drogas era un idealista, pero dinme conta de que non sirvo para seguir ningún dogma.
FZ: Ou sexa que fuches parte do experimento.
RC: Uh?
FZ: Estou convencido de que a explosión psicotrónica de Frisco non foi máis que un experimento do goberno para probar o LSD en grandes poboacións.
RC: Nese caso terei que darlles as grazas…
Ao outro lado do espello.
RC: …No ‘65 estiven metidísimo e foi nesa etapa que creei todos os meus personaxes máis famosos, o ácido cambióu a miña visión.
FZ: Moitos din iso. Eu creo que é malo. Non digo que ninguén deba tomalo nin nada diso, pero na miña banda está prohibido.
RC: Oín esa historia. A xente de Frisco dicía que eras un tipo rancio, por iso tamén e por ter montado a túa discográfica. Dicían que pasaras ao inimigo.
FZ: Se a xente da miña banda non pode tomar drogas é porque eu lles pago 200 $ á semana para traballar con profesionáis. Tes falado con alguén que estea colgado? Non teñen nada que dicir. Son xente morta...
Autoeditores.
FZ: ...Sobre a discográfica, que ten de malo querer tocar o que me gusta? Sendo o meu propio xefe non teño nin censuras nin presións, podo facer o que me pete.
RC: Entendo o que dis. Ese é o motivo polo que nós facíamos fanzines como Zap! ou Head Comix. Ademáis, as discográficas… Os de Columbia escarallaron o meu traballo para o disco da Joplin “Cheap Thrills”, non teñen nin idea.
FZ: Cheap Thrills… sóame he he. Que me vas contar? Precisamente estou tendo problemas agora coa Warner. Comparto a túa idea de integridade profesional.
Baixo a sombra da EC.
RC: Por ela rexeitei unha suculenta oferta do Playboy que me chegou a través do meu colega Harvey.
FZ: Kurtzman?!!! Sempre fun un fan da EC! Aqueles cómics dos anos 50: terror, crime, bélicos, eran magníficos. Se non fose polo selo "Comics Code" co que as editoriais comezaron a autocensurarse!!!
RC: Si, tenme axudado moito, estiven a piques de publicar na súa revista Help! Pero cheguei xusto o día que pechaban.
FZ: Falando de pechar, parece que nos botan, que che parece se me achegas a esa granxa túa e me ensinas iso?
RC: Keep on truckin’, nese caso.